Inicios
A nosa Selección ten unha pequena historia de esforzos e méritos. A historia comeza en Ferrolterra, no campo do Cadaval de Narón, o 20 de xullo do 2012. Nese día, rodeados de eucaliptos e fieitos entre os cales aínda debe estar algún dos balóns, debutou a Selección Galega Masculina cunha emocionante vitoria fronte a Bretaña por 5-08 (23) a 3-08 (17).
Este primeiro partido e a festa posteriores labraron unha boa amizade cos compañeiros bretóns que derivou ao verán seguinte na visita galega á Bretaña. A ocasión que deseñaron os de Breizh non puido ser mellor: partido o 11 de agosto de 2013 no Stade de Kerolay dentro dos eventos do Festival Intercéltico de Lorient, un dos máis prestixiosos do planeta no seu eido. Tomaron vinganza dos galegos cun resultado de 3-12 (21) a 1-8 (11) mais a experiencia foi única dende o punto de vista deportivo e tamén humano.
No 2014 a Selección Galega non quixo perder a súa rutina e, ao non concretarse partidos no estranxeiro, a AGFG organizou dúas xornadas de fútbol gaélico no noso país. En ambas as dúas houbo por fin competición masculina e tamén feminina. O debut das galegas non puido ser mellor cunha brillante vitoria fronte a Madrid por 13-18 (57) a 2-06 (12) no campo da Baiuca da Estrada o 9 de agosto do 2014. Os homes non desmereceron e tamén gañaron por 11-11 (44) a 2-13 (19).
Aparecía en escena nesas datas Jerry Holmes, un irlandés que traía baixo o brazo un proxecto de tres meses co que desenvolver a Liga Galega e que, polas voltas do destino, hoxe en día prolongou a súa estadía e é o adestrador feminino da Selección Galega. Da súa man chegaron a Galicia o 4 de outubro de 2014 dous combinados de xogadores irlandeses representando ao seu país que, diante de numerosos siareiros no Monte da Vila do Grove, gañaron non sen dificultades aos equipos galegos. As irlandesas gañaron 3-22 (31) a 2-08 (14) mentres que os seus compatriotas tiveron que remontar en varias ocasións para imporse finalmente por un axustado 3-21 (30) a 5-10 (25).
Detalle de convocatorias e resultados dos anos 2012-2014.

Xogos mundiais 2015: Abu Dhabi
Grazas a esta historia persoal e deportiva, a Selección acadou o dereito a unha praza na primeira edición dos 2015 GAA World Games Abu Dabi, os primeiros Campionatos Mundiais de fútbol gaélico cos que a Gaelic Athletic Association recoñecía a recente expansión fóra da Irlanda deste deporte nacido nese país no século XIX. A participación galega foi excepcional.
Na competición masculina a Selección rematou subcampiona, sendo derrotada na prórroga da final 0-4 (4) a 1-4 (7) a favor de Arxentina. Pola súa parrte a selección feminina foi terceira tras caer na semifinal contra Oriente Medio e imporse a Sudáfrica.
Detalle de convocatorias e resultados dos I World Games.

Xogos mundiais 2016: Irlanda
Os combinados galegos xogaron outros amigábeis de novo en Bretaña o 16 de agosto deste 2015 co gallo da I Copa Intercéltica e do Festival Celta de Lorient. As mulleres perderon por 3-10 (19) a 0-9 (9) mais os rapaces gañaron aos bretóns por 0-13 (13) a 3-09 (18).
No verán de 2016, un ano máis tarde da primeira e exitosa edición dos GAA World Games, celébrase a segunda edición, esta vez nas terras que viron nacer este deporte e onde son relixión, Irlanda, coincidindo co centenario da súa independencia.
Na competición masculina a Selección rematou no terceiro posto (campión do torneo Plate) . Tras unha brillante primeira fase, gañando contundetemente a Bretaña, empatando contra a potente Sudáfrica e tras unha derrota contra os á postre campións, Nova York, os nosos non foron capaces de clasificarse para a final ao quedar segundos no grupo da segunda fase, superando amplamente a Alemaña e Arxentina pero caendo por 1-04 (7) a 0-09 (9) contra Francia, que acabaría subcampiona. Con isto, Galicia quedaba clasificada para o grupo Plate, onde as victorias contra China, Chicago e San Francisco coronábana como campiona do torneo Plate, equivalente ao 3º posto global.
Pola súa parte, na competición feminina a Selección Galega foi quinta (campiona do torneo Shield). As nosas guerreiras quedaron apeadas na primeira fase logo de gañar folgadamente a Europa 2, pero caer contra Canadá e Nova York, clasificándose para o torneo Shield xunto con Europa 2, Francia e Sudáfrica, que consistiría nunha liguilla e unha posterior final entre os 2 primeiros da mesma. Con dúas victorias, e unha derrota pola mínima contra Francia (7 a 8), a revancha contra as francesas chegaría inmediatamente despóis na final, caendo do lado galego por 12 a 11.
Detalle de convocatorias e resultados dos II World Games e amigables de preparación.

EuroGames: A explosión do gaélico feminino
Tras os éxitos colleitados en Irlanda, os seleccionadores femininos, Jerry Holmes e Carlos Torres, presentaron a súa renuncia a continuar no seu posto, por incompatibilidades cos seus traballos. O novo corpo técnico estaría formado por un Pablo da Silva e Santi Rodríguez, adestradores dos combinados femininos de Estrela Vermelha e Herdeiras de Dhais, respectivamente. Eles dous máis o adestrador masculino, Alexandre Sanmartín “Jano”, iniciarían a preparación do primeiro campionato europeo de seleccións en agosto de 2018, e con outro obxectivo no horizonte: o caramelo dos III Xogos Mundiais de 2019 e a hipotética celebración do II campionato europeo na nosa terra.

Novo corpo técnico e pre-convocatorias contra Francia.
Amigable Galicia – Francia 2017
A primeira parada foi un dobre amigableo 18 de marzo de 2017 contra Francia, actual subcampiona masculina, e que se impuxo a ambos combinados galegos no anterior Mundial. Tratariase dun partido histórico para o fútbol gaélico mundial, non só pola entidade de ambos conxuntos, senón por tratarse do primeiro partido de fútbol gaélico televisado en directo (TVG2) fóra de terras irlandesas. O emociante partido feminino acabou nun empate total, 5-13 (28) a 5-13 (28), mentres que os galegos, nunha tarde nefasta onde todo saiu mal, caeron por 2-11 (17) a 7-29 (50). En todo caso, os nosos darían boa conta das leccións aprendidas.
Especial amigable Galicia – Francia (2017)

EuroGames 2018
O verán de 2017 sería o primeiro en moitos anos no que a selección descansou activamente, pero comezaría a tempada de forma intensa para preparar o seguinte gran desafío: os EuroGames de Lorient 2018, un proxecto que nacería co fin de promocionar o fútbol gaélico entre europeos non-irlandeses. Enmarcado dentro do Festival Intercéltico de Lorient, esta edición celebraríase o fin de semana do 11 e 12 de agosto de 2018 e participarían tamén os combinados de Francia, Alemaña, Occitania e Bredaña, como organizadores. Os seleccionadores apostaron por un cambio na preparación do torneo, adaptando en certa maneira o que aprenderon dos franceses, baseada en xornadas de concentración durante a tempada, e unha preparación exhaustiva nas derradeiras semanas. Mala decisión non debeu ser, xa que ambos combinados superaron invictos a fase de liguilla, e competindo ambas finais ata o último suspiro. Ao final, os rapaces quedaron subcampións ante Francia (15 a 10, demostrando a mellor con respecto ao amigable de 2017), mentres que as rapazas acadaron o título, tamén ante Francia, tras imporse 28 a 24 na prórroga.

Sen tempo case para respirar, na tempada 2018/19 pronto comeza a preparación do gran evento: os III World Games de Dublin ’19.
Detalle das convocatorias e resultados do 2017-2018.
Xogos mundiais 2019: Volta a Irlanda
Tras os éxitos acadados no 2018 en Bretaña, as seleccións afrontan os seu seguinte gran evento: a terceira edición dos GAA World Games, o maior evento internactional de deportes gaélicos, que se celebraría dende o 29 de xullo ata o 2 de agosto en Waterford, Irlanda.
Torneos preparativos
Durante a tempada 2018/19, a selección afronta diferentes amigables de cara a preparar a cita. O 9 de marzo, aprobeitando a celebración da segunda edición do Torneo Garañón, organizado por Irmandinhos A Estrada, a selección feminina desputou un partido amigable contra o equipo irlandés Kilglass Gaels.

Unha semana despóis, o 16 de marzo, ambos combinados desprazáronse a Madrid para participar no prestixioso torneo internacional que cada ano por estas datas organiza o club de fútbol gaélico Madrid Harps. Trátase dun torneo de carácter amistoso pero cun gran nivel competitivo. Foi, precisamente, a elevada e contrastada calidade dos equipos que participan na copa dos “Harps” o que motivou aos preparadores galegos a inscribirse, porque o obxectivo principal das nosas seleccións en Madrid non era outro que o de coller minutos e experiencia competitiva no camiño preparatorio dos GAA World Games.
No torneo, que se celebrou no campo de rugby de Hortaleza, participaron 10 equipos. No apartado feminino Galicia encadrouse nun grupo único de 4 escadras xunto con Shamrocks (Madrid), Leprechauns (Madrid) e St Jude’s GAA (Bournemouth, Inglaterra). No eido masculino participaron 6 conxuntos divididos en 2 grupos de 3 equipos, onde Galicia quedou enmarcada no grupo B xunto con Madrid Harps GAA “B” e Wandsworth (Londres), mentres que no grupo A participan Harps GAA “A”, Zurich Inneoin GAA e St Judes.
Finalmente a selección galega feminina corouse campioa do torneo tras vencer a Madrid 3-13 (22) a 0-05 (5), mentras que a masculina quedou subcampioa tras caer ante precisamente os madrileños por 0-05 (5) a 0-03 (3).

III World Games
Tras estes compromisos amigables, os seleccionados voltaron á rutina das competicións ata o seu remate o 1 de xuño, data na que se celebrou a Final do Campionato Ibérico en Barcelona. Unha vez rematadas as competicións, os preseleccionados afrontaron dous meses de duro adestramento para chegar na mellor forma posible a Waterford. Ambos combinados partirían o 26 de xullo para terras irlandesas.
Na competición masculina a Selección caeu en oitavos de final. Na fase de grupos, Galicia quedarían encadrados con Asia, San Francisco GAA e os imbatibles New York GAA, que se xogaría a dobre volta. Os galegos venceron de forma contundente a asiáticos e californianos. O primeiro partido contra os neoiorquinos caería claramente do lado americano, mentres que o segundo, se ben foi parar tamén para os estadounidenses, estivo igualado durante a maior parte do partido. Superada a fase de grupos coma segunda de grupo, o sistema de competición estableceu que a nosa selección debería xogar unha fase preliminar aos cuartos de final, que nos encadraría contra unha vella coñecida: Francia. Nun partido longuísimo, calificado por varios espectadores coma o mellor partido do torneo, decidiuse na segunda parte da prórroga a favor dos franceses por 16 a 14. Galicia quedaba, polo tanto, eliminada no partido máis competido e coa sensación de que, de ter superado o encontro, podía terse chegado a semifináis.
Pola súa parte, a Selección feminina sí acadou o obxectivo das semifináis. As galegas superaron a fase de grupos coma segundas de grupo, impóndose claramente ás seleccións de Bretaña e USA GAA, mentras caían pola mínima en ambos encontros contra Toronto GAA. Nos cuartos de final, Canada GAA non foron rival para as nosas, que venceron por 13 a 2. Na semifinal esperaban as rocosas rapazas de New York GAA, que demostraron estar a outro nivel impóndose 22 a 7. Galicia remataba, polo tanto, ás portas da final de Croke Park e alzándose co 3º posto.

2020-22: Euro Gaelic Games e pandemia
Coa resaca dos III World Games, un dos maiores retos do gáelico galego emerxía no horizonte: a organización da terceira edición dos Euro Gaelic Games. A antorcha destes xogos viaxaría dende Lorienta ata Pontevedra no verán de 2020. Sen embargo, poucos meses antes a vida de todo o mundo sufriría un parón a causa da pandemia da COVID-19 que asolagou ao mundo en marzo de 2020.
Dous anos despóis da data inicial, o torneo finalmente tivo lugar en Pontevedra e Poio os días 15 e 16 de xullo de 2022. Esta edición crecería exponencialmente respecto á de 2018, pasando de 9 equipos a 25 que sumarían máis de 400 deportistas, supondo o maior reto organizativo ata a data para a nosa Asociación. Debido ao interese suscitado, o campionato contaría cunha categoría Sénior (máximo nivel) e unha Development (de desenvolvemento). Galicia contaría con ata 4 equipos participantes, un por categoría.
A selección feminina Sénior non podería repetir título e deberíase conformar co subcampionato. Acabaría primeira dun grupo composto por Luxemburgo, Francia Dev., Bretaña e Alemaña. Nas semifináis derrotaría a unha das grandes favoritas, Benelux, para medirse a Francia na final, reeditando a final do Euro ’18. Lamentablemente, desta vez a sorte caeu do lado francés levándose o partido por 15 a 10. Pola súa parte, Galicia Development quedaría terceira do grupo conformado por Francia, Benelux, Iberia e GGE Team, avanzando cara a fase final Shield. Nos cuartos de final imporíanse a Alemaña, nas semifináis a Bretaña e, por último na final a Francia Development por 10 a 6, conquistando o título Shield.
Na competición masculina, a selección Sénior chegaría ata as semifináis. Acabaría terceira no grupo único, quedando detrás de Luxemburgo (clasificado directamente para a final) e Francia, e por diante de Bretaña, Iberia e Benelux. Nas semifináis enfrontaríanse de novo a Francia (á postre subcampioa), ante a que caerían 7 a 3, quedando en terceiro posto. Na categoría de desenvolvemento, a selección abaría primeira tanto na primera fase de grupo (por diante de Occitania e Alemaña) como na segunda fase de grupos (por diante de Gascoña e Italia). Nas semifináis imporíase ao GGE Team, vencendo na final a Francia Development por 14 a 9, consumando o dobrete das seleccións galegas en categoría Development.
Resumo resultados e convocatorias Euro Gaelic Games 2022
Especial Euro Gaelic Games 2022

2023: IV World Games
O ano 2023 estaría marcado, de novo, polos World Games, que se celebrarán entre o 24 e 28 de xullo. Será unha cita histórica, non só por preverse a maior participación ata a data (estimados 90 equipos), senón por celebrarse en Derry, Irlanda do Norte.
As nosas seleccións xa preparan o camiño para unha nova cita coa historia!
