Queres que o fútbol gaélico teña presenza na túa comarca? Non o dubides, crear un clube de fútbol gaélico é a mar de sinxelo! Aquí resumímosche os pasos que debes facer. Calqueira dúbida, contacta con nós a través do correo gaelicogalego@gaelicogalego.gal.

1. Conseguir xente e material e comezar a adestrar

O primeiro de todo é xuntar xente e comezar a adestrar! Así foi como comezamos todos.

Non precisaremos grandes cantidades de material para iniciar os adestramentos: unhas poucas bolas, conos, petos, etc. Tamén precisaremos un campo ou superficie similar onde poder comezar a practicar.

A Asociación Galega de Fútbol Gaélico pode proporcionar axuda nos primeiros adestramentos. Unha persoa se responsabilizará de axudarvos nos comezos nos diferentes problemas que poida ter: dirixindo as primeiras sesións de adestramento, emprestando material, etc. Podedes contactar con algún clube próximo ou enviarnos un correo a gaelicogalego@gaelicogalego.gal.

O máis importante é xuntar xente que queira desfrutar deste magnífico deporte!

2. Dar de alta o clube nas administracións

A alta no rexistro do concello dependerá, evidentemente, do concello no que se quere rexistrar o clube. É recomentable achegarse ou chamar aos responsables de deportes para determinar que debemos presentar.

En canto ao rexistro galego, no seguinte enlace detállase a documentación a entregar, modelos de estatutos, etc. así como contactos en caso de dúbida.

A documentación a presentar constará mínimo do seguinte

  • Solicitude de inscrición
  • Acta fundacional
  • Relación dos nomes, DNIs e domicilios dos directivos
  • Acta de aprobación dos estatutos pola Asemblea Xeral.
  • Estatutos do club. Os dous exemplares de estatutos deben estar asinados en todas as follas por todos os fundadores con firmas orixinais (non fotocopias)
  • Xustificante de ter aboado as taxas
  • Certificación negativa de denominación. Este certificado solicitarase ao Servizo de Deportes da Xunta (pode ser necesario facer ata tres propostas de nome de clube).

https://deporte.xunta.gal/gl/rexistro-de-entidades

3. Solicitude do NIF

No prazo dun mes dende a fundación do noso clube, procederemos a solicitar o NIF (Número de Identificación Fiscal), xa que nos será necesario para realizar a práctica totalidade de trámites.

O NIF solicitarémolo no Ministerio de Hacienda, para o cal debemos aportar a seguinte documentación:

  • Estatutos selados polo rexistro (orixinal e fotocopia a compulsar)
  • Acta fundacional (orixinal e fotocopia)
  • Impreso de Declaración Censal (Modelo 036), firmada por un dos socios fundadores (xeralmente o presidente)

4. E a xogar!

Co clube en marcha, xa é hora de competir!

Teremos que resolver un último tema: o campo de xogo. Para a práctica de fútbol gaélico poderemos utilizar calqueira campo de fútbol ou rugby reglamentarios. O máis habitual é solicitar ao concello o uso dun campo municipal. En caso de ter dificultades para a obtención dun campo, faínolo saber! Seguro que atopamos unha solución.

E todo listo! Ponte de novo en contacto con nós para realizar a inscrición do equipo e comezar a rodar o balón.

Enlaces de interese