EuroGames 2018: Entrevista a Adriano Quiroga

Só quedan 30 días para o debut das nosas selección no Europeo de Lorient! Hoxe continuamos cunha nova entrevista, esta vez a Adriano Quiroga, xogador do Estrela Vermelha, que con 25 anos xa é un veterán na selección.

Boas Adriano, un ano máis na selección galega de futbol gaélico. Xa van 3 anos dende o teu debut, precisamente en Lorient ; ilusionado coa volta a Bretaña?

Adriano: Por suposto. Gardo moi bon recordo daquel primeiro amigábel que desputei, no marco do Festival Intercéltico. Mesmo a paliza de ter ido en bus fora divertida, e unha vez alí houbo tempo de escoitar boa música celta en directo e desfrutar do festival. No partido soubemos sufrir e acabamos voltando coa victoria baixo o brazo, aínda que ao final aquilo foi o de menos. Desexando voltar pisar terra bretona.

Campionato Europeo de fútbol gaélico en agosto: como ves o equipo para o primeiro europeo de futbol gaelico?

A: Véxoo moi ben de forma, a verdade. Temos un plantel en xeral bastante xoven que leva moitos meses adestrando duro, e o ambiente no vestiario é fantástico, polo que afrontamos este primeiro europeo con moitas ganas.

Gústache o formato 9vs9 dos Europeos/Mundiais? En que se ve afectado o teu xogo nese sistema?

A: A min persoalmente gústame máis que o de 11vs11. Créanse moitos máis espazos e resulta máis complicado defender, nós temos un equipo rápido cun estilo de xogo moi vertical, polo que creo que podemos sacar máis rédito deste formato que outras seleccións.

Dinos o teu pronóstico para o Europeo!

A: Penso que a cousa vai andar entre nós e os franceses. A priori diría que os favoritos son eles, aínda que non por moito. Son os que por unha marxe estreita nos apearon do pasado mundial; e no amigábel de Ourense déronnos un repaso, sendo sinceros, aínda que aquel día nós xogamos especialmente mal e a eles saíulles todo. Nós atreveríame a dicir que neste momento temos un nivel máis alto que nunca, e a motivación e as ganas de revancha son enormes, así que somos optimistas e esperamos poder darlles a sorpresa.

Grande Adri!