Crónica xornada 18

Fillos de Breogán – Ártabros de Oleiros

O pasado sábado 4 de marzo, disputouse no campo da Torre a volta do derbi das Mariñas que foi, unha vez máis, para os Fillos de Breogán que se impuxeron por 30 a 16 aos Ártabros de Oleiros.

Ártabros amosou no campo a súa melloría de comezo a fin ainda que resultou insuficiente para derrotar a uns Fillos que notaron en demasía as baixas para o encontro.

O partido foi moi desputado, cuns Ártabros que souberon aproveitar a velocidade de Costa facendo un xogo moi vertical. De feito, mediada a primeira parte, os Ártabros mandaban no marcador por un punto; nembargantes, o esforzo físico dos corvos, fixo que os breoganeiros erguesen de novo na posesión do balón e no dominio do xogo, mais os tiros a portería foron salvados grazas á boa actuación do porteiro ártabro, Prosi.

Ao remate, marcador a favor dos Fillos: 4-18 (30) / 3-07 (16).

Máis info: fillosdebreogan.com

 

 

Mecas FG – Ártabras de Oleiros

Este pasado sábado 4 de marzo disputouse no campo municipal Monte da Vila do Grove o Mecas F.G VS Ártabras de Oleiros, correspondente á liga galega feminina de fútbol gaélico, enfrontando a dous rivais directos pola loita na parte baixa da clasificación.

O inicio do partido amosou claramente o estilo de xogo e plantexamento de cada equipo. As ártabras plantaron cara cun xogo directo, conscientes da súa vantaxe no xogo físico. Pola contra, as Mecas apostaron por un xogo de toque que remataba con tiros a paus pero sen esquecer o gol. Deste xeito a primeira parte rematou con vantaxe mínima no marcador das Ártabras por un tanteo de seis a sete.

O partido decantouse na segunda metade, concretamente nos derradeiros dez minutos. Por momentos as Mecas collían vantaxe pero rapidamente a contrarrestaban as Ártabras. Nos últimos minutos, un gol das Mecas e unha serie de paus, déronlle a victoria ao equipo local cun marcador final de 1-16 (19) / 1-10 (13) a favor de Mecas.

Máis info: facebook.com/mecasfg

 

Terras do Eume – Keltoi Vigo

Case simultáneamente ao encontro do Grove, tiña lugar case na outra punta de Galicia, en As Somozas, o encontro entre Terras do Eume e Keltoi Vigo. O equipo vigués fixo valer a súa maior experiencia na competición e decantou o partido ao seu favor con un claro 2-04 (10) /10-15 (45) para os visitantes.

Máis info: facebook.com/mecasfgterrasdoeumefg

 

Cambados FG – Auriense FG

Tamén o sábado tiña lugar, no campo do Pombal, o partido que enfrontaba ao Cambados FG  contra o líder da categoría, o Auriense.

O equipo local saiu extra motivado e púxollo difícil aos ourensáns dende o primeiro minuto. A primeira parte destacou pola igualdade máxima entre os dous conxuntos. A experiencia do Auriense contrarrestou ben o ímpetu que lle puxeron os cambadeses, facendo que ao descanso ambos equipos marcharan con táboas no marcador. A segunda parte foi unha continuación da primeira. Os cambios continuos en ambos conxuntos permitiron manter un ritmo alto no partido, aínda que o momento se trababa un pouco cas faltas que se producían entre ambos conxuntos.

Finalmente, o Cambados impúxose por un so punto de diferencia no marcador 2-06 (12) / 0-11 (11).

Máis info: facebook.com/cambadosgaelico