Xa queda menos para o partido que enfrontará a nosa seleccion contra os combinados franceses, uns dos máis potentes a nivel mundial. Tivemos a oportunidade para falar cos porteiros que se atopan pre-seleccionados para que nos aporten a súa visión do partido. Falamos con Carmen Fernández “Kamy” (Fillas de Breogán), David de la Torre “Cebolo”, Inés Carballo (Estrela Vermelha), Jacobo Dorribo (Auriense) e Jose Antonio Barbeito “Mancu” (Irmandinhos).
Esta é a primeira cita da selección dende o pasado mundial. Como vedes ao equipo?
Jacobo: Pois moi ben. A verdade é que temos un bo nível e non lle vai ser fácil ao seleccionador elexir os 17 convocados.
Kamy: As experiencias previas nos mundiais e nos distintos amistosos ata o de agora sempre foron positivas polo que todas as preconvocadas estamos moi ilusionadas con poder formar parte do equipo e acadar un bo resultado fronte a Francia.
Inés: Aínda non teño unha imaxe moi clara xa que as porteiras temos un adestramento específico e non compartimos boa parte dos exercicios e do tempo co resto, pero confío en que o resultado será moi bo. A xente está con ganas, aínda que non é que teña moito con que comparar quitando a experiencia das compañeiras do Estrela.
Cebo: Con moitas ganas, os partidos da selección son moi motivadores para os xogadores e sempre gusta poder desputar encontros cos mellores xogadores do país.
Mancu: O equipo está adestrando moi ben e cada vez hai máis xente que ven ás preconvocatorias. O nivel subiu moito, o que fai que o equipo sexa mellor.
Moitas caras novas respecto ao Mundial na selección feminina, comezando polo corpo técnico e, tamén na portería. Como vedes ao grupo?
Kamy: Efectivamemte, hai algunhas baixas de moi boas xogadoras con respecto a agosto, sen embargo, a importancia e visibilidade que está acadando o deporte fai que cheguen moitas caras novas que de seguro lle van dar un aire fresco e un impulso renovador en positivo ao equipo.
Inés: Vexo ben ao grupo, aínda que un pouco dende fóra. Con todo, a acollida para as novas foi boa e a parte da ilusión que che fai que te chamen, polo que estou aprendendo, paga a pena ir. En todo caso, o ambiente é xeitoso, apetece ir.
Algunhas xogadoras galegas participaron na denominada selección “Europa”. Como foi esa experiencia?
Kamy: Incrible, poder estar no mundial é algo que non esquecerei. Foi un chisco difícil xa que un equipo feito con xogadoras de 6 nacionalidades, que só xogaron xuntas en 3 adestramentos é complexo que funcione perfecto pero soubemos adaptarnos rápidamente. O peor era estar nerviosa polo meu equipo, a miña actuación e polos compañeiros e compañeiras de Galicia, xa que cando non me tocaba xogar estaba na banda para poder disfrutar dos seus partidos e celebralo con eles e elas.
Francia foi a causante de que a nosa selección non acadara a final de Croke Park en Irlanda. Como porteiro durante ese torneo, como afrontas este partido?
Cebo: Con moitos ánimos de revancha xa que de 9 países rivais no mundial, foi un dos dous equipos que nos venceron. Só espero que nos acompañe un bo día e poder desfrutar do encontro.
Algunha “mania” antes dun partido?
Inés: Non, polo menos da que sexa consciente. Igual debería buscar algunha que me axudase a non empezar sempre tan nerviosa.
Mancu: Sempre me visto da mesma forma, media esquerda, media dereita, mallas, pantalón, bota esquerda ,bota dereita, térmica, camiseta, guante dereito ,guante esquerdo e entrar no campo co pé esquerdo.
Kamy: Teño que confesar que sí, teño algunha manía pero prefiro non ter que explicala (risas).
Cebo: Manías como tal non, pero gústame sempre poñer dous pares de medias para ter o pe o máis apretado posible e botar o que eu lle chamo o “pis do medo”antes de comezar (risas).
Jacobo: Pois si! Entro sempre co pé esquerdo o térreo de xogo!
Que lle diríades a alguén que non coñece o deporte?
Jacobo: Pois que é un deporte moi noble, con alternancias no marcador, divertido de xogar e que tamen imos necesitar do apoio de canta maís xente mellor. Estou seguro de que van disfrutar dun moi bo encontro.
Cebo: Sen ningunha dúbida que veñan, que miren o partido, que coñezan o deporte e que o practiquen nas súas vilas.
Mancu: Que se anime a probarlo, que unha vez o xogas xa che engancha e vendo o ambiente que hai xa fai case imposible deixalo.
Kamy: Que xa está tardando en buscar en internet algún vídeo de fútbol gaélico para quedar namorado deste deporte. Agora mesmo, hai equipos en case toda Galicia así que non hai excusa para non probalo e engancharse. O gaélico é bonito de ver e de practicar, ainda non coñecín a naide nestes 6 anos que me dixera que non lle gusta.
Inés: Que vaian ver o partido. Como mínimo vai ser divertido e é unha moi boa ocasión para coñecer o fútbol gaélico, seguro que despois máis dunha se anima a buscar unha equipa na que probalo!
Recomendades a asistencia ao partido?
Kamy: Por suposto! Hai que ir concienciado con que vai ser a estrea de moitas rapazas e do corpo técnico así que hai que ir a amosar apoio e, ademáis, seguro que vai ser un encontro moi emocionante.
Jacobo: Por suposto, animo a todo o mundo a vir ao campo en Ourense a disfrutar do fútbol gaélico. Estou seguro de que quen non coñeza o deporte vai quedar gratamente sorprendido.
Cebo: Encarecidamente, xa que sera un bo partido: dúas seleccions que xogaron o mundial (2° e 3°) con un nivel moi parello. Sempre é bonito poder animar ao noso pais en calqueira evento deportivo.
Mancu: É un bonito partido para ver, 2º e 3º do pasado mundial e siempre é incrible ver a 2 seleccións enfrontarse, polo que recomendo a todo o mundo ir a ver o partido.