Fillas de Breogán e Keltoi, campións da Copa Galega de fútbol gaélico 2026 disputada na Fieiteira

As Fillas de Breogán alzan un título que levaban nove anos sen catar, mentras que Keltoi repite dobrete nunha xornada con máis de 200 participantes

O pasado 25 de abril celebrouse na Fieiteira a Copa Galega de fútbol gaélico 2026, unha competición que reuniu a máis de douscentos futbolistas de toda Galicia en dúas categorías, feminina e masculina. Tras unha intensa xornada de competición nos campos sintético e natural das instalacións de Fieiteira, as Fillas de Breogán no feminino e Keltoi no masculino foron proclamados campiós desta edición da Copa Galega.

A competición feminina contou con oito equipos divididos en dous grupos, mentres que a masculina reuniu doce equipos en tres grupos, o que converte esta edición nunha das máis concorridas dos últimos anos no fútbol gaélico galego.

Feminino: As Fillas de Breogán levan a copa á Coruña

Na categoría feminina, as Fillas de Breogán demostraron a súa superioridade ao longo de toda a competición. Tras rematar en primeira posición do Grupo A con pleno de vitorias (3-0), as ártabras confirmaron o seu bo facer na fase final, vencendo primeiro ao Grovias nas semifinais por 11-2 e derrotando posteriormente ao Auriense na final por 19-8 tras un forte arranque na segunda metade. Trátase da segunda Copa Galega trala acadada no ano 2017 na Estrada.

O Auriense, que finalizou segundo no Grupo A, conseguiu o pase á final tras superar á Estrela Vermelha nas semifinais por 8-4, pero non puido frear o xogo das Fillas de Breogán na final.

Mención especial para as Lavandeiras de San Simón, que se proclamaron campionas do Shield tras derrotar ao combinado Turonia-Ártabras por 18-4 na final deste trofeo destinado aos equipos que non pasaron á fase final principal. Trátase do primeiro título oficial acadado polo novel club que debutou a tempada pasada.

Clasificación Final Feminina

1. Fillas de Breogán (Campioa)

2. Auriense (Subcampioa)

3. Estrela Vermelha / Grovias (semifináis)

5. Lavandeiras de San Simón (Campioa Shield)

6. Turonia-Ártabras (Subcampioa Shield)

7. Lorchas / Estrela Supernova

Resultados completos en Copa Galega 2026.

Masculino: Keltoi mantén o dominio

Na categoría masculina, o Keltoi confirmou o seu liderado no fútbol gaélico galego ao impoñerse de forma clara durante toda a competición. Os de Vigo remataron a fase de grupos con pleno de vitorias (3-0), mostrando un xogo dominante que lles levou a levantar o trofeo de campións. Nas semifináis voltaron cruzar caras co Estrela Supernova, clasificado como cuarto finalista como mellor segundo de grupo, aos que se imporon 19-6. Na final esperaba o Estrela Vermelha, reeditando a final da Copa 2025 e, ao igual que entonces, a victoria caeu do lado olívico por 15-8. Trátase do segundo dobrete Liga-Copa do Keltoi.

Os composteláns demostraron tamén o seu bo nivel nesta edición da Copa Galega, cun pleno de victorias na fase de grupos e impóndose ao Turonia Gondomar en semifináis por 8-3. Sen embargo, a final tivo dominio vigués, polo que o “rei de copas” (5 títulos para os estreleiros) terá que esperar para voltar a Compostela.

A alegría foi dobre no clube vigués xa que o seu filial, Keltoi Estibadores, acadaba a Copa Shield tras imporse na final a Fillos de Breogán, tras eliminar a Estrela Gaels e Lugh, os outros dous equipos clasificados para esta división intermedia. O cadro de honra complétao Lume de Beltane coa Copa Plate, terceira división en liza, ao imporse a Auriense.

Clasificación final masculina

1. Keltoi
2. Estrela Vermelha
3. Turonia / Estrela Supernova
5. Keltoi Estibadores (campión Shield)
6. Fillos de Breogán
7. Estrela Gaels / Lugh
9. Lume de Beltane (campión Plate)
10. Auriense
11. Lorchos / Tambo Islanders

Resultados completos en Copa Galega 2026.

Unha Copa Galega de consolidación

A Copa Galega 2026 pon de manifesto o crecemento sostido do fútbol gaélico en Galicia, cunha participación histórica tanto na categoría feminina como na masculina, sendo a de maior concurrencia dos derradeiros anos xuntando 8 equipos femininos, 12 masculinos e preto de 250 futbolistas en total. A competición, que se celebrou nunha única xornada nas instalacións de Fieiteira, serviu como preparación para os próximos retos da tempada e como escaparate do talento das e dos futbolistas galegos.

Destaca a participación de tres equipos compostos exclusivamente por futbolistas de categoría cadete: Estrela Supernova (categoría masculina e feminina) e Lugh (categoría masculina).

A próxima cita do fútbol gaélico galego será a vindeira fin de semana, fóra de terras galegas: Maastritch. Alí levarase a cabo o Campionato Europeo sub-15 “Feile”, no que dous destes equipos (Lugh no masculino e Estrela Supernova no feminino) soñan con traer o trofeo á casa. Precisamente o Estrela Supernova masculino xa sabe o que é iso, xa que son os vixentes campións.