Chega a Supercopa de fútbol Gaélico

O Campo da Universidade de Ourense acolle a Supercopa de fútbol gaélico masculina e feminina. Ambos os dous encontros xogaranse en horario de tarde o vindeiro sábado 27 de setembro e serán transmitidos por agalega.gal.

Os encontros responden a estes horarios e rivais:

·     Supercopa masculina (17:00 horas): Keltoi vs Estrela Vermelha

·     Supercopa Feminina (18:30 horas): Auriense vs Turonia Gondomar

Aínda que o habitual é que a Supercopa enfronte aos equipos vencedores da Liga e Copa, neste caso hai pequenas variacións. No caso da Supercopa masculina de fútbol gaélico ao darse o dobrete do Keltoi (campión de Liga e Copa) o seu rival e o subcampión de Liga e Copa, o Estrela Vermelha.

No caso da Supercopa feminina de fútbol gaélico produciuse a renuncia (por falta de efectivos neste arranque de competición) das campioas de Liga que foron as futbolistas do Estrela Vermelha. De aí que xoguen o Auriense (campioas de Copa, subcampioas de Liga) e o Turonia Gondomar (terceiras en Liga e subcampioas de Copa).

Torneo de apertura amigable en horario de mañá

Esta será a última competición da tempada 2024-25 e dispútase a un paso do comezo da 2025-26. De feito, pola mañá, no mesmo escenario do Campo da Universidade de Ourense, está previsto que se dispute un torneo apertura. Trátase dunha competición de carácter amigable, entre o resto de equipos que participarán na Liga.

Este tipo de torneos están orientados a que as novas incorporacións dos diferentes clubs, ou aquelas persoas interesadas en iniciarse na práctica do fútbol gaélico, se animen a probar en partidos digamos “de verdade”, complementando así os adestramentos de pretempada que están levando a cabo os equipos nos seus diferentes clubs.