Gran participación no Torneo Xogade de Friol

O pasado martes 17 de xuño celebrouse o Torneo Xogade no campo da Reigosa, no concello de Friol, promovido pola Asociación Galega de Fútbol Gaélico dentro do proxecto das Gaélico Escolas PuntoGal. A xornada tivo un éxito de participación, contando con participantes dos centros de ensino C.P.I. Dr. López Suárez (Friol), IES Xograr Afonso Gómez (Sarria) e IES Lama das Quendas (Chantada). Trátase do segundo torneo interescolar de fútbol gáelico da provincia de Lugo nesta tempada, trala celebración do Torneo de Nadal PuntoGal.

O campionato contou con 8 equipos, divididos inicialmente en dous grupos de catro:

  • Grupo A: Lamas Neghras (Chantada), God Bless You (Friol), Sarria BRRR (Sarria) e Quendas Neghras (Chantada)
  • Grupo B: Lamas Vermellas (Chantada), Friol Mixto (Friol), Sarria Botafogos (Sarria) e Quendas Vermellas (Chantada)

Os dous primeiros clasificados de cada grupo avanzarían ás semifinais, concretamente God Bless You e Sarria BRRR polo grupo A, e Lamas Vermellas e Sarria Botafogos polo grupo B. A final desputariase entre o equipo anfitrión (God Bless You) e os chantadinos de Lamas Vermellas. A victoria foi para o conxunto local.

A entrega de premios correu a cargo de Mª Angeles Bujan, concelleira de cultura e deporte de Friol, Carlos Lorenzo, coordinador de Deporte Escolar do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, e Alexandre Sanmartín, director das Gaélico Escolas.

O Torneo Xogade destacou pola alta participación, o ambiente festivo e o bo nivel mostrado polos equipos, consolidándose unha vez máis como unha das citas destacadas do fútbol gaélico base.

Album de fotos: https://compartir.gaelicogalego.gal/?Fotos/Gaelico%20Escolas/2025/2025-06-17%20-%20Copa%20Xogade

Torneo da Guarda

A actividade das Gaélico Escolas esta semana non se levou a cabo exclusivamente na provincia de Lugo. Case na outra punta, na Guarda tivo lugar outro torneo de fútbol gaélico na mañá do pasado mércores 18. 145 alumnos da ESO do IES da Sangriña puido disfrutar dunha mañá de fútbol gaélico grazas ao clube local, Grovias, e ao proxecto Gaélico Escolas PuntoGal.

Peche de Liga

Na derradeira xornada da tempada regular, Fillos de Breogán pecha a súa participación en positivo cunha sólida vitoria por 26-13 sobre Turonia no campo das Cercas en Gondomar. Ao día seguinte, produciuse un dos resultados máis salientables da xornada cando Lume de Beltane superou por 27-21 a Estrela Gaels no campo da Reiboa en Poio, nun partido de intensa rivalidade que, en todo caso, apenas varía a clasificación final, co título xa decidido para os composteláns.

A vindeira fin de semana xogaranse os últimos dous encontros adiados: Auriense recibirá a Keltoi Estibadores o venres 20 xuño (data e hora por confirmar) mentras que Lume de Beltane volverá actuar como local tamén contra os vigueses o domingo 22 ás 11:00 no campo da Reiboa.