A Liga Galega de fútbol gaélico encara este vindeiro fin de semana a súa derradeira xornada, que servirá para que os equipos despidan ás súas afeccións, aínda que hai equipos que xa remataron a pasada semana a tempada competitiva.
O sábado, ás 16:15 no campo das Cercas en Gondomar, disputarase o encontro adiado entre o Turonia GFG e Fillos de Breogán. Os do Val Miñor buscarán estrear marcador nesta fase final ante o conxunto da Coruña que ten asegurado o terceiro posto. En horario aínda por determinar, aínda que se prevé que sexa o domingo, Auriense recibirá a Keltoi Estibadores mentras que Lume de Beltane fará o propio con Estrela Gaels.
O título Shield quedou decidido
Precisamente un dos atractivos desta recta final era a disputa do título Shield entre os filiáis de Estrela Vermelha e Keltoi, pero a derrota dos olívicos por 8-42 o sábado na ETEA contra os Lorchos na pasada xornada permitiu, por un lado, o “sorpasso” dos do Barbanza á segunda posición da táboa, e que a Shield quede en Compostela por segundo ano consecutivo.
Esa mesma tarde no Víctor Fernández Alonso da Coruña, Estrela Vermelha superou a Fillos de Breogán cun axustado 27-36. O domingo, no campo de Chaín en Gondomar, o recente proclamado campión Keltoi impúxose ao Turonia GFG por 17-27, consagrando unha fase final impecable na que acabaron invictos, con 5 victorias e un empate.
A hora da selección e das escolas
Ao remate da fin de semana, a competición de clubes quedará parada ata a tempada 25/26, que dará comezo en setembro. Varios clubes aproveitarán para dar un merecido descanso aos seus xogadores, mentras que outros seguirán a súa actividade con adestramentos abertos, polo que se tes interese en probar este deporte, non hai mellor momento!
A nivel adultos, collen o testigo as seleccións galegas, que xa e atopan dende hai algunhas semanas preparando o stage que se realizará por Dublín a mediados do mes de xullo (do 17 ao 20).
Por outra banda, estanse a realizar as últimas actividades das Gaélico Escolas deste curso, destacando a Copa Xogade que se celebrará en Friol o martes 17 de xuño.
