Keltoi coróase na Liga Galega

O Colexio Montecastelo de Vigo foi testemuña dunha xornada histórica para o Keltoi, que se proclamou, a falta dunha xornada para o final, campión da Liga Galega de Fútbol Gaélico por primeira vez nos seus dez anos de historia. O equipo vigués conseguiu unha axustada vitoria por 26 a 23 fronte ao Fillos de Breogán, nun partido cheo de épica e emoción que tivo que remontar na segunda metade. Algo ao que, todo sexa dito, xa parecen acostumados os olívicos.

O encontro comezou con dominio claro do equipo coruñés, que marchaba ao descanso cun contundente 8-15. Os dous goles e nove puntos anotados polos coruñeses parecían aguar, unha vez máis, o soño vigués da Liga. Porén, o Keltoi demostrou carácter e determinación no tempo final. Cunha reacción espectacular, os vigueses anotaron tres goles e cinco puntos na segunda parte, mentres contiveron ao rival, que só puido sumar sete puntos máis, culminando a remontada. Ao igual que no partido de ida, onde marchaban ao descanso por detrás no marcador (pola mínima, iso sí), e ao igual que nos dous enfrontamentos contra Estrela Vermelha. Era de xustiza que o partido definitivo deparara o maior reto de todos, para maior satisfacción polo esforzo feito.

Con esta vitoria, o Keltoi non só consegue o seu primeiro campionato galego, senón que celebra o seu décimo aniversario cun logro que coroa unha década de traballo e ilusión polo fútbol gaélico.

Últimas xornadas de liga

Simultáneamente, o domingo o campo de Chaián en Trazo foi testigo dos outros dous partidos da xornada. Estrela Gaels impúxose con claridade a Lorchos FG cun marcador final de 40-23, e posteriormente Estrela Vermelha firmou tamén unha sólida vitoria por 41-18 fronte a Turonia. O encontro entre Lume de Beltane e Keltoi Estibadores foi aprazado.

Con só o título Shield por decidir, restan dúas xornadas de Liga antes do parón veraniego, no que as seleccións galegas terán varios compromisos en terras irlandesas.

Este fin de semana presentará tres atractivos encontros: Keltoi Estibadores recibirá a Lorchos FG na ETEA de Vigo (12:15), Fillos de Breogán enfrontarase a Estrela Vermelha no campo Víctor Fernández Alonso da Coruña (14:00), e Turonia xogará contra Keltoi nun escenario e hora por confirmar.

A derradeira xornada enfrontará a Auriense e Keltoi Estibadores, Lume de Beltane e Estrela Gaels, e Turonia contra Fillos de Breogán.

Calendario Liga Galega masculina 24/25

Celebración no campo de Montecastelo