Plata para o Estrela Vermelha no Campionato Ibérico

A competición feminina de clubes de fútbol gaélico baixou o telón coa destacada participación do Estrela Vermelha na Final Ibérica celebrada en Salou o 10 de maio. O conxunto vermello chegou ao torneo aspirando a todo tras unha tempada de dominancia na liga galega.

Na fase de grupos demostraron un xogo de alta escola, impóndose de forma clara no primeiro encontro ante Valencia (32-19), cunha defensa sólida e transicións letais que desarbolaron ás levantinas. No segundo partido contra Costa Gaels (30-9) amosaron a súa superioridade, especialmente no segundo tempo cando as galegas aceleraron o xogo con combinacións de precisión.

Estes resultados permitíronlles acceder directamente á final, evitando as semifinais. O rival non puido ser máis exigente: o Barcelona, posiblemente un dos equipos máis en forma de Europa, que chegaba á final tras unha convincente vitoria sobre Valencia nas semifináis.

Barcelona impuxo o seu ritmo desde o inicio, aproveitando a súa maior experiencia neste tipo de competicións, e un maior despregue físico. Aínda así, o Estrela Vermelha soubo manter a súa identidade de xogo, con momentos de gran fútbol que demostran o enorme potencial do equipo, exemplificado no trofeo MVP que acabou levando a boqueixonesa Emma Rojas. Con todo, as catalanas dominaron a final de comezo a fin e non deron opción. O resultado final, aínda que desfavorable, non empaña o logro de chegar a esta final, rematando a tempada como campioas invictas da Liga Galega e subcampioas Ibéricas.

Emma Rojas MVP feminino

Dominio catalán

A modalidade masculina, na que este ano non participou ningún equipo galego polas dificultades loxísticas e económicas do desprazamento ata a localidade tarragonesa, só fai confirmar o dominio dos equipos cataláns na escena ibérica nos últimos anos. Barcelona repite o triplete do 2024, engadindo ao título feminino o absoluto masculino (gañando aos Madrid Harps na final) así como o campionato Shield co seu filial Barcelona Santa Eulalia contra Costa Gaels.

Horarios Final Ibérica

A Liga masculina está que arde

Tralo parón obrigado polo Campionato Ibérico, a acción volveu aos campos galegos con partidos emocionantes e resultados axustados. Abríase a xornada no campo da ETEA en Vigo o sábado, no que Keltoi Estibadores e Lume de Beltane igualaron a 20 puntos nun encontro de intenso equilibrio. Ao día seguinte en Chaián (Trazo), Keltoi conseguiu unha estreita e importantísima vitoria fronte a Estrela Vermelha por 36-35 nun partido que se decidiu nas últimas xogadas e que prácticamente retira aos composteláns da loita polo título, que semella xa unha cousa entre os de Vigo e Fillos de Breogán. Pola tarde, pechando a xornada na Universidade de Ourense, Auriense demostrou a súa potencia ofensiva cunha vitoria por 57-38 sobre o Galicia Bealo Lorchos.

Este fin de semana haberá unha nova xornada que promete emoción e partidos con aire de revancha. Abrindo a xornada (previsiblemente o sábado pola mañán) Keltoi recibe ao Turonia, mentres o seu filial Keltoi Estibadores recibe ao filial vermello Estrela Gaels. Pechando a xornada o domingo, os Lorchos reciben desta volta ao seu rival máis recente, o Auriense. Todos estes partidos serán clave nas aspiracións de todos os equipos neste tramo final de Liga.

Acción durante o Estrela-Keltoi da 1ª volta