A Copa Galega de Fútbol Gaélico U15 e U12 celébrase este sábado 22 de marzo no campo vigués de Coia. A cita deportiva está organizada pola Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) e pon de manifesto o traballo realizado nestes últimos anos nas Gaélico Escolas PuntoGal en diferentes puntos de Galicia onde se traballou coa base para que xurdiran novos equipos e aumentase o número de futbolistas promovendo así un aumento de licencias e unha necesaria remuda xeracional. Proba diso é que nesta competición haberá representación de equipos chegados das catro provincias galegas.
Nestes catro anos de traballo das Gaélico Escolas PuntoGal o aumento de deportistas foi significativo. Máis de 400 nenos e nenas participan nesta iniciativa que ten por obxectivo achegar esta disciplina deportiva á base.
O pasado ano, co gallo do Féile (Europeo) púxose en marcha o xermolo do que hoxe é xa a 1.ª Copa Galega, o chamado pre-Féile. Se o ano pasado se contara con cinco equipos, este ano, xa coa competición montada, hai seis clubs e dez equipos. Repítese con respecto ao pre-féile que haberá representación das catro provincias galegas, algo que fala do crecemento desta modalidade por diferentes puntos da nosa comunidade en non só en determinadas áreas.
Dez equipos de seis clubs
Os equipos participantes na categoría U12 participan son: O Resio (CEIP Virxe do Rocío – Vigo – Pontevedra), Esquíos (Toén – Ourense) e Boqueixón (Boqueixón – A Coruña) e na U15 estarán Lugh Friol I (Friol – Lugo), e Lugh Friol II (Friol – Lugo), O Pino (A Coruña), Boqueixón O Forte (A Coruña), O Resio Keltoi (Vigo – Pontevedra), Turonia (Gondomar – Pontevedra) e Esquíos (Toén – Ourense).
Algún dos deportistas que acoden a esta Copa Galicia xa ten debutado coa Selección Galega B hai nada na III Celtic Cup. Cabe subliñar a proxección de xogadoras de base do fútbol gaélico galego como Emma Rojas que foi elixida MVP da III Celtic Cup. Os U12 xogarán 4 xogos de 12,5 minutos por parte. No caso dos
U15 haberá dous Grupos A e B. Ata a disputa do 5.º-6.º posto xogarase 10 minutos cada parte, as semifinais serán de 12,5 cada parte e a final será de dous tempos de 15 minutos cada un.
Horarios e cruces

As Gaélico Escolas PuntoGal, un modelo a imitar
Alexandre Sanmartín ‘Jano’, coordinador xeral das ‘Gaélico Escolas PuntoGal’, poñía en valor o feito de que “coas limitacións que temos como asociación pequena e modesta os resultados que estamos a conseguir nos últimos dous anos co proxecto das Gaélico Escolas PuntoGal é impresionante”.
Segundo explicaba “incluso estamos a falar dun modelo que outras federacións de distintas disciplinas deportivas queren copiar, dado que actualmente non existen proxectos que engloben este número de torneos, unidades didácticas… O crecemento e os resultados que estamos a ver son espectaculares. Xa temos rapaces e rapazas que, como aconteceu na Celtic Cup, están participando en torneos de maiores e que veñen desde abaixo, desde as escolas. O traballo empeza a dar o seu froito. Sobre todo destacaría o modelo das Gaélico Escolas PuntoGal como proxecto a salientar”.
Alexandre Sanmartín: O crecemento e os resultados que estamos a ver son espectaculares. O traballo empeza a dar o seu froito”
