PuntoGal renova por sétimo ano consecutivo o seu compromiso co fútbol gaélico galego

  • Arredor de 3.000 nenas e nenos participarán este ano nas actividades das Gaélico Escolas Puntogal
  • O domino seguirá patrocinando as seleccións galegas dun deporte que conta con medio millar de persoas federadas

PuntoGal renovou esta semana, por sétimo ano consecutivo, o seu compromiso co fútbol gaélico coa sinatura do convenio de colaboración coa Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) que tivo lugar na sede da Federación Galega de Fútbol en Santiago, no estadio municipal Vero Boquete de San Lázaro. Na sinatura do acordo para este ano 2025 participaron o director xeral do dominio, Darío Janeiro, e o presidente do fútbol gaélico, Ángel Negrete, e ambos puxeron de manifesto a aposta continuada de ambas entidades por impulsar este deporte, aumentar o número de persoas federadas, consolidar o traballo das Gaélico Escolas PuntoGal e reforzar o papel das seleccións galegas.

Para a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, explicou Negrete, o apoio de PuntoGal é “clave” para manter o seu financiamento e así manter actividades durante todo o ano, entre as que destacou a participación a través das Seleccions, a masculina e feminina, nos torneos internacionais. Actualmente hai preto de 500 persoas federadas en Galicia e 15 equipos, 6 deles femininos. Ademais, durante 2024 case 2.000 nenos e nenas participaron nas Gaélico Escolas Puntogal, que buscan difundir este deporte en centros educativos con demostracións, obradoiros e torneos, como o Torneo de Nadal PuntoGal. “Cada vez soa máis o nome de fútbol gaélico e, despois das nosas accións, en moitos sitios os nenos e nenas anímanse a empezar a xogar regularmente”, engadiu o presidente da asociación, que avanzou que este ano chegarán a 3.000 cativos e cativas a través dos colexios e máis dun milleiro participarán nos torneos que convocan. 

Ángel Negrete: Cada vez soa máis o nome de fútbol gaélico e, despois das nosas accións, en moitos sitios os nenos e nenas anímanse a empezar a xogar regularmente.

Pola súa parte, o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, sinalou no acto que “PuntoGal é unha entidade cun obxectivo social e de vinculación do país que mantén un programa corporativo de colaboración con entidades que desenvolven actividades vencelladas á cultura, á lingua, á tecnoloxía ou ao deporte galegos. O fútbol gaélico e a asociación que o xestiona representan perfectamente ese espírito de traballo base co que nos sentimos moi orgullosos e agradecidos de colaborar”. “O traballo que desenvolve a asociación que xestiona este deporte é admirable. A súa capacidade de manter un calendario inzado de actividades durante todo o ano, dedicándolle unha atención especial ás escolas, só pode contar co noso recoñecemento. Os fundamentos deste deporte, ademais, encaixan á perfección co espírito de PuntoGal, de aí a nosa colaboración ininterrompida durante todos estes anos”, concluíu.

Darío Janeiro: O fútbol gaélico e a asociación que o xestiona representan perfectamente ese espírito de traballo base co que nos sentimos moi orgullosos e agradecidos de colaborar.

O convenio asinado en Santiago inclúe o apoio a actividades como o recente torneo internacional da Haia, a Celtic Cup, a Copa Galega ou os torneos de Nadal, por citar algunhas delas. Igualmente, PuntoGal fornece o soporte técnico e de mantemento da web das Gaélico Escolas PuntoGal, que se pode consultar en www.gaelicoescolas.gal.