As seleccións galegas masculina e feminina chegaron ás súas respectivas finais e caeron pola mínim
Santiago de Compostela acollía o pasado sábado 8 de marzo a III Celtic Cup da man da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG). Competiron 11 equipos (seis femininos e cinco masculinos) chegados de Irlanda, Inglaterra, Bretaña e Galicia. A Selección Galega chegou as dúas finais rematando a competición como subcampioa masculina e feminina.
Na fase de grupos masculina Galicia A foi segunda chegando a disputar a final contra St. Sylversters (Dublín) e caendo derrotada por un xustado resultado de 1-07 (10) 0-11 (11).
No caso da competición feminina na fase de grupos Galicia A foi segunda no Grupo A. As galegas impuxéronse na semifinal ás líderes do Grupo B, St. Eunans (Donegal), por un marcador de 2-05 (11) 2-06 (12). Xa na final xogaron contra Kilmacud Crokes (Dublín) caendo derrotadas tamén pola mínima cun marcador de 2-02 (8) 0-09 (9). Na fase de grupo tamén se impuxeran as irlandesas do Kilmacud Crokes cun resultado de 3-08 (17) 3-05 (14).
Os futbolistas da Selección Galega Emma Rojas e Víctor Mera, que militan no Estrela Vermelha de Santiago de Compostela, foron elixidos MVP do torneo. Emma Rojas ten 17 anos e provén da Gaélico Escola de Boqueixón.
Pablo Silva, seleccionador galego feminino: “Subimos de nivel cada ano”
O seleccionador galego feminino, Pablo da Silva, declaraba tras a competición que as sensacións “son moi positivas, demos a cara ante rivais de entidade, estivemos moi preto. Creo que hai que salientar o traballo que se está facendo no gaélico galego nas seleccións, nos clubs e nas Gaélico Escolas. O que facemos entre todos fai que poidamos competir con rivais desta entidade. Subimos o nivel cada ano que pasa que é o que pretendemos e o camiño a seguir”.
Pola súa parte, Alexandre Sanmartín, seleccionador masculino e coordinador xeral das seleccións galegas, “Compostela tivo a oportunidade de gozar de fútbol gaélico de moi bo nivel, con equipos chegados de Irlanda, Inglaterra e a Bretaña. Os nosos equipos demostraron que están nun estado excepcional de forma. Proba diso foron as finais que se disputaron. Na categoría masculina o rival que tiña Galicia era de nivel intermediate. E no caso feminino enfrentouse a un equipo de 3.ª División de Dublín. Foron partidos moi igualados que demostran que Galicia está nun momento moi bo a nivel deportivo. A competición desenvolveuse con normalidade nun ambiente moi amigable”.
Tal e como salientaba Alexandre Sanmartín, a Celtic Cup manterase no futuro e “xa se sitúa entre as principais competicións dentro do circuíto europeo de fútbol gaélico”.
A primeira edición desta competición de fútbol gaélico celebrouse en Lalín, a segunda foi en Ourense e neste 2025 o escenario foi Compostela.
Media ducia de equipos participaron na Celtic Cup feminina. Son os seguintes: Galicia A, Galicia B, Round Towers (Londres), selección de Bretaña, St. Eunans (Donegal) e Kilmacud Crokes (Dublín).
No caso do torneo masculino houbo cinco conxuntos competindo: Galicia A, Galicia B, St Brendans (Londres), St Sylvesters (Dublín), selección de Iberia.

Retransmisión en directo
O evento puidos seguirse vía streaming pola canle de Youtbe de Gaélico Galego, onde se retransmitiron varios partidos disputados no campo de Santa Isabel correspondentes á fase de grupos, máis toda a fase final do campionato. Adicionalmente a Televisión de Galicia emitiu en directo vía agalega.gal as dúas fináis, ás que os equipos galegos se mediron a St Sylvesters e Kilmacud Crokes.
- Stream Gaélico Galego (Youtube): https://www.youtube.com/watch?v=xQzn3POxcMY
- Final masculina (TVG): https://www.agalega.gal/videos/detail/225294
- Final feminina (TVG): https://www.agalega.gal/videos/detail/225295

Resultados
GRUPO MASCULINO
EQUIPO | Partidos gañados | Partidos empatados | Partidos perdidos | PUNTOS |
St. Sylversters | 4 | 0 | 0 | 8 |
Galicia A | 3 | 0 | 1 | 6 |
St. Brendan | 2 | 0 | 2 | 4 |
Galicia B | 0 | 1 | 3 | 1 |
Iberia | 0 | 1 | 3 | 1 |
GRUPO A FEMININO
EQUIPO | Partidos gañados | Partidos empatados | Partidos perdidos | PUNTOS |
Kilmacud Crokes | 2 | 0 | 0 | 4 |
Galicia A | 1 | 0 | 1 | 2 |
Bretaña | 1 | 0 | 2 | 0 |
GRUPO B FEMININO
EQUIPO | Partidos gañados | Partidos empatados | Partidos perdidos | PUNTOS |
St. Eunans | 2 | 0 | 0 | 4 |
Round Towers | 1 | 0 | 1 | 2 |
Galicia B | 0 | 0 | 2 | 0 |
RESULTADOS SEMIFINAIS E FINAIS
FEMININO
- SEMIFINAL 1: Kilmacud Crokes 2-06 (12) vs 1-07 (10) Round Towers
- SEMIFINAL 2: St. Eunans 2-05 (11) vs 2-06 (12) Galicia A
- FINAL: Galicia A 2-02 (8) vs 0-09 (9) Kilmacud Crokes
MASCULINO
- FINAL: Galicia A 1-07 (10) vs 0-11 (11) St Sylvesters



