Turonia clasifica para a fase final Sénior

O pasado fin de semana do 22 e o 23 de febreiro, disputouse o derradeiro partido adiado da primeira volta da Liga, o duelo correpondente á cuarta xornada entre Lume de Beltane e Auriense, rematando nun empate a 19 no campo da Reiboa en Poio. Este resultado fai que Auriense fique a un punto de Turonia e non lle permita escalar á cuarta posición (un empate a puntos tivera beneficiado aos ourensáns xa que tiñan gañado o enfrontamento directo). Desta maneira, os do Val Miñor clasifican por primeira vez na súa historia para a fase final sénior. Con este empate, Lume de Beltane adianta a Lorchos na clasificación.

Pola súa parte, Keltoi Estibadores e Lorchos estrearon a segunda volta (fase Shield), na que os vigueses se impuxeron por 37 a 23 no campo de Valiño en Boiro.

A loita na parte alta da táboa aprázase

Na categoría feminina, Fillas de Breogán logrou unha clara vitoria fronte a Lavandeiras de San Simón cun resultado de 28 a 13 no campo de Montecastelo en Vigo, mentras que Grovias e Turonia protagonizaron un partido moi igualado, coas turoniáns impoñéndose por un estreito marxe de 18 a 15 no campo da Sangriña na Guarda. O encontro entre a primera e segunda clasificadas, Estrela Vermelha e Auriense, foi aprazado e está pendente de designar unha nova data. Con estes resultados, Fillas de Breogán e Turonia sobrepasan a Auriense na clasificación de xeito virtual, xa que ás ourensás contan con dous partidos pendentes de disputa (un contra Grovias e o xa mencionado contra Estrela Vermelha)

Parón de seleccións

A competición entrará agora nun período de dous semanas de parón debido aos compromisos internacionais da selección galega de fútbol gaélico. O equipo competirá no Torneo Internacional da Haia o 1 de marzo e na III Celtic Cup o 8 de marzo, eventos que reunirán a seleccións e clubs de toda Europa.

Para este primeiro compromiso, a expedición marchará de madrugada o vindeiro venres 28 de febreiro dende a delegación da Real Federación Galega de Fútbol en Santiago de Compostela camiño do aeroporto de Sá Carneiro en Oporto, tendo programa a chegada á cidade holandesa contra as 7 da tarde. A competición celebrarase íntegramente o sábado. O domingo a expedición realizará o camiño inverso de volta, cunha chegada programada a Compostela ás 8 da tarde.

As nosas quedan encadradas no grupo 2, no que se enfrontarán:

  • 09:30 VS Balymun Kickhams
  • 10:30 VS Den Haag
  • 11:30 VS Kilconly
  • 12:30 VS Stars of Erin

Os nosos, pola súa banda, participarán no grupo 1:

  • 10:00 VS LAw Society of Ireland
  • 11:00 VS Den Haag B
  • 12:30 VS Stars of Erin
  • 13:30 VS Robert Emmets

En ambos casos, de avanzar no torneo entre os dous mellores de cada grupo, disputará as semifináis ás 14:30 e unha hipotética final ás 15:15. Posteriormente celebrarase unha cea na que se entregarán os trofeos de campións e MVPs.