Gran participación na primeira edición do Torneo Intercentros de Vigo, con máis de 300 participantes
A base do fútbol gaélico volve ser actualidade en terras viguesas. A cidade olívica celebrou o seu primeiro Torneo Intercentros desta modalidade. A cita deportiva tivo lugar os días 12-13-14 de febreiro no Campo de Fútbol da Universidade de Vigo. Esta actividade enmárcase dentro do traballo coa base que se leva a cabo desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) a través das Gaélico Escolas PuntoGal. Faise en colaboración co Servizo provincial de Deporte Escolar, que achegou a proposta aos centros educativos e facilitou a instalación e o transporte.
O arranque non puido ser mellor neste primeiro Torneo Intercentros de Fútbol Gaélico en Vigo xa que a cita xunta a 11 equipos o número máis grande de participantes superando as competicións similares levadas a cabo en lugares como Compostela ou Lugo. Calcúlase unha participación duns 300 futbolistas. Esta competición é mixta.
O calendario de competición finalmente foi:
- 12/2/2025: Ricardo Mella, Barreiro, Monterrey e Alborada
- 13/2/2025: Santa Cristina, Bouza Brey, El Castro e San Miguel
- 14/2/2025: Labor, Mercantil e Vista Alegre
As xornadas son de 10:00 a 12:00 horas. Os partidos dispútanse 9×9 nun campo de Fútbol 7
Boqueixón celebra o seu Torneo de Nadal PuntoGal, adiado polo temporal
Á súa vez, o mércores celebrouse o Torneo de Nadal PuntoGal de Boqueixón, adiado inicialmente por mor do temporal que asolou a comarca a comezos de xaneiro. O campionato celebrouse nas instalacións do Antonio Orza Couto, en O Forte Boqueixón, reunindo a equipos de varios centros educativos da comarca como o CPI Camiño de Santiago de O Pino. O torneo, organizado co obxectivo de promover o deporte e os valores do fútbol gaélico entre os máis novos, contou cun ambiente festivo e de compañeirismo.

Gondomar abre as portas do futbol gaélico á cativada coa canteira do Turonia GFG
Ahí non acaba a cousa, xa que esta semana arranca a canteira do Turonia Gondomar FG, aberta a toda a cativada do Val Miñor maior de 10 anos. A actividade ten unha duración de dúas horas semanáis, sendo todos os mércores pola tarde en horario de 16:30 a 18:30 no campo das Gaiandas en Gondomar. A inscrición é gratuita, e durante os meses de febreiro e marzo ofrecerase completamente de balde, pasando logo a ter u custo de 15€ ao mes.

Na tempada 2023-24 no fútbol gaélico en Galicia fíxose un esforzo para achegar esta modalidade á cativada, e neste curso 2024-25 o camiño é similar. Daquela a Asociación Galega de Fútbol Gaélico levou este deporte a 21 centros educativos nos que 2.153 escolares recibiron unidades didácticas sobre esta disciplina. No caso do Torneo Intercentros de Fútbol Gaélico de Vigo tamén se fixeron visitas previas aos centros escolares, impartíronse catro sesións de fútbol gaélico nas aulas de educación física e subministrouse ao profesorado material pedagóxico para que poidan seguir traballando sobre esta material pola súa conta.
A Liga Galega continúa o seu avance
Na fin de semana de do 8 e o 9 de febreiro de 2025 disputáronse varios encontros nas categorías feminina e masculina, que encara o seu ecuador, con resultados destacados e partidos emocionantes.
Na categoría feminina, Estrela Vermelha continuou coa súa boa racha ao vencer a Grovias cun marcador de 22 a 15 no campo do Forte en Boqueixón. Turonia tamén conseguiu unha destacada vitoria fronte a Lavandeiras de San Simón cun resultado de 22 a 5 no campo das Gaiandas en Gondomar. O partido entre Auriense e Fillas de Breogán quedou pendente de disputa, sen data e lugar confirmados.
Na categoría masculina, Auriense conseguiu unha estreita vitoria fronte a Turonia cun marcador de 31 a 30 no campo da Universidade en Ourense, deixando un empate provisional pola 5ª praza, con dous encontros por desputar polo conxunto das Burgas e un dos do Val Miñor. Na xornada de domingo, Fillos de Breogán logrou unha ampla vitoria fronte a Lume de Beltane cun resultado de 34 a 8 no campo de A Reiboa en Poio, Estrela Vermelha impúxose a Keltoi Estibadores cun resultado de 31 a 23 no campo de ETEA en Vigo, mentras Estrela Gaels demostrou o seu potencial ao vencer a Lorchos FG por 41 a 21 no campo de Chaián. Os dous equipos composteláns mediríanse dous días despóis, o martes á noite no campo de Conxo, nun derbi que caeu do lado vermelho por 24 a 20.
A próxima xornada, prevista íntegramente para o sábado 15 de febreiro, será madrugadora. Turonia enfrontarase a Estrela Gaels ás 10:00 no campo das Gaiandas en Gondomar, e a continuación, ás 11:15, medirase o seu equipo feminino ao Estrela Vermelha. Ao mesmo tempo, Keltoi xogará contra Lorchos FG ás 10:45 no campo de ETEA en Vigo, e Keltoi Estibadores medirase con Auriense ás 12:15 no mesmo escenario. Por último, Fillas de Breogán xogará contra Grovias ás 14:00 no C.D. Arsenio Iglesias na Coruña.
Resultados e clasificación masculina
Resultados e clasificación feminina
