A chegada do Eirin Go Bragh irlandés a Galicia da inicio á celebración da Celtic Week que terá un terceiro tempo en forma de magosto

  • · Xa están en terras galegas as futbolistas do equipo cadete do Erin Go Bragh de Dublín que realizan unha intercambio cultural e deportivo cos/as deportistas da Gaélico Escola PuntoGal do C.P.I. Plurilingüe Antonio Orza Couto do Forte (Boqueixón) en pleno samaín galego e samhain irlandés no que pretende ser un achegamento entre culturas celtas.
  • Alexandre Sanmartín, coordinador das Gaélico Escolas PuntoGal: “Trátase dunha primeira experiencia que pretende, como a Celtic Cup dos adultos, ir crecendo co paso dos anos”

As futbolistas do Eirin Go Bragh de Dublín (Irlanda) xa están en terras galegas compartindo tempo e experiencias cos deportistas das Gaélico Escolas PuntoGal do C.P.I. Plurilingüe Antonio Orza Couto, en O Forte (Boqueixón). Entre as actividades da chamada Celtic Week destaca un partido de fútbol gaélico. Un amigable internacional que terá lugar o mércores a partir das 15:30 horas no campo do Forte (Boqueixón) e que contará como terceiro tempo cun magosto compartindo así tradicións entre pobos celtas.

Tal e como declaraba Alexandre Sanmartín ‘Jano’, coordinador xeral das ‘Gaélico Escolas PuntoGal’ da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) (https://gaelicogalego.gal) esta actividade nace con vocación de perdurar no tempo. “Trátase dunha primeira experiencia que pretende, como a Celtic Cup dos adultos, ir crecendo co paso dos anos”, manifestou.

A convivencia e coñecemento mutuo é o que busca promover a Celtic Week da man da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) (https://gaelicogalego.gal). Ademais de visitas culturais, non vai faltar a práctica do fútbol gaélico nestas datas de convivencia e unión entre culturas celtas con rapazada de Irlanda e Galicia como protagonistas.

Nesa primeira edición da Celtic Week o equipo cadete do club irlandés Erin Go Bragh radicado en Dublín visitará Galicia durante a última semana do mes de outubro. Na expedición acudirán unhas 20 rapazas de entre 14-15 anos. Neses días compartirán experiencias coa mocidade da Gaélico Escola PuntoGal de Boqueixón, en concreto do C.P.I. Plurilingüe Antonio Orza Couto, en O Forte. Está prevista a súa estancia en Galicia desde o 28 de outubro ata o 31 de outubro, data na que regresarán a Irlanda.

O programa de actividades inclúe, entre doutras, unha visita a Compostela o martes 29 de outubro na que pasarán polo Camiño de Santiago. O mércores 30 acudirán ao Museo do Pobo Galego e posteriormente ese mesmo día chegará o tempo para o fútbol gaélico. A partir das 15:30 horas e aproximadamente ata as 18:00 horas xogarán un amigable co alumnado do C.P.I. Plurilingüe Antonio Orza Couto que está en O Forte (Boqueixón). No terceiro tempo deste encontro, un momento imprescindible no fútbol gaélico, está previsto que se leve a cabo un magosto, unha das festas gastronómicas galegas ligada a estas datas.

O xoves 31 o programa desta Celtic Week ten prevista a visita das xogadoras do club irlandés Erin Go Bragh ao Aquarium Finisterrae da Coruña, un dos museos científicos coruñeses que, neste caso, dedícase a educación ambiental e á divulgación científica dos temas mariños.

Así neste final de outubro Galicia acollerá un achegamento entre o futuro do fútbol gaélico galego e o irlandés, e tamén entre da cultura que temos en común dous lugares ligados ao mundo celta, xusto na semana do Samaín, unha data significativa nesta cultura.