O fútbol gaélico recupera cifras de licencias pre COVID

  • A práctica desta disciplina incorpora deportistas por toda Galicia superando as 400 licencias.
  • A Selección Galega de Fútbol Gaélico estrea camisolas da marca Acontravento.

O fútbol gaélico chegou a Galicia hai anos e fíxoo para quedar. Logo da pandemia, e a lóxica baixada de licencias, esta disciplina deportiva xa está en cifras pre COVID demostrando o seu tirón.

Esta modalidade conta xa en Galicia con 407 licencias. Delas 98 son de menores de 18 anos, e o resto repártese entre 105 femininas e 204 masculinas.

Isto indica que o fútbol gaélico galego xa se move en cifras ca están a niveis pre COVID. Como noutras modalidades deportivas a pandemia levou aparellada unha caída de licencias pero se na tempada 2017-18 había 418 licencias nesta 2023-24 falamos de 407.

Houbo ata cinco torneo de ámbito galego:

  1. Torneo de Trazo Feminino
  2. Torneo 7s A Estrada
  3. Gaélico Praia Sada
  4. Torneo Celtic Cup
  5. Torneo Reconquista

Tamén se levaron a cabo competicións como Liga (85 encontros), All-Galicia (11 partidos), Shield All-Galicia (11 encontros), Copa (26 partidos) e Liga Máster (10 encontros). Entre todas suma 143 partidos de fútbol gaélico disputados na nosa comunidade por equipos galegos.

As ‘Gaélico Escolas PuntoGal’, o proxecto que máis medrou

Con todo, desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico resaltan o traballo feito esta tempada coa base a través da iniciativa ‘Gaélico Escolas PuntoGal’ que achegou este deporte a preto de 2.200 nenos e nenas galegos con unidades didácticas que se impartiron en centros escolares.

Nesta tempada 2024-23 leváronse a cabo ata oito torneos de base ligados ás ‘Gaélico Escolas PuntoGal’ nos que tomaron parte preto de 800 nenos e nenas, non só galegos, se non chegados tamén doutros puntos de Europa.

As Gaélico Escolas PuntoGal, centradas en dar a coñecer o fútbol gaélico entre as e os deportistas máis novos e así facer canteira para que esas máis de 400 licencias continúen a medrar ano tras ano con novas e novos deportistas que se sumen a esta disciplina.

Nova camisola para a Selección Galega

A Asociación Galega de Fútbol Gaélico Gaélico e a marca de roupa galega Acontravento presentan as novas camisolas da Selección Galega de Fútbol Gaélico.

Unhas camisolas de corte clásico con pescozo tipo polo onde destaca o uso da franxa diagonal azul celeste representando a bandeira galega na parte frontal. A cor branca é a protagonista da primeira equipación, co uso do negro e do azul mariño nas camisolas alternativas.

As prendas están pensadas non só para vestir aos amantes do fútbol gaélico, se non tamén para todos aqueles que queiran levar as cores de Galicia con orgullo.

As camisolas poderán adquirirse a través da páxina web da marca, acontravento.gal.