- Na segunda participación das Seleccións Galegas no Gaelic Football Invitational Tournament os combinados masculino e feminino metéronse nas finais onde acabaron derrotados
- Os adestradores de ambos os dous equipos galegos coinciden en que a falta cambios fixo chegar ás Seleccións Galegas moi esixidas ás súas finais.
- Pablo Da Silva, seleccionador galego feminino: “Xogamos todo o torneo sen cambios, vas acumulando cansazo e nótase”
- Alexandre Sanmartín, seleccionador galego masculino: “A falta de cambios e as pernas rebentadas despois dunha semifinal con prórroga, pesounos moito”
- Antonella Larrascq, do Turonia de Gondomar, foi elixida MVP
As Seleccións Galegas feminina e masculina regresan do 16.º Gaelic Football Invitational Tournament como subcampioas. Galicia meteu aos dous equipos nas súas respectivas finais. O cansazo acumulado ao longo de todo o torneo fixo que nos partidos definitivos Galicia caera derrotada, aínda que deu a cara aos seus rivais. Como premio extra para a expedición galega, a xogadora do Turonia de Gondomar, Antonella Larrascq Álvarez, foi elixida MVP.
Este era o segundo ano no que as Seleccións Galegas masculina e a feminina de fútbol gaélico eran convidadas a participar neste torneo internacional da Haia no que tomaban parte tamén equipos de Dublín, Galway e o anfitrión, o Den Haag de Países Baixos.
A Selección Galega masculina repetiu subcampionato. Se o ano pasado foran o equipo revelación do torneo, este ano loitaron polo título unha vez máis ata o último partido.
No seu primeiro encontro a Selección Galega masculina medíase ao conxunto local o Den Haag a que venceu por un resultado de 1-07 (10), para Galicia, e 2-03 (9), para os de Países Baixos.
No segundo encontro Galicia caía derrotada ante o Kilconly por un marcador de 1-06 (9) vs 2-06 (12).
Nunha semifinal disputadísima, o combinado galego metíase na final ao superar ao St. Brendan´s con moito esforzo. Houbo que ir á prórroga. Foi un “partidazo épico” en palabras do adestrador, Alexandre Sanmartín.
Ao remate dese encontro e antes da disputa da final, o seleccionador galego explicaba que na semifinal contra St. Brendans fixeran “dúas remontadas e levamos o partido. Logo da prórroga os xogadores están desfondados e o rival ten máis cambios, pero estamos contentos”. Así, o técnico miraba con esperanza a participación de Galicia na final do 16.º Gaelic Football Invitational Tournament.
Sen embargo, xa na final, pesaron a acumulación de minutos na Selección Galega que perdía contra Kilconly 0-06 (6) vs 2-04 (10).
Alexandre Sanmartín: “Estamos moi contentos”
Ao final do torneo, o técnico da Selección Galega masculina, Alexandre Sanmartín, facía balance do acontecido e amosaba a súa satisfacción polo subcampionato e por como se conseguiu.
“Fixemos unha fase de grupos moi competida. Perdemos un partido por pouca marxe co Kilconly e gañamos outro por pouca marxe co equipo da Haia. Estivemos acertados na definición e o tiro a paus. Pasamos de segundos, xogamos contra os que, para min, eran os mellores do torneo”.
Analizando a semifinal, Sanmartín explica que no partido contra o St. Brendan´s Galicia estivo “competindo todo o encontro”. Relata o técnico que o conxunto galego acabou disputando “nunha prórroga na que eles puxéronse catro arriba. Remontamos con dous goles e metémonos na final”.
Segundo explicaba, Alexandre Sanmartín, “a falta de cambios e as pernas rebentadas despois dunha semifinal con prórroga, pesounos moito. Na primeira parte da final estivemos frouxos. Pero na segunda fomos quen de remontar. O segundo período gañámolo (a primeira perdémola). No segundo tempo fomos ao contragolpe todo o tempo e conseguimos anotar bastantes puntos. Démola cara. Estamos moi contentos, moi satisfeitos”, concluía o adestrador compostelán.
A Selección Galega feminina, condicionada pola falta de cambios
O equipo feminino de Galicia acadou o subcampionato neste 16.º Gaelic Football Invitational Tournament ao caer na final 1-06 (9) vs 4-03 (15) contra do Mountbellew-Moylough.
Antes de chegar ao partido decisivo, a Selección Galega vencía ao Wanderers 1-07 (10) vs 1-02 (5), caía co Erin’s Isle 1-03 (6) vs 0-09 (9), e perdía contra o equipo co que disputaría a final, o Mountbellew-Moylough cun tanteo na fase de liga de 0-06 (6) vs 0-07 (7). O 30-9 co que Galicia se impuxo ás locais do Den Haag fixo que o conxunto galego entrase na final grazas ao seu mellor goal average. Deuse un triplo empate e a mellor diferencia de goles das nosas meteunas no partido polo título.
O seleccionador galego, Pablo da Silva, explicaba ao final da competición que Galicia xogara “todo o torneo sen cambios, só cun partido polo medio de descanso. Enfrontámonos a equipos que levan 6-7 cambios. Vas acumulando cansazo e nótase. Empezamos a final competindo moi ben, pero contra do remate notouse o esgotamento”.
Sobre a competición, Pablo da Silva explicou: “Foron partidos curtos, intensos, moi axustados, perdemos nos minutos finais. Notábase o feito de non ter cambios na disputa dos últimos tramos dos partidos. Pasamos á final polo goal average”.
Ao respecto do último encontro, explicaba Pablo da Silva que Galicia empezou gañando o choque contra o Mountbellew-Moylough (con quen perderan na fase de liga). “Empezamos a final gañando. Estivo bastante competida na primeira metade. Cara ao final da segunda parte o cansazo fixo que se decantase para elas. Xogar así e con 11 todo o torneo… foi espectacular”, asegura o técnico.
Antonella Larrascq, MVP
A xogadora galega do Turonia GFG Gondomar, Antonella Larrascq Álvarez, foi elixida xogadora máis valorada do partido na final feminina (MVP).
A deportista acaba de facer 18 anos e puido festexar en familia ese recoñecemento xa que ademais dela, fan parte da Selección Galega feminina de fútbol gaélico o seu pai, Juan Larrascq (segundo adestrador), e a súa nai, Silvia Rita Álvarez (xogadora).
O Neste 16.º Gaelic Football Invitational Tournament tivo lugar na cancha do Zuider Park (torneo feminino) e na do WRC Te Werve (torneo masculino).
O temporal de neve fixo perigar o torneo debido a que os equipos irlandeses complicóuselles a saída polo temporal de neve. Neste 16.º Gaelic Football Invitational Tournament competían os seguintes equipos: Den Haag (Haia, anfitrións), Wanderers (Dublín), Erin’s Isle (Dublín), Mountbellew-Moylough (Galway), Glinsk (Galway), Kilconly (Galway), St. Brendan’s (Dublín) e a Selección Galega (Galicia)
Convocatoria da Selección Galega feminina
Nome / Club / Procedencia
- Silvia Rita Álvarez Álvarez / TURONIA GFG / Gondomar (orixinal Uruguai)
- María Silveira Loureiro / ESTRELA VERMELHA / Compostela
- Zara Álvarez Álvarez / TURONIA GFG / Gondomar
- Uxía Otero Fernández / ESTRELA VERMELHA / Boqueixón
- Ánxela María Estévez Salguero / ESTRELA VERMELHA / Compostela (orixinal Ourense)
- Laura Nercellas García / ESTRELA VERMELHA / Lalín
- Carme Reboreda / DUBLIN GAA / Vigo (emigrada en Dublín)
- Sara Sánchez / TURONIA GFG / Gondomar
- Atonella Larrascq Álvarez / TURONIA GFG / Gondomar
- Alexandra Figueroa Vázquez / TURONIA GFG / Gondomar
- Emma Rojas Amosa / ESTRELA VERMELHA / Boqueixón
- Alba Rodríguez Fernández / OURENSE GAELS / Ourense
- Pablo Da Silva (seleccionador) Compostela (orixinario Goián)
- Juan Larrasq (segundo seleccionador) Gondomar (orixinal Uruguai)
Convocatoria da Selección Galega masculina
Nome / Club / Procedencia
- David de la Torre Domínguez / ESTRELA VERMELHA / Compostela
- Daniel Conde Prieto / KELTOI / Lalín
- Gábor Pazos Oltai / ESTRELA VERMELHA / Compostela (Pontevea)
- Javier González Cagiao / FILLOS DE BREOGÁN / A Coruña
- Pablo Mascareñas Pazos / ESTRELA VERMELHA / Compostela
- Andrés Novoa Pérez / OURENSE GAELS / Ourense
- Adrián Ambrosio Millos / KELTOI / Vigo
- Víctor Martínez Domínguez / KELTOI / Vigo
- Damián Castro Barreiro / ESTRELA VERMELHA / Boqueixón
- Iago Couso Pazó / ESTRELA VERMELHA / Vigo
- Iago Casales Argibay KELTOI Ponteareas
- Santiago Rodríguez Granja KELTOI Lalín
- Adriano Quiroga Casiñeiro ESTRELA VERMELHA Compostela
- Adrián Rey Paz ESTRELA VERMELHA A Estrada
- Alexandre Sanmartín (seleccionador) Compostela