O condado de Derry (Irlanda) recibe a visita de máis de 200 equipos procedentes de todo o mundo para celebrar os Xogos Mundiais Gaélicos 2023. As seleccións galegas somos recibidas por esa mestura de tempo chuvoso e soleado tan irlandés, e á vez tan galego. Chegados ao aeroporto de Dublín toca desprazarse en bus ata Derry City atravesando pequenos pobos e as verdes pradeiras tan irlandesas, e á vez tan galegas. Chegados case a media noite, recíbennos coa esa hospitalidade e calor tan irlandés, e… Se ao final imos xogar na casa,
Con poucas horas de sono, as nosas seleccións arrancaban a participación nestes Xogos o luns ás 9 da mañán (hora local). Nesta ocasión, ao igual que no europeo de Pontevedra, viaxamos con 4 equipos: un equipo Sénior (alto nivel) e un equipo Intermediate (o nivel seguinte), tanto en masculino como en feminino. Os equipos masculinos notaron o cansancio da viaxe, cunha victoria xusta ante Canadá (12-11, Sénior) e dúas derrotas contra Gran Bretaña (4-7, Sénior) e Francia Int. (1-8, Intermediate). Os equipos femininos contaron os seus partidos por victorias contra Cambioia (31-0, Senior), USA Heartland (10-1, Senior) e Occitania (5-1).
O martes o feminino Senior imporíase a Quebec (7-5) mais caería coa nosa besta negra: Francia (2-13), mentres que o masculino tamén caería contra os franceses (3-5) e gañaría con contundencia a Arxentina (13-1). Isto obrigaría a ambos equipos a gañar os seus dous encontros do mércores para clasificarse. No eido Intermediate, o feminino empataría con Iberia (4-4) e perdería contra Bretaña (3-5) nun partido moi accidentado. O masculino pola súa conta gañaría a Iberia (7-4) e perdería contra os favoritos Australia (1-20).
O mércores sería unha auténtica xornada de infarto. Comezamos cun intenso Galicia-Bretaña masculino coa terceira praza en xogo, no que por momentos estivemos fóra do campionato, pero un gol a falta de dous minutos (9-6) permitiunos seguir soñando. De seguido, o masculino Intermediate vivía o seu mellor partido do torneo ao gañar (7-4) a Ottawa, á vez que o feminino Sénior gañaba comodamente ao GGE Team (32-1). Xa pola tarde, o Senior masculino certificaba a clasificación tras complicarse máis da conta o partido contra USA Charlotte (4-3), mentres a Intermediate cedía ante USA San Francisco (6-21). O feminino debeu pensar que non eran menos, xa que de verse tamén fóra da fase final, gañaron logo dun gol nos derradeiros intres do partido contra Benelux (6-5), quedando segundas de grupo. O Intermediate feminino cedía á mañán ante as imparables australianas (0-25) pero redimiuse cunha contundente victoria ante o GGE Team (16-1).
A selección masculina Intermediate acadou a prata mundial na copa Shield. Trátase da segunda medalla consecutiva da categoría logo de acadar o ouro europeo en Pontevedra-Poio ’22, certificando o bo desenvolvemento do fútbol gaélico galego a nivel mundial. O título foi parar a Ottawa, vellos coñecidos da fase de grupos, que esta vez sí impuxo o seu ritmo e gañou 15-5. Nas semifináis, superaron a USA Charlotte por 11-7.
As seleccións sénior quedaron ambas en quinto posto mundial na categoría absoluta, logo de caer contra Australia (tamén ambas) en cuartos de final, obtendo o mellor resultado desa ronda. A selección masculina foi a primeira en debutar e regalounos un auténtico partidazo contra as torres oceánicas, que co seu impoñente físico lograron dar volta ao marcador na segunda parte para gañar 10-8. A selección feminina competía contra o mediodía tamén contra a selección austral, onde ambas seleccións se foron alternando no marcador ata acabar o tempo regulamentario con 8-8 no luminoso. O desgaste físico fillo mella na prórroga (2 partes de 3 minutos) e dous puntos das oceánicas déronlles o pase por 10-8.
Pola súa parte a selección feminina Intermediate acaba quinta na copa Shield logo de caer en cuartos contra USA Heartland por un gol de diferenza (15-12), nun partido onde se viu a mellor versión deste combinado que viña de proclamarse campioa Shield de Europa o ano pasado.
As seleccións galegas pechan o capítulo competitivo cos obxectivos marcados ao inicio cumpridos, esperando xa a seguinte cita. Polo camiño, queda a espectacular presentación do torneo, na que enchemos as rúas de Derry os máis de 2000 participantes, así como a xornada de irmanamento que vivimos con varios clubes locáis (O’Donovan Rossa GAC, Moneymore GAA e Kilrea GAC) na xornada do martes, que rematou con galegos e irlandeses cunha muiñeira amenizada con música tradicional irlandesa. Porque isto tamén é fútbol gaélico: deporte, cultura e comunidade.
Podedes ver o especial na nosa web: World Games Derry ’23.
