Estrela Vermelha e Keltoi repiten copa

Dicía Pío Baroja que “en boa parte somos a prolongación do noso pasado, o resultado dun recordo”. Iso debeu pensar boa parte do gaélico galego esta fin de semana. Rematada a liga masculina e a feminina no seu ecuador, chegou o momento da Copa Asociación. Outra vez en marzo. Outra vez Ourense como escenario. E, como non ía ser menos, outra vez co Estrela Vermelha feminino e o Keltoi masculino levantando a copa de campións.

Os campos de Oira (pola mañán) e da Universidade (todo o día) foron testigos dende primeira hora do sábado deste torneo en formato sede, o máis popular nos torneos europeos e que permite xuntar a todos os clubes participantes nunha única ubicación, compartindo unha xornada de deporte e convivio.

O campionato masculino contou con 7 participantes (varios deles combinados dos equipos participantes na liga) dividos en dous grupos: Auriense, Cambados+Turonia e Fillos de Breogán no group A, e Herdeiros+Irmandinhos, Independiente+Beltane, Keltoi e Keltoi Estibadores+Estrela Vermelha no grupo B. Sería o combinado de Poio e Vigo, Independiente+Beltane, quen se alzaría co título Shield ao gañar a fase de consolación ante os outros dous eliminados na fase de grupos: Fillos e o combinado Estibadores+Estrela. Os anfitrións chegarían á súa primeira final de Copa en categoría absoluta, pero non puideron co poderío do vixente campión. Keltoi manifestou con contundencia que a copa debía quedarse en Vigo.

O feminino pola súa banda contou con 4 equipos participantes: Auriense, Estrela Vermelha, Fillas de Breogán e Independiente. Case os mesmos equipos que hai 10 meses competiran na Copa Galega en maio de 2022 (nun formato idéntico ao desta Copa), neste mesmo escenario. Tras unha fase de grupos na que xogaron todas contra todas, os resultados decidiron que o título debía competirse entre as compostelás e as coruñesas. Tras un desputado encontro, finalmente o título quedou en mans vermellas.

Durante a xornada estivo presente Raúl Rois García, delegado por Ourense da Federación Galega de Fútbol.

Trala celebración desta copa, as competicións galegas de fútbol gaélico seguen o seu curso a vindeira semana co All-Galicia masculino e a liga feminina.

Resultados completos: https://gaelicogalego.gal/competicions/competicions-2022-23/copa-asociacion/

Fotos: https://compartir.gaelicogalego.gal/?Fotos/Competicions%20oficiais/2022-23/2-Copa%20Asociacion/2023-03-18%20-%20Copa%20Asociacion