Crónica Hague International Tournament 2023

A pasada fin de semana, o escenario do gáelico galego moveuse a terras holandesas, concretamente á localidade da Haia, onde o sábado se celebrou o coñecido como Hague International Tournament. Tratouse da decimoquinta edición dun dos torneos convidacionáis máis importantes do continente, no que habitualmente só participan equipos das illas (principalmente irlandeses, pero ocasionalmente tamén equipos afincados no Reino Unido), pero que nesta ocasión a selección galega tivo a honra de ser convidado especial. Esta viaxe forma parte do ciclo de preparación para os World Games que se celebrarán en Irlanda no mes de xullo.

A competición estaría formada por dous grupos, dos cales os primeiros clasificados disputarían a final. A selección masculina quedaría encadrada con Den Haag (A Haia, os anfitrións), Clontarf, (Dublín) Law Society (Dublín) e Glinsk (Galway), mentres que a feminina con Law Society (Dublín), Den Haag (A Haia), St. Fininans (Dublín), Douglas (Cork) e Croi Ro Naofa (Dublín).

O día amenceu frío no Droogleever Fortuynweg (unhas completas instalacións deportivas que contan con ata 7 campos de fútbol), con temperaturas que rondaban os baixo cero, o cal condiciounou os primeiros partidos do día, que abrirían as nosas seleccións. Mentres que tras un inicio dubitativo a selección masculina logrou imporse con solvencia aos anfitrións (13-8), a selección feminina caeu pola mínima tras un gol na última xogada logo dunha boa primera parte (13-14).

As rapazas reporíanse do golpe e resolverían os seus seguintes partidos con autoridade contra as anfitrioas (13-4) e St. Fininans (15-6). Os rapaces acumularían tamén dúas victorias máis, unha moi sufrida contra Clontarf (8-7) e outra con máis tranquilidade contra Law Society (13-8).

Douglas levaríase a victoria no seu enfrontamento contra as galegas (3-12), acabando coas nosas opcións de chegar á final e demostrando porque eran as favoritas (e á postre campioas) do torneo. As nosas pecharían a súa participación no torneo cunha contundente victoria contra Croi Ro Naofa (13-4).

A selección masculina enfrontaríase no último partido de grupos aos invictos Glinsk, xogándose ambos un posto na final. Esta honra foi para os irlandeses, que tras golpear contra o muro galego na primeira parte, o seu impoñente físico doblegou aos nosos na segunta parte (5-11) no que todo o mundo calificou como a final anticipada. O conxunto de Galway convertiríase á postre no campión.

Ao remate do torneo celebrouse unha cea de confraternización nun local de hostelería próximo ás instalacións, onde se realizou a entrega de trofeos, recibindo as seleccións galegas un trofeo conmemorativo pola súa destacada participación no torneo.

Resultados feminino

  • vs Law Society: 3-04 (13) / 4-02 (14)
  • vs Den Haag: 3-04 (13) / 1-01 (4)
  • vs St. Fininans: 3-06 (15) / 1-03 (6)
  • vs Douglas: 0-03 (3) / 3-03 (12)
  • vs Croi Ro Naofa: 2-07 (13) / 1-01 (4)

Posición final: terceiras

Resultados masculino

  • vs Deen Haag: 3-04 (13) / 1-05 (8)
  • vs Clontarf: 1-05 (8) / 1-04 (7)
  • vs Law Society: 3-04 (13) / 1-05 (8)
  • vs Glisnk: 0-05 (5) / 1-08 (11)

Posición final: terceiros

Especial sobre o evento: https://gaelicogalego.gal/seleccion/hague-international-tournament-2023/

Fotos feitas durante o torneo: https://compartir.gaelicogalego.gal/?Fotos/Seleccion/2023%20-%20Haia