Crónica Celtic Cup 2023

O pasado sábado 25 de febreiro tivo lugar en Lalín a Celtic Cup de fútbol gaélico. O Manuel Anxo Cortizo foi testigo da primeira edición deste torneo internacional, que busca por un lado seguir afondado na proxección internacional que xa ten o fútbol gaélico galego, e por outro servir de preparación para os combinados galegos de cara a súa participación nos Xogos Mundiais que terán lugar en Irlanda no vindeiro mes de xullo, na que xa será a súa cuarta participación.

A selección feminina recibía a Kilmacud Crokes, clube fundado en 1959 no sur de Dublín, e que ten a honra de ser o clube con máis xogadores/as de toda Irlanda (preto de 5700 entre xogadoras/es e membros). As dublinesas viaxaron co seu equipo Intermediate (o que nós chamaríamos equipo B). Kilmacud chegaría ao descanso por diante pola mínima (9-10), e acabaría levándose o partido por un só gol de diferenza (22-25, recordemos que os goles teñen un valor de 3 puntos).

Pola súa banda, a selección masculina participaría nun triangular xunto con Madrid Harps (actuáis campións de clubes de Europa, acadado o pasado outubro na Coruña) e C.L.G. Ghleann Fhinne, club fundado no centro do Condado de Donegal en 1975. Nesta zona e onde mellor se preservou o idioma gaélico e onde, actualmente, mais se fala, identificándose a esta zona de forma popular como un “Gaeltacht”. O triangular abriríano os equipos foráneos, caendo a victoria do lado irlandés por 16-9. No segundo partido da competición, os galegos imporíanse con contundencia aos madrileños 20-8. O título finalmente viaxaría ao Condado de Donegal ao imporse no derradeiro e definitivo partido por 14-9 á selección galega.

A entrega de trofeos correu a cargo de Avelino Souto, concelleiro de deportes do Concello de Lalín, e Laura Nercellas, presidenta de Herdeiras de Dhais, o clube de fútbol gaélico da cidade e que actuou como anfitrón do evento.

Dende todo o gaélico galego queremos dar as grazas a todas as entidades colaboradoras e patrocinadores que fixeron posible a realización do evento, en especial ao Concello de Lalín, así como á Federación Galega de Fútbol, Alda Hotéis e Asociación PuntoGal.

Especial sobre o evento: https://gaelicogalego.gal/seleccion/celtic-cup-2023/

Fotos feitas durante o torneo: https://compartir.gaelicogalego.gal/?Fotos/Seleccion/2023%20-%20Celtic%20Cup%20(Galicia)

A retransmisión do partido pode verse a través de: https://www.crtvg.es/tvg/a-carta/futbol-gaelico-celtic-cup-6021362