Último empurrón antes do Mundial

A tan só 10 días para o comezo do Mundial de Waterford, as nosas escadras apuran a súa preparación antes de viaxar a Irlanda, cheos de enerxía e ilusión.

Os dous combinados levan adestrando case dous meses preparando esta cita, con ata tres adestramentos semanáis (martes, xoves e sábado). Dende a Asociación queremos agradecer aos concellos de Compostela, Trazo, A Estrada e Lalín, así como ao C.D. Berres, na cesión das súas instalacións e toda a axuda recibida.

A pasada semana realizouse a presentación oficial dos equipos que competirán nos GAA World Games, presidida polo alcalde da cidade de Waterfod, e na que estiveron presentes as camisolas oficiais de todos os conxuntos, incluída a nosa Galega. Con 85 escadras en total, entre todas as modalidades (28 en fútbol masculino e 17 en fútbol feminino) promete ser un torneo emocionante!

As nosas seleccións debutarán o luns 29 de xullo. As rapazas comezan primeiro, ás 10.00 (hora Irlandesa) no Waterford Institute of Technology de Waterford contra Bretaña, rival coñecido co que xa nos atopamos o ano pasado nos Eurogames. Os rapaces farano un pouco máis tarde, ás 12.30 (hora irlandesa), contra Arxentina, no que xa é un clásico mundialista, e que nos bateu na final do Mundial Abu Dhabi 2015.