A Asociación Galega de Fútbol Gaélico firma un convenio de dous anos con PuntoGal e Voltier

PUNTOGAL E VOLTIER ELECTRONICS SELAN UN ACORDO DE PATROCINIO POR DOUS ANOS COA SELECCIÓN GALEGA DE FÚTBOL GAÉLICO

  • Cubrirá a súa participación nos GAA World Games deste verán e no campionato europeo do ano que vén.
  • Ángel Negrete destacou que a colaboración destas entidades, “nos permitirá seguir crecendo como referencia do fútbol gaélico a nivel internacional a través da Selección Galega”
  • A sinatura do convenio tivo lugar este mediodía en Santiago de Compostela.

As oficinas da delegación santiaguesa da Federación Galega de Fútbol (FGF), situadas no estadio municipal Vero Boquete de San Lázaro, acolleron este mediodía o acto de sinatura do acordo polo que a empresa galega Voltier Electronics e a Asociación PuntoGal se converten nas entidades patrocinadoras principáis da Selección Galega de Fútbol Gaélico para os próximos dous anos. Na firma do convenio, por parte da Asociación Galega de Fútbol Gaélico participaron Ángel Negrete, presidente da entidade, e Ánxela Estévez, actual capitana da selección feminina de fútbol gaélico. En representación de PuntoGal estiveron presentes o seu presidente, Manuel González, e o seu director xeral, Darío Janeiro, e por parte de Voltier Electronics Iván Souto e Luis Rama, socios fundadores.

Negrete destacou en nome do gaélico galego a trascendencia deste convenio de patrocinio “que, grazas ao compromiso de dúas firmas galegas punteiras nos seus sectores nos permitirá seguir crecendo como referencia do fútbol gaélico a nivel internacional a través da Selección Galega”. Deste xeito, expresou o seu recoñecemento e agradecemento tanto a PuntoGal como a Voltier Electronics e fixo fincapé na relevancia deste acordo de colaboración “que é para nós fundamental, pois cobre a participación da Selección no mundial deste verán e no europeo do ano que vén para o que, ademais, estamos traballando na candidatura de Galicia como sede”. “As achegas de entidades empresariais unidas a outro tipo de iniciativas que vimos levando a cabo para conseguir fondos” -engadiu Negrete- “son imprescindibles para poder afrontar a participación das Seleccións en torneos internacionais, tendo en conta que somos totalmente amateurs e que xogadores/as corpo técnico e outros membros da AGFG debemos realizar importantes sacrificios persoais e incluso económicos para competir”.

O presidente de PuntoGal, Manuel González, sinalou no acto de presentación que “O dominio -gal é unha etiqueta que nos identifica aos galegos en todo o mundo, e que a posta de relevo dos signos de identidade de Galicia son unha prioridade para a Asociación PuntoGal” e “por iso apoia iniciativas que contribúen a reforzar as nosas características diferenciais, como é o fútbol gaélico”. “PuntoGal, como asociación sen ánimo de lucro, inviste todos os seus beneficios na promoción da lingua, cultura, deporte e tecnoloxía galegos e na visibilidade de Galicia no ciberespazo”. Pola súa parte, o director xeral do dominio, Darío Janeiro, sinalou que PuntoGal “leva traballando os últimos meses no establecemento dun programa corporativo de colaboración e apoio a entidades vinculadas á lingua, a cultura, a sociedade ou á tecnoloxía en Galicia”. Nesta liña lembrou o traballo realizado de localización do navegador Firefox ao galego, a organización do exitoso certame de microrrelatos coa Real Academia Galega, o apadriñamento do festival de Cans ou o apoio a eventos como a First Lego League, o Día Internacional das Rapazas nas TIC, a Noite Galega das Telecomunicacións ou Coruña Hacks. Janeiro sinalou que o crecemento no número de dominios rexistrados irá posibilitando, pouco a pouco, máis accións deste tipo que, na súa opinión “constitúen unha das razóns de ser de PuntoGal”.

Iván Souto, socio fundador de Voltier Electronics, agradeceu a oportunidade de poder colaborar nunha iniciativa coma o fútbol gaélico galego. “Dende Voltier queremos aportar o noso grao de area e axudar a que este deporte, dentro dos considerados como minoritarios, teña máis visibilidade”. Nesta liña, Iván destacaba que “a selección galega é un dos maiores referentes deste deporte a nivel internacional e esperamos que sigan acadando éxitos como ata agora, e que iso sirva para estender a práctica desde deporte en Galicia”.

A capitana da selección galega e campioa de Europa o pasado verán, Ánxela Estévez, destacaba que “estas aportacións son claves para o éxito das nosas seleccións. Ao ser un deporte de natureza amateur, moitas xogadoras e xogadores non poderían viaxar a mundiais ou europeos sen este tipo de axudas”. Ánxela destacou o importante papel da selección galega para dar a coñecer o noso deporte, tanto dentro de Galicia como fóra: “Permítenos chegar a máis xente. Esperemos que nos axude a sumar novos talentos e que o fútbol gaélico galego sigra medrando”.

PuntoGal (www.dominio.gal) é a entidade que xestiona o dominio de internet “.gal”. A día de hoxe, conta máis de 5.000 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares. Pola súa banda, Voltier Electronics, fundada en 2017, é unha empresa que ofrece soporte técnico e reparación de equipos de electrónica de consumo multimarca tanto a clientes particulares como a profesionais.