Os equipos galegos deixan pegada na Final Ibérica de Barcelona

A tempada oficinal remata xa para todos os equipos galegos coa desputa da Final Ibérica o pasado sábado. Este torneo pecha o Campionato Ibérico e xunta aos mellores equipos da península ibérica, supondo o colofón á tempada.

Dende 2017, o Campionato Ibérico modificou o seu formato, pasando a estar divididos en varias rexións (Galicia, Andalucía-Sur e Centro-Este). Ao cabo da tempada, os seis mellores de entre as tres rexións desputarían a Final Ibérica Sénior, competindo polo título do mellor equipo da península. O resto de equipos poderían desputar a fase final Shield.

Cun caracter rotatorio, este ano a sede trasladarías á Cidade Condal e sería co-organizada polos conxuntos locáis de Barcelona Gaels e Gaélicos do Gran Sol. O torneo se celebraría entre os campos da Foixarda (Montjuic) e da Universitat Autònoma de Barcelona.

Estrela Vermelha, Auriense e Fillas de Breogán serían as representantes galegas na final Sénior feminina, que este ano contaría con sete equipos (divididas en dous grupos de 3 e 4 equipos), ao non poder formarse competición Shield feminina.

As compostelás caerían na final fronte a Madrid nunha apaixoante final na que chegaron a remontar unha diferenza de 8 puntos na segunda parte, repetindo o subcampionato acadado o ano pasado. Durante o torneo amosaron un excelente rendemento, gañando con contundencia os seus partidos de grupo (Barcelona e Valencia) e superando as semifináis. Gran peche de tempada para as estreleiras, na que malia finalizar sen títulos, tiveron opcións en todos (Liga, Copa e Ibérico) competindo ata o último minuto.

Previamente tiveron que superar nas semifináis a Auriense, impedindo repetir por terceiro ano consecutivo unha final galega. As ourensás clasificáronse segundas de grupo logo de gañar a Sevilla e Fillas e caer ante Madrid. Finalmente acabaron cuartas ao caer por un só punto na prórroga no partido polo 3º/4º posto contra Barcelona, que aínda así demostra a boa saúde coa que remata o equipo unha tempada na que foron de menos a máis.

Pola súa parte, as Fillas de Breogán non logra pasar ás semifináis ao ficar terceiras de grupo cunha victoria contra Sevilla e dúas derrotas fronte Madrid e Auriense. Finalmente acaban quintas ao imporse a Valencia GAA, finalizando a racha histórica que lles levou a gañar tres campionatos ibéricos consecutivos (2016, 2017, 2018), fito histórico no fútbol gaélico galego e estatal.

Estrela Vermelha, Irmandinhos e Fillos de Breogán serían os encargados de defender o fútbol gaélico galego na final sénior masculina.

Os de Compostela fican terceiros logo de caer nunha espectacular semifinal contra Madrid, os favoritos e os á postre campións. Comezando con bo pé cunha folgada victoria contra Fillos de Breogán, finalizaron segundos de grupo ao caer fronte a Valencia nun partido do que puideron sacar máis. Isto supuña que se enfrontarían nas semifináis aos favoritos aboslutos do torneo, Madrid Harps, vixentes campións con cinco títulos consecutivos e trece en total. Nun partido espectacular, o Estrela foi por diante boa parte dun encontro que finalmente acabou en empate a 10, forzando unha prórroga na que acabarían caendo por 3 puntos, recibindo ovacións por parte da maioría da grada (galega e non galega). Finalmente ficarían terceiros ao superar a Xibraltar no 3º/4º posto.

O equipo da Estrada, cheo de baixas que comprometeron o seu rendemento, non foi quen de clasificarse para semifináis ao perder os seus partidos fronte a Madrid e Xibraltar. Mesma sorte levaron os Fillos de Breogán, que non foron quenes de superar a Estrela e Valencia. Ambos equipos se enfrontarían no partido polo 5º/6º posto, que caería do lado dos da Estrada. As lesións e a imposibilidade de viaxar de varios xogadores clave de ambos conxuntos deixan a sensación de que, de poder contar cos seus equipos habituáis da Liga Galega, os resultados poderían ter sido outros.

Na Shield o único representante galego, Auriense, imporíase con autoridade ao facer un pleno de victorias nun grupo único compostor polos O’Donells (equipo filial de Madrid Harps), Andalucía GAA (amalgama dos diferentes equipos andaluces), e os locáis Sitges e Gran Sol. Desta forma, os ourensáns repiten coroa Shield logo de ter gañado este mesmo torneo na Coruña no ano 2018.

Mención especial para Gran Sol, equipo afincado en Barcelona pero composto maioritariamente por xogadores de orixe galega. Varios deles chegaron a competir na Liga Galega.

Senior Masculina

  1. Madrid Harps
  2. Valencia GAA
  3. Estrela Vermelha
  4. Gibraltar Gaels
  5. Irmandinhos
  6. Fillos de Breogán

Senior Feminina

  1. Madrid Harpettes
  2. Estrela Vermelha
  3. Barcelona Gaels
  4. Auriense
  5. Fillas de Breogán
  6. Valencia GAA
  7. Éire Óg Sevilla

Shield Masculina

  1. Auriense
  2. Madrid O’Donells
  3. Andalucía GAA
  4. Sitges GFC
  5. Gran Sol