Fases finais Shield e Sénior da Copa Galega, decididas

O pasado fin de semana do 4 e 5 de maio desputáronse as eliminatorias correspondentes á fase previa da Copa Galega. Catro partidos onde os gañadores avanzarían á gran fase final Sénior da Copa, mentres que os que non foron capaces de superar os seus partidos ou por renuncia viaxarán á fase final Shield.

RESULTADOS

Feminino

  • Herdeiras de Dhais 2-24 (30) VS Fillas de Breogán 6-09 (27)
  • Auriense 3-09 (18) VS Keltoi 3-08 (17)

Masculino

  • Cambados 4-13 (25) VS Keltoi 2-16 (22)
  • Herdeiros de Dhais 6-13 (31) VS Fillos de Breogán 4-08 (20)

Composición das fase fináis

Fase Final Sénior (17 maio, Xove)

Feminino

Auriense
Estrela Vermelha
Herdeiras de Dhais
(gañadora da Shield)

Masculino

Auriense
Cambados
Estrela Vermelha
Herdeiros de Dhais

Fase Final Shield (11 maio, A Estrada)

Feminino

Fillas de Breogán
Irmandinhas
Keltoi

Masculino

Fillos de Breogán
Irmandinhos
Keltoi
Turonia / Dorna

Crónicas

Auriense 3-09 (18) VS Keltoi 3-08 (17) [Fem.]

O sábado no campo da Universidade desputouse o partido correspondente á primeira fase da Copa Galega de fútbol gaélico, que enfrontaba aos equipos femininos do Auriense Campus da Auga F.G. contra o Keltoi Vigo GAC. O partido, intenso de principio a fin, foi un continuo ir e vir no marcador, que reflexaba ao descanso vantaxe visitante por so dous puntos. Trala reanudación mantivose a intensidade, máis o acerto e, sobre todo, a seguridade da defensa local deron a vitoria ao conxunto ourensán por so un punto. Auriense 2-12(18) – Keltoi 3-08(17). Con esta vitoria, tanto rapazas coma rapaces de Auriense pasan a desputar a fase final da Copa Galega, que terá lugar en Xove o vindeiro 17 de maio.

Cambados 4-13 (25) VS Keltoi 2-16 (22) [Masc.]

Este sábado 4 de Maio enfrontáronse en Cambados no campo do Pombal os equipos Cambados Gaélico e Keltoi Vigo disputándose un posto na gran final do gaélico que se disputará en Xove. O equipo local aproveitou este encontro para facer unha recollida de penso para os animais do refuxio.

Tras o saque inicial ambos equipos probáronse con disparos lexanos que non acadaban a portería, pero en un momento o equipo local encadenou 2 goles que o puxeron por riba no marcador. Keltoi quixo repoñerse do golpe e foi quen de chegar o descanso con só 2 puntos por debaixo no marcador. A segunda parte, igual que a primeira, estivo moi disputada por ambos equipos. Keltoi puido poñerse por diante tras fallar un par de goles cantados, pola súa banda o Cambados aproveitou todas as ocasións que tivo e foi quen de acabar a segunda parte con 1 punto máis que o Keltoi, facendo así un total de 3 puntos por riba no marcador xeral.

Resultado final, 25-22, e o Cambados que se clasifica para a fase final da copa galega.

Herdeiras de Dhais 2-24 (30) VS Fillas de Breogán 6-09 (27) [Fem.]
Herdeiros de Dhais 6-13 (31) VS Fillos de Breogán 4-08 (20) [Masc.]

O sorteo da fase previa da Copa deparou casualmente un dobre enfrontamento entre os equipos masculino e feminino de Lalín e A Coruña. As catro escadras déronse cita no Cortizo o pasado sábado contra as 18:30 para disputar dou vibrantes partidos.

Comezaban as rapazas, nas que as recentes coroadas como mellor equipo ligueiro recibían ás sempre potentes Fillas de Breogán. O encontro foi de alta puntuación e non defraudou. Herdeiras destacou todo o partido polo seu acerto no tiro a paus, a súa principal arma, mentres que Fillas estivo acertada no tiro baixo o longueiro, recortando a pasos axigantados a vantaxe que collían as de Lalín. Finalmente, a victoria quedou na casa por 30 a 27, e serán as de Lalín as que viaxen a Xove.

Rematado o partido feminino, deu comezo o masculino. Os afeccionados viviron tamén un partido de alta puntuación e moitos goles, no que os ártabros nunca se acabaron de sentir cómodos pese á súa condición de favoritos. Herdeiros dispuxo de maior acerto tanto no tiro a paus como a gol, e finalizou o partido cunha vantaxe de 11 puntos sobre o seu rival, certificando o seu pase á final de Xove xunto co equipo feminino. Os conxuntos ártabros viaxarán o vindeiro sábado 11 á Estrada para a final Shield.