Crónica xornada 21 [final]: Herdeiras de Dhais, novas campioas galegas

O equipo lalinense alzouse co seu primeiro título tras vencer a Estrela Vermelha nunha auténtica final co público ateigando as bancadas. Auriense vence a domicilio a Turonia, mentres que o equipo masculino de Gondomar empata no derradeiro momento cos Estrela Gaels. Dorna acada o título Shield ao imporse ao Braithreachas e recuperar o “average” particular. Keltoi vence, pola súa banda, a Mecos.

RESULTADOS

Feminino

  • Estrela Vermelha 2-15 (21) VS Herdeiras de Dhais 5-14 (29)
  • Turonia 1-11 (14) VS Auriense 3-14 (23)
  • Keltoi VS Irmandinhas [N.P.]

Masculino

  • Braithreachas 1-09 (12) VS Dorna 2-12 (18)
  • Keltoi 2-17 (23) VS Mecos 1-12 (15)
  • Estrela Gaels 4-13 (25) VS Turonia 6-07 (25)

Clasificación final

Feminina

  1. Herdeiras de Dhais 24 ptos (+101)
  2. Estrela Vermelha 20 ptos (+164)
  3. Fillas de Breogán 12 ptos (-1)
  4. Keltoi 10 ptos (-40)
  5. Auriense 8 ptos (-32)
  6. Irmandinhas 5* pts (-74)
  7. Turonia 4 ptos (-118)

Masculina (Sénior)

  1. Estrela Vermelha 29 ptos (+257)
  2. Irmandinhos 25* pts (+242)
  3. Fillos de Breogán 24 ptos (+154)
  4. Auriense 23 ptos (+112)

Masculina (Plate)

  1. Herdeiros de Dhais 23 ptos (+179)
  2. Keltoi 20 ptos (+133)
  3. Mecos 15 ptos (-54)
  4. Cambados 8 ptos (-257)

Masculina (Shield)

  1. Dorna 11 ptos (-123)
  2. Braithreachas 11* ptos (-88)
  3. Estrela Gaels 7 ptos (-88)
  4. Turonia 7 ptos (-154)

(*) Penalizado por ter partidos non presentado

Crónicas

Keltoi 2-17 (23) VS Mecos 1-12 (15) [Masc.]

A xornada do sábado comezaba coa mala nova de non poder disputarse o encontro feminino que estaba previsto entre Keltoi e Irmandinhas e que pecharía a participación de ambos conxuntos na Liga, debido ás baixas que sufriu o conxunto estradense na recta final de tempada.

Polo tanto, desputouse o partido masculino, como estaba previso, entre Keltoi e Mecos. Un partido dinámico, cun protagonismo absoluto no tiro a paus no que ambos equipos estiveron parellos. O maior acerto de cara a portería do conxunto olívico decantou a balanza ao seu favor, e victoria quedou na casa por 23 a 15.

A destacar que este encontro disputouse nesta data a peticións dos clubes, xa que dentro da xornada tivo lugar un partido amigable entre as escolas deportivas de ambos clubes, e que tantas alegrías nos están a dar últimamente!

Braithreachas 1-09 (12) VS Dorna 2-12 (18) [Masc.]

O primeiro título da fin de semana entraba en xogo o sábado pola tarde no Manuel Regueiro. Braithreachas partía con vantaxe ao liderar a táboa de clasificación Shield por dous puntos a Dorna e, ademáis, co resultado da ida favorable. Dorna debía vencer por 3 puntos ou máis se quería acadar o título.

O partido foi intenso, como se esperaba, no que primaron as defensas e o xogo táctico. Na segunda parte, Dorna foi abrindo a suficiente brecha no marcador como para afrontar un final de partido con tranquilidade, remontando o ‘goal average’ que tiña perdido cos ‘cheas’. Finalmente, o encontro rematou 12-18 e o título Shield viaxou á Illa de Arousa.

Estrela Gaels 4-13 (25) VS Turonia 6-07 (25) [Masc.]
Estrela Vermelha 2-15 (21) VS Herdeiras de Dhais 5-14 (29) [Fem.]

Prevíase un serán inesquecible no campo das Cancelas con dous equipos que a casuística fixo que chegasen á derradeira xornada situados en primeiro e segundo posto da clasificación con só dous puntos de vantaxe para as dezás. Porén, o duelo converteuse nunha gran final polo título, e non defraudou. As ducias e ducias de espectadores que se congregaron na bancada cunha gran presenza de siareiros e siareiras tanto locáis como visitantes -máis de 150- puideron desfrutar dun partidazo no que o bo xogo protagonizado pola entrega, a loita e o sacrificio das xogadoras fixeron as delicias do respectable de principio a fin nun ambiente de concordia entre as aficcións.

O partido comezou dominado por Estrela, que anotou 4 tantos nos primeiros minutos con moita facilidade ante unhas Herdeiras que semellaban desorientadas e nerviosas polo determinante da situación. Non obstante, o primeiro punto das lalinenses insufloulles a confianza necesaria para ir collendo a pelota e facer que o partido se igualase tamén no marcador en pouco tempo. Nercellas, renqueante por unha lesión que a limitou claramente durante todo o partido, liderou, aínda así, en ataque con dous goles a remontada lalinense, mais os continuos tantos da dianteira estreleira, Uxía, cun certo maxistral a balón parado, impoñían a igualdade no marcador, chegando ao descanso con vantaxe visitante por 12-14.

Con todo por decidir, a segunda metade comezou cun guión semellante, sen un dominador claro no terreo de xogo. Non obstante, pouco a pouco, e grazas ao maior acerto das dezás, con varios tantos de Naza e os goles decisivos de Nao e Fátima, a vantaxe visitante foise incrementando ata os 8 puntos de diferenza. Faltando 10 minutos Estrela non se rendía e apostouno todo ao ataque, con Ánxela, Lucía, Uxía e Laura creando moito perigo en cada internada e facendo que a defensa Herdeira se tivese que empregar como nunca para evitar a remontada, nun exercicio de loita que namorou a grada. Estrela foi capaz de poñerse a só 3 puntos de diferencia, pero cando darlle a volta ao marcador parecía posible, un novo gol lalinense seguido de dous tantos levou á capital do Deza o título de liga, o primeiro da súa curta historia para un equipo que finalizou a competición invicto e sumando por vitorias os seus partidos.

Como aperitivo, antes da final feminina disputouse o duelo de novatos da Liga entre Estrela Gaels e Turonia. Ao igual que as rapazas, os Gaels comezaron golpeando primeiro, e nos primeiros minutos de xogo adiantaba aos de Gondomar por 5 a 0. Os visitantes, escasos de efectivos, souperon sufrir e foron reducindo distancias no marcador e xerando multitude de uns para uns. No descanso, os composteláns aventaxaban por 3 puntos. A segunda parte transcorrería polos mesmos derroteiros, disfrutando os locáis de máis ocasións, pero con numerosos erros nas transicións que propiciaron varios contragolpes que acabaron en gol turoniá. Tras un tiro de falta sobre a bocina, Turonia arrancaba un empate que sabe a victoria.

Turonia 1-11 (14) VS Auriense 3-14 (23) [Fem.]

Pechando a xornada, o Turonia recibía ao Auriense, dous equipos que, a pesar do que poida aparentar polos seus resultados, están en clara liña ascendente de xogo, es especial as turoniás por ser o seu primeiro ano de competición.

O partido comezou pasadas as 20:30h e, desde o primeiro momento quedou claro que as dúas equipas ían a pelexar pola vitoria con todas as armas dispoñibles. O Auriense, unha vez máis xusto de efectivos por mor das lesións, platexou un partido no que o tiro a paos e as combinacións e cruces no campo rival foron claves para desmantelar a defensa das de Gondomar que, pola súa banda, demostraba en cada ataque o seu potencial de cara a porta. Nunha primeira parte que foi unha alternacia continua de golpes, o marcador detívose indicando vantaxe visitante por so 4 puntos (8-12).

Con todo por decidir na segunda metade, a equipa das Burgas saiu con todo, e novamente o acerto nos tiros a paos, sumado a gran defensa e aos bloqueos dos tiros das locais, permitiron sumar unha nova vitoria para as rapazas do Auriense, sendo o marcador final de 14 a 23.