Crónica xornada 17: Remate da primeira volta masculina

A competición ligueira masculina remata a primeira volta, aínda que os grupos das fases fińais xa quedaran decididos a semana pasada. Na fase sénior temos aos actuais campións Irmandinhos, o equipo con máis títulos ligueiros Estrela Vermelha, o decano do gaélico gaelgo Fillos de Breogán e a os ourensanos Auriense que acadan a súa mellor posición histórica en liga. Na fase Plate sitúanse os lalinenses Herdeiros De Dhais, Keltoi Vigo da cidade olívica, os históricos Mecos O Grobe e os seus veciños do Salnés, Cambados Gaélico. Por último, na fase Shield temos aos filiáis estradense e compostelano, Braithreachas e Estrela Gaels respectivamente, aos debutantes de Turonia GFG e o terceiro equipo da ría arousana, o Dorna.

A competición feminina continúa a súa andanza xa mediada a segunda volta. Unha inesperada victoria de Turonia sobre as tricampioas Fillas de Breogán da os primeiros puntos na competición para as debutantes. Pola súa parte, Estrela Vermelha segue a estela das lídes Herdeiras de Dhais ao imporse a Keltoi Vigo.

A competición retomarase a fin de semana do 23 e 24 de marzo.

RESULTADOS

Feminino

  • Turonia 3-18 (27) vs Fillas de Breogán 3-08 (17)
  • Estrela Vermelha 2-22 (28) vs Keltoi 2-10 (16)

Masculino

  • Estrela Gaels 1-06 (9) vs Fillos de Breogán 5-06 (21)
  • Pontevedra 0-00 (0) vs Herdeiros de Dhais 0-30 (30) – Non presentado
  • Irmandinhos 0-30 (30) vs Ártabros 0-00 (0) – Non presentado
  • Cambados 3-06 (15) vs Dorna 1-06 (9)
  • Turonia 0-30 (30) vs Braithreachas 0-00 (0) – Non presentado

PRÓXIMA XORNADA (23-24 marzo)

Feminino

  • Fillas vs Irmandinhas
  • Auriense vs Estrela Vermelha
  • Herdeiras de Dhais vs Turonia

Masculino

  • Fase Sénior
    • Auriense vs Estrela Vermelha
    • Fillos de Breogán vs Irmandinhos
  • Fase Plate
    • Herdeiros de Dhais vs Cambados
  • Fase Shield
    • Braithreachas vs Turonia
    • Dorna vs Estrela Gaels

Clasificación

Feminina

  1. Herdeiras de Dhais 18 ptos (+76)
  2. Estrela Vermelha 14 ptos (+119)
  3. Keltoi 8 ptos (-55)
  4. Fillas de Breogán 8 ptos (+8)
  5. Irmandinhas 6 pts (-19)
  6. Auriense 4 ptos (-22)
  7. Turonia 2 ptos (-107)

Masculina

  1. Irmandinhos 26 pts (+274)
  2. Estrela Vermelha 24 ptos (+255)
  3. Fillos de Breogán 22 ptos (+163)
  4. Auriense 18 ptos (+73)
  5. Herdeiros de Dhais 17 ptos (+97)
  6. Keltoi 16 ptos (+105)
  7. Mecos 13 ptos (-46)
  8. Cambados 8 ptos (-155)
  9. Braithreachas 7* ptos (-92)
  10. Estrela Gaels 6 ptos (-76)
  11. Pontevedra 5* ptos (-171) – Retirada na 2ª volta
  12. Turonia 6 ptos (-142)
  13. Dorna 5 ptos (-143)
  14. Ártabros 3* ptos (-142) – Retirada na 2ª volta

(*) Penalizado por ter partidos non presentado

Crónicas

Turonia 3-18 (27) vs Fillas de Breogán 3-08 (17) [Fem.]

Partido de volta xogado no Campo da Gándara de Chaín (Gondomar) na noitiña do sábado, entre o primeiro clube de fútbol gaélico fundado na Galiza e o mais recente: Fillas de Breogan da Coruña e o Turonia GFG. A vitoria foi para as novatas do Val Minhor por 27 (3/18) a 17 (3/08). Primeiro triunfo en competición oficial na historia do feminino do Turonia GFG; merecida, necesaria e gañada a pulso, logo de varias derrotas axustadas.

Un partido demarcado case todo o tempo para as turoniás que souberon plantarse no campo cunha fortaleza e definición que non puideron superar as da Coruña. O xogo estivo bastante igualado no primeiro tempo, rematado ainda así con vantaxe de 3 puntos para as de Gondomar. No segundo tempo a precisión no tiro paus e a boa dosificación do esforzo e da calma por parte do Turonia puxeron distancia estre os equipos, ao final por 10 puntos.

Partido intenso, con lances de duro contacto que ainda así non quentaron o ambiente; caracterizado durante todo o xogo pola deportividade e o compañeirismo.

Cambados 3-06 (15) vs Dorna 1-06 (9) [Masc.]

Este domingo pola tarde, tivo lugar o derbi do salnés entre o Cambados e o Dorna para ver quen se quedaba ca praza que daba acceso ó grupo 2 de cara á segunda volta. Ante a falta de instalacións na vila do albariño por mor do entroido, o encontro disputouse no campo da Senra (Ribadumia) baixo unhas condicións climáticas moi adversas para o desenvolvemento do xogo.

Así pois, o partido comezou co Dorna adiantándose no marcador, creando unha presión alta que puxo en apuros ó conxunto local. O vento e a chuvia propiciaron numerosos erros en ambos equipos, pese a todo o Cambados conseguiu impoñerse facendo que o marcador ó descanso fora de 7-5.

A segunda parte comezou cun despiste defensivo dos locáis que o Dorna transformou en gol, apretando máis se cabe o marcador. O conxunto amarelo seguía acertando a tantos, pero nun lance do xogo sufriron un penalty en contra que os da Illa non souberon aproveitar para adiantarse no marcador. Finalmente, un Cambados máis que mermado de xogadores conseguiu impoñerse a un Dorna que viña con todo o seu plantel por un marcador de 15-9.

Estrela Vermelha 2-22 (28) vs Keltoi 2-10 (16) [Fem.]
Estrela Gaels 1-06 (9) vs Fillos de Breogán 5-06 (21) [Masc.]

Desputáronse na capital galega os partidos que pecharon esta xornada da Liga Galega de fútbol gaélico. Na competición feminina as estrelas recibían a Keltoi Vigo e na masculina o filial estreleiro recibía aos Fillos de Breogán da Coruña.

O Estrela feminino logrou unha nova vitoria que as afianza na segunda posición e segue presionando ás Herdeiras de Dhais de Lalín, líderes invictas da categoría. O partido, totalmente condicionado polas condicións climatolóxicas adversas, foi dominado de principio a fin polas compostelanas. No resultado final o Estrela Vermelha dobrou en puntos ao combinado da cidade olívica.

Por outra banda, na Liga Galega masculina, o Estrela Gaels recibía aos terceiros clasificados na táboa, os Fillos de Breogán da Coruña. Na primeira parte o resultado foi a favor do cadro visitante, aínda que a diferenza era mínima. Os primeiros compases da segunda metade facían que as bancadas locais aumentasen a presión para os coruñeses, pois un par de xogadas acertadas dos Gaels, xunto co gol do novísimo dianteiro Matías Montenegro “Matigol”, situaban ao filial estreleiro a moi poucos puntos do seu rival. Porén, ao final os Fillos de Breogán tiraron de veteranía e castigaron de maneira severa as imprudencias dos Gaels. Finalmente o resultado foi demasiado avultado para o que se viu no campo. Estrela Gaels 9 – 21 Fillos de Breogán.

O Estrela feminino segue a ter opcións de gañar a Liga, mentres que os Gaels rematan a primeira volta da Liga nun meritorio undécimo posto.