Crónica xornada 13: Irmandinhos e Estrela continúan con paso firme na súa loita polo liderato da liga masculina

A Liga Galega de Fútbol Gaélico chega á 13ª xornada. Mentres a competición feminina xa rematou a primeira volta e agarda polo sorteo do calendario da segunda, os rapaces disputan as últimas xornadas ligueiras e os 14 equipos que concorren no torneo vanse asentando nos postos que darán acceso á fase de loita polo título, a fase plate e á shield. Na pugna polo liderato, Irmandinhos e Estrela continúan sen ceder e vencen con claridade a Cambados (décimoprimeiro) e a Mecos que se sitúa quinto. Fillos (terceiro) tampouco tivo demasiados problemas para derrotar a Braithreachas, mentres Auriense segue cuarto ao vencer na Illa ao Dorna. Na parte intermedia Herdeiros gáñalle aos Gaels e sitúase na sétima posición empatado a puntos con Keltoi, mentres que na parte baixa os Ártabros derrotaron ao pechacancelas, Turonia.

RESULTADOS MASCULINO

  • Estrela Gaels 1-05 (8) vs Estrela Vermelha 2-13 (19) [adiado da xornada 3]
  • Fillos de Breogán 5-13 (28) vs Braithreachas 2-06 (12)
  • Cambados 1-05 (8) vs Irmandinhos 13-16 (55)
  • Dorna 2-18 (24) vs Auriense 8-11 (35)
  • Estrela Vermelha 1-15 (18) vs Mecos 2-03 (9)
  • Estrela Gaels 2-07 (13) vs Herdeiros de Dhais 6-12 (30)
  • Turonia 1-05 (8) vs Ártabros 10-07 (37)

PRÓXIMA XORNADA (9-10 febreiro)

Feminino

  • (pendente de sorteo)

Masculino

  • Pontevedra vs Auriense
  • Keltoi vs Estrela Gaels
  • Ártabros vs Fillos de Breogán
  • Cambados vs Estrela Vermelha
  • Herdeiros de Dhais vs Braithreachas

Clasificación

Feminina

  1. Herdeiras de Dhais 12 ptos (+57)
  2. Estrela Vermelha 10 ptos (+69)
  3. Fillas de Breogán 8 ptos (+24)
  4. Keltoi 6 ptos (-41)
  5. Irmandinhas 4 pts (-9)
  6. Auriense 2 ptos (-26)
  7. Turonia 0 ptos (-77)

Masculina

  1. Irmandinhos 22 pts (+230)
  2. Estrela Vermelha 20 ptos (+221)
  3. Fillos de Breogán 16 ptos (+105)
  4. Auriense 14 ptos (+26)
  5. Mecos 12 ptos (-12)
  6. Keltoi 11 ptos (+66)
  7. Herdeiros de Dhais 11 ptos (-3)
  8. Braithreachas 8 ptos (-28)
  9. Pontevedra 7 ptos (-87)
  10. Estrela Gaels 6 ptos (-13)
  11. Cambados 4 ptos (-143)
  12. Ártabros 4* ptos (-85)
  13. Dorna 3 ptos (-114)
  14. Turonia 2 ptos (-163)

(*) Penalizado por ter partidos non presentado

Crónicas

Estrela Gaels 1-05 (8) vs Estrela Vermelha 2-13 (19) [Masc.]

A noite do mércores foi testigo do primeiro derbi “estreleiro”, no que se enfrontaron o Estrela Vermelha e o seu equipo filial, o Estrela Gaels. Trátase dun partido da xornada 3 de Liga, adiado por mor da participación do clube no Campionato Europeo de Maastricht.

O encontro daba comezo ás 22:15 baixo unha leve chuvia, ante a mirada dunha vintena de aficionados. Comezou golpeando forte o Estrela Vermelha, facendo uso da súa velocidade e capacidade de chegada, cos Gaels tendo moitos problemas na saída do balón e acusando o desgaste físico por xogar maiormente á defensiva. Aínda así, unha boa actuación da zaga e unha noite inspirada na portería fixeron que o encontro se fose no descanso 2 a 9 para o Estrela Vermelha.

A segunda metade discurriu de xeito máis parello. O maior fondo de banquillo dos Gales permitiulle igualar o choque a nivel físico e comezou a gozar de máis oportunidades en ataque, cunha mellora no xogo coa man. O asedio estreleiro non cesou e foi anotando puntos pouco a pouco, deixando o marcador total en 8 a 19.

Ao finalizar o partido, e a pesar da hora (pasadas as 12 da noite) celebrouse a sagrada confraternización do terceiro tempo entre xogadores e aficción ao carón das usuais delicias do MV.

Fillos de Breogán 5-13 (28) vs Braithreachas 2-06 (12) [Masc.]

Nun campo da Torre soleado, comezaba contra as dúas e media da tarde do sábado o partido entre os Fillos de Breogán e Braithreachas.

Na primeira parte, os Fillos estrearon o casilleiro marcando un gol nos primeiros intres, aínda que os visitantes souberon responder a tempo. Foron 30 minutos intensos e cun marcador máis ou menos igualado, quedando o remate da primeira parte 15-10 a prol dos locáis.

Na segunda parte, os Fillos foron bastante superiores, ampliando considerablemente a diferencia, cun rival canso por mor de non ter cambios. Ámbolos dous equipos loitaron por unha vitoria que se quedou na casa, sendo o resultado final 28 a 12.

Cambados 1-05 (8) vs Irmandinhos 13-16 (55) [Masc.]

Partido pouco vistoso o que se viviy esta fin de semana entre o Cambados e Irmandinhos. Os estradenses puxeronse por diante no marcador a base de goles na primeira parte sen moita reacción posible por parte do conxunto local, mermado polas lesións das últimas semanas.

Tras o descanso, os cambadenses, sen moito que perder, intentaron mover máis a pelota. Sen embargo, o conxunto visitante volveu apretar o ritmo, deixando reflexado no marcador un contundente 8-55.

Dorna 2-18 (24) vs Auriense 8-11 (35) [Masc.]

Gran tarde-noite a vivida o sábado no campo da Bouza, na Illa de Arousa. Partido competido durante os 60 minutos, que rematou caendo do lado ourensán grazas a un maior acerto de cara á portería.

Isto permite ao Auriense levar uns puntos moi importantes de cara á loita pola cuarta praza, que lle daría acceso á fase final Sénior da Liga Galega xunto cos tres primeiros clasificados.

Estrela Vermelha 1-15 (18) vs Mecos 2-03 (9) [Masc.]

Estrela Gaels 2-07 (13) vs Herdeiros de Dhais 6-12 (30) [Masc.]

Fermosa tarde de gaélico no campo das Cancelas o pasado domingo.

Comezou a xornada cun enfrontamento entre o Estrela Vermelha e os Mecos do Grove. O combinado local dominou o partido desde o primeiro momento, mais unha boa acción dos visitantes antes do descanso facía que o partido non estivese pechado. Coa reanudación do xogo, o equipo vermelho baixou o nivel de presión e permitiu máis o xogo do equipo do Salnés. Ao remate do partido, nova vitoria para o Estrela Vermelha, a unha vitoria do liderado da Liga Galega.

No segundo enfrontamento da tarde víanse as caras os Estrela Gaels e os Herdeiros de Dhais de Lalín. O partido estivo absolutamente marcado polo atino dos dezanos e a falta de gol dos locais. Ao longo do partido, as ocasións foron parellas entre ambos combimados, mais a sorte foi ben diferente. Unha diferenza de máis de 15 puntos campeaba no marcador ao remate dos sesenta minutos. O filial compostelano segue medrando.

Turonia 1-05 (8) vs Ártabros 10-07 (37) [Masc.]

Partido disputado no campo de Chain no que os visitantes dominaron o encontro dende o inicio, cun xogo ofensivo que a defensa do Turonia non foi quen de parar. O equipo local, con moita dificultade para combinar no ataque e moitos erros na finalización, non estivo a altura do rival, como reflicte o resultado final do partido: 8 a 37.