Gran xornada de fútbol gaélico no I Torneo de Nadal da AGFG

O sábado 29 de decembro celebrouse no Campo da Mina en Vigo unha gran xornada aberta de fútbol gaélico para todas as idades.

O día non puido comezar mellor. Cun tempo espectacular para esta época do ano, a mañá estivo repleta de actividades para os máis pequenos, nas que participaron máis de 40 rapaz@s! Especialmente emotivo ver aos nenos de Mecos FG e Keltoi Vigo Academy desputar varios partidiños, primeiramente entre eles pero tamén mesturados, aprendendo de primeira man que o compañeirismo é unha das bases fundacionais deste deporte.

Durante o parón do mediodía tivo lugar un concurso de tiro a paus entre os presentes. Tras unha intensa final que se tivo que dilucidar xa dende case a liña de 45m, o galardón foi parar ás máns de Sixto de Turonia GFG. Parabéns!

Ás 15h daba comezo o outro prato forte do día: un torneo amigable na que participaron ata 5 equipos (algúns combinados) de clubes da Asociación Galega de Fútbol Gaélico. Finalmente, o torneo foi parar ás máns do combinado Herdeirxs De Dhais F.G. + Auriense Campus da Auga F.G. Parabéns!

Neste torneo fixo o seu debut a xente de Fútbol Gaélico A Mariña, que se percorreron Galicia de punta a punta. E vaia debut! Co reforzo dalgún veterano e cun pleno na fase de grupos, só claudicaron na final!

Dende a Asociación Galega de Fútbol Gaélico queremos agradecer a labor de todas persoas que fixeron posible o evento deste sábado, comezando polos responsables das canteiras dos distintos clubes que botaron un cable toda a mañá, pasando pola xente de Keltoi Vigo que tivo especial implicación, todos os árbitros que (ademáis de xogar) non pararon de traballar en todo o día, ao responsables do Campo da Mina pola cesión das instalacións e, en xeral, a todas as persoas que vos achegastes e desfrutastes con nós deste día.

Deixámosvos algunhas imaxes do día:

« de 4 »