Disputada unha nova fin de semana de competición na Liga Galega de Fútbol Gaélico con 7 encontros en liza entre a liga masculina e feminina, a xornada 5 trouxo consigo un dos grandes clásicos galegos co Estrela – Irmandinhos e o liderato en xogo. O encontro de rivalidade caeu finalmente para o lado estradense por só un punto de diferenza e sérvelles aos actuais campións para situarse primeiros na clasificación.
Keltoi Vigo segue en postos de cabeza pero perde o liderato tras sucumbir contra Herdeiros, que suma 3 vitorias consecutivas. Fillos tampouco perde o fío da competición e vence con claridade a Dorna, mentres Mecos mostra a súa mellora superando nun axustado partido a Braithreachas. Na liga masculina destaca tamén a primeira vitoria do Turonia, conxunto que se estrea en liga e que foi quen de superar a Cambados.
Na liga feminina Estrela e Herdeiras solventaron os seus compromisos e non ceden terreo. As compostelás superaron nun partido igualado a Irmandinhas e as do Deza impuxéronse con claridade a Keltoi e continúan en cabeza.
RESULTADOS FEMININO
- Herdeiras de Dhais 9-15 (42) vs Keltoi 3-11 (20)
- Estrela Vermelha 3-16 (25) vs Irmandinhas 2-15 (21)
RESULTADOS MASCULINO
- Cambados 2-12 (18) vs Turonia 5-07 (22)
- Dorna 2-04 (10) vs Fillos 1-21 (24)
- Herdeiros 0-15 (15) vs Keltoi 0-11 (11)
- Mecos 3-11 (20) vs Braithreachas 1-15 (18)
- Estrela Vermelha 4-08 (20) vs Irmandinhos 1-18 (21)
- Braithreachas 2-08 (14) vs Irmandinhos 5-14 (29) *
* Partido adiado da terceira xornada, xogado o mércores 31 de outubro.
PRÓXIMA XORNADA (17-18 outubro)
Feminino
- Fillas vs Herdeiras
- Keltoi vs Estrela Vermelha
- Auriense vs Turonia
Masculino
- Fillos vs Herdeiros
- Keltoi vs Estrela Vermelha
- Auriense vs Turonia
- Ártabros vs Dorna
- Cambados vs Pontevedra
- Estrela Gaels vs Braithreachas
Clasificación
Feminina
- Herdeiras de Dhais 4 ptos (+42)
- Estrela Vermelha 4 ptos (+14)
- Fillas de Breogán 2 ptos (+9)
- Auriense 0 ptos (-10)
- Irmandinhas 0 pts (-13)
- Turonia 0 ptos (-21)
- Keltoi 0 ptos (-22)
Masculina
- Irmandinhos 10 pts (+87)
- Keltoi 6 ptos (+93)
- Estrela Vermelha 6 ptos (+76)
- Fillos de Breogán 6 ptos (+35)
- Auriense 6 ptos (+19)
- Herdeiros de Dhais 6 ptos (+19)
- Mecos 4 ptos (-24)
- Pontevedra 3 ptos (-9)
- Ártabros 3 ptos (-46)
- Estrela Gaels 2 ptos (+2)
- Turonia 2 ptos (-16)
- Braithreachas 0 ptos (-51)
- Cambados 0 ptos (-77)
- Dorna 0 ptos (-108)
Crónicas
Cambados 2-12 (18) vs Turonia 5-07 (22) [Masc.]
O mal tempo que pasou pola costa estes días deu unha tregua o sábado para poder disputar o partido no Pombal entre o Cambados FG e o Turonia Gondomar. A primeira parte foi unha suma de erros do equipo local que lle permitiu ó Turonia chegar ó descanso cun marcador favorable de 6-12. Tralo descanso, o Cambados saiu con moita forza. Apretaron máis ó rival cunha presión máis alta, cortando o xogo rival en canto eles recuperaban o balón. Sen embargo, os turoniáns aproveitaron varias contras para seguir sumando puntos. Finalmente victoria visitante por 18-22.
Dorna 2-04 (10) vs Fillos 1-21 (24) [Masc.]
O Dorna segue sen estrear a casiña de vitorias nesta liga tras non poder puntuar contra un Fillos que impuxo a súa veteranía nun partido entretido que lles serve para manterse nos postos altos da clasificación.
Herdeiras de Dhais 9-15 (42) vs Keltoi 3-11 (20) [Fem.]
Herdeiros 0-15 (15) vs Keltoi 0-11 (11) [Masc.]
Regresou o fútbol gaélico ao sintético do Cortizo 3 semanas despois nunha noite xa das de máis pura invernía tan habituais do municipal lalinense. A chuvia, finalmente, non foi tan abondosa como se agardaba e deixou desfrutar aos asistentes de dous
disputados encontros que caeron do lado local.
As rapazas abriron a quenda de partidos na estrea en liga dun reforzado Keltoi Vigo, que propuxo garra e loita pero non foi quen de superar en ningún momento do duelo a unhas herdeiras dirixidas dende a primeira liña pola batuta de Lorena e consagradas arriba ao acerto de Nercellas e Naza. Rematou a primeira metade con 16 vs 6 favorable ás locais e, malia a entrega das visitantes nos segundos 25 minutos, que lles serviu para anotar varios tantos, Herdeiras non cedeu terreo e seguiu empuxando ata rematar o encontro con máis de 20 puntos de vantaxe.
Pasaban das 21.30 cando comezou o partido masculino. Keltoi chegaba líder a Lalín e Herdeiros -novamente con baixas importantes- preparado para un encontro difícil e moi disputado. Unha parte para cada equipo nun duelo que os locais foron quen
de sacar adiante con boas doses de sufrimento ao final.
A primeira metade tivo color “roxinegro”. Os lalinenses saíron máis enchufados que en encontros anteriores e foron sumando punto a punto ata ampliar a vantaxe no ecuador do partido a 5 puntos (12-7). Na segunda, os vigueses saíron a por todas. Tiveron máis a pelota e dominaron o xogo. Isto obrigou a Herdeiros -mermado fisicamente- a recuar e defender atrás como gato panza arriba para saír rápido e tratar de seguir sumando algún tiro a paus. Isto serviulles para manterse por diante no marcador e levar os dous puntos nun encontro contra un rival directo.
Mecos 3-11 (20) vs Braithreachas 1-15 (18) [Masc.]
O campo municipal Monte da Vila foi o lugar onde o Mecos F.G. e o Braithreachas disputaron o partido correspondente á quinta xornada da Liga Galega de Fútbol Gaélico. Nun entorno caracterizado pola igualdade no marcador, os dous equipos comezaron o partido ás 17:00h deste domingo 11 de novembro nun intensísimo e disputado partido que rematou coa vitoria dos locais por tan só dous tantos.
O inicio do partido caracterizouse polo forte arreón do ataque local que, pola contra, non viu como o marcador aumentaba ó seu favor, pois os Mecos erraron tres claras ocasións de gol así coma un penalti. A diferenza de outros partidos desta tempada, os Mecos foron quen de non comezar cun parcial desfavorable e o conxunto visitante só se afastou cunha ventaxa máxima de tres puntos. Os da Estrada apostaron por un xogo vertical no que o que fora membro da Selección Galega de Fútbol Gaélico, Pablo Fernández “Chovi”, empregou a súa velocidade e o seu detalle técnico no regate para aumentar o marcador visitante, que sempre se situou por riba dos locais, agás no final do partido.
A segunda metade foi un calco da primeria. Os visitantes seguiron por diante no marcador co seu xogo característico no que o regate de “Chovi” e a velocidade de Adrián Rey, xunto co bo facer do seu porteiro, Ignacio Bastos, destacaron de entre a media. Pola parte local, non cundiu o desánimo ó marchar todo o partido por detrás do marcador. O bo facer da defensa, a combinación de balón no medio do campo e a calidade técnica de xogadores como Mario Iglesias, Dani Costas ou Rubén Pérez “Rubio” mantiveron a incertidume e o suspense ata o final do partido.
A igualdade no marcador decantouse nos últimos cinco minutos a favor dos Mecos con dous goles consecutivos que lle deron a victoria ós do Grove por un tanteo final de 20 puntos (3 goles e 11 tantos) para Mecos, contra 18 puntos (1 gol e 15 tantos) para Braithreachas.
Estrela Vermelha 4-08 (20) vs Irmandinhos 1-18 (21) [Masc.]
Estrela Vermelha 3-16 (25) vs Irmandinhas 2-15 (21) [Fem.]
Dous grandes partidos na capital galega para pechar a xornada de gaélico neste domingo onde se vían as caras o Estrela Vermelha de Compostela e os Irmandinhos da Estrada.
Comezou co partido masculino correspondente coa súa quinta xornada de Liga entre dous equipos de nivel bastante parello e con moitas caras novas no combinado local. Ao inicio, un par de erros defensivos impulsaron 5 arriba o cadro visitante e despois o acerto a portería do Estrela e o atino a paus de Irmandinhos deixaron un marcador con 4 puntos de vantaxe para os da Estrada. Na segunda parte levou máis a iniciativa os locais cun xogo bastante físico e vertical, contrarrestado novamente cun gran acerto a paus do equipo visitante, especialista nesta modalidade. Finalmente un resultado de 20 a 21, fiel reflexo da igualdade do encontro.
Pola súa parte, o encontro feminino pertencente á segunda xornada de Liga servía en ambos casos para comprobar cales son as sensacións das dúas equipas. Desde o comezo as estrelas estiveron por diante do marcador até a conclusión do partido, se ben as Irmandinhas foron un combinado moi compacto que creou ocasións en todo momento. Nos últimos compases, o empuxe final das visitantes estivo a piques de custarlle un desgusto ás compostelanas, mais finalmente o marcador debuxaba un 25 a 21, que aseguraba a vitoria local. Dous grandes partidos que amosan o nivel do gaélico galego xa a estas alturas da tempada. O fin de semana que ven serán os Estrela Gaels os que fagan rodar o balón no campo das Cancelas en Compostela contra os Braithreachas da Estrada.
Braithreachas 2-08 (14) vs Irmandinhos 5-14 (29)
na Estrada oO mércores 31 de outubro tivo lugar o derbi estradense, partido adiado da xornada 3 (correspondente ao fin de semana do 20-21 de novembro) por mor da participación dos xogadores do club no campionato europeo de Maastricht. Ampla victoria dos líderes da competición, que recupera o terreo perdido antes os seus riváis na táboa.