Crónica xornada 04: Arrancou a Liga das campioas de Europa, con Herdeiras de Dhais coma líderes provisionais

Chegamos á 4ª xornada da Liga Galega de Fútbol Gaélico, na que deu inicio a competición regular das recentes campioas de Europa. Esta arrancou con 7 equipos en liza e deixa como líder provisional a Herdeiras de Dhais, que se impuxo claramente a Turonia G.F.G. equipo que se estrea en competición. Estrela Vermelha é segundo tras gañarlle a Auriense, mentres que Fillas, campioas nos últimos anos, venceu a Irmandinhas e son terceiras.

Na liga masculina Keltoi Vigo volve ao máis alto da táboa tras gañarlle folgadamente a un Ártabros moi mermado. Séguenlle na clasificación e cos mesmos puntos Estrela Vermelha e Irmandinhos, que non ceden terreo e demostran a súa condición de claros candidatos ao título vencendo en dous difíciles compromisos, no primeiro caso a Auriense e no segundo a Fillos. Herdeiros de Dhais escala posicións despois de superar a Turonia, mentres que Pontevedra e Mecos alcanzaron as súas primeiras vitorias en liga a costa de Dorna e Estrela Gaels, respectivamente.

RESULTADOS FEMININO

  • Turonia 4-09 (21) vs Herdeiras de Dhais 4-30 (42)
  • Estrela Vermelha 3-27 (36) vs Auriense 6-08 (26)
  • Irmandinhas 0-10 (10) vs Fillas de Breogán 3-10 (19)

RESULTADOS MASCULINO

  • Keltoi 11-27 (60) vs Ártabros 1-07 (10)
  • Mecos 5-04 (19) vs Estrela Gaels 3-09 (18)
  • Turonia 2-07 (13) vs Herdeiros de Dhais 6-12 (30)
  • Pontevedra 3-10 (19) vs Dorna 2-09 (15)
  • Estrela Vermelha 5-12 (27) vs Auriense 0-07 (7)
  • Irmandinhos 2-17 (23) vs Fillos de Breogán 1-13 (16)

PRÓXIMA XORNADA (10-11 outubro)

Feminino

  • Herdeiras vs Keltoi
  • Estrela Vermelha vs Irmandinhas

Masculino

  • Herdeiros vs Keltoi
  • Estrela Vermelha vs Irmandinhos
  • Dorna vs Fillos de Breogán
  • Cambados vs Turonia
  • Mecos vs Braithreachas

 

Clasificación

Feminina

  1. Herdeiras de Dhais 2 ptos (+21)
  2. Estrela Vermelha 2 ptos (+10)
  3. Fillas de Breogán 2 ptos (+9)
  4. Keltoi 0 ptos (+0)
  5. Irmandinhas 0 pts (-9)
  6. Auriense 0 ptos (-10)
  7. Turonia 0 ptos (-21)

Masculina

  1. Keltoi 6 ptos (+97)
  2. Estrela Vermelha 6 ptos (+77)
  3. Irmandinhos 4 pts (+71)
  4. Auriense 6 ptos (+19)
  5. Fillos de Breogán 4 ptos (+21)
  6. Herdeiros de Dhais 4 ptos (+15)
  7. Pontevedra 3 ptos (-9)
  8. Ártabros 3 ptos (-46)
  9. Mecos 2 ptos (-26)
  10. Estrela Gaels 2 ptos (+2)
  11. Turonia 0 ptos (-20)
  12. Braithreachas 0 ptos (-34)
  13. Cambados 0 ptos (-73)
  14. Dorna 0 ptos (-90)

Crónicas

Keltoi 11-27 (60) vs Ártabros 1-07 (10) [Masc.]

O partido entre Keltoi e Ártabros estivo marcado dende o inicio pola diferenza numérica entre ambos equipos, ó contar os da Coruña con só 6 xogadores. O equipo vigués aproveitou para probar a novos rapaces que se incorporaron este ano ó fútbol gaélico, con moi boas impresións, e asinou unha terceira vitoria en liga. Ártabros aguantou estoicamente en inferioridade.

 

Mecos 5-04 (19) vs Estrela Gaels 3-09 (18) [Masc.]

O campo municipal Monte da Vila foi o lugar onde o Mecos F.G. e o Estrela Gaels disputaron o partido correspondente á cuarta xornada da Liga Galega de Fútbol Gaélico. Nun entorno caracterizado polo intenso frío tan impropio destas datas, os dous equipos comezaron o partido ás 19:00h deste sábado 27 de outubro nun intensísimo e disputado partido que rematou coa vitoria dos locais por tan só un único tanto.

O inicio do partido caracterizouse pola igualdade no xogo, a mala sorte anotadora de Mecos e un parcial de oito puntos a favor dos composteláns. Como xa está sendo tónica habitual esta tempada, os Mecos comezan os partidos cunha desvantaxe importante que, posteriormente, obrígaos a remontar no marcador. Os do Grove tardaron uns minutos en entrar no partido pero foron quen de facerlle fronte ó Estrela Gaels adiantándoos no marcador de cara ó último tramo da primeira metade. Os dous equipos marcharon ós vestiarios cunha estreita vantaxe dos locais de dous puntos.

A dinámica da segunda metade foi diferente pero igualmente igualada. Os visitantes aproveitaron a potencia física dos seus xogadores de medio campo e apostaron polas xogadas de contragolpe e a velocidade que lle é propia. Pola contra, os locais retomaron o seu xogo de combinación e pase que lles permite construír as xogadas dende atrás. Tras a maior parte da segunda metade, o marcador asomaba unha vantaxe máxima dos locais de tres puntos. Isto fixo que os composteláns apertasen no último tramo do partido, aínda que non foron quen de avantaxar ós do Grove no marcador final.

O resultado final foi unha vitoria dos Mecos por un tanteo de 19 (5 goles e 4 tantos) a 18 (3 goles e 9 tantos).

 

Turonia 4-09 (21) vs Herdeiras de Dhais 4-30 (42) [Fem.]

Turonia 2-07 (13) vs Herdeiros de Dhais 6-12 (30) [Masc.]

A mañá do domingo amencía cun desputado partido no campo das Gándaras en Chaín entre os equipos masculinos de Turonia G.F.G. e Herdeiros de Dhais. A xélida mañá fixo que os dous equipos tardasen en meterse no partido, producíndose erros en ambos lados do campo. O equipo local, saíu con moita determinación, facendo unha grande primeira parte que lle permitiu chegar con vida ao descanso, cunha vantaxe de apenas un punto do equipo dos Herdeiros sobre os turoniáns. Porén, no transcurso do segundo tempo quedou patente a superioridade do equipo lalinense, que xunto ás rachas de vento en contra que sufriu o equipo de Turonia ao longo desta segunda parte, permitiu aumentar a distancia até o resultado final de 13 – 30.

Ás 12:30 daba comezo o partido que servía de estrea para o equipo do feminino do Turonia, ante un rival forte e experimentado como é o equipo das Herdeiras. A superioridade do equipo de Lalín, xunto á falta de experiencia e nerviosismo das turoniás, permitiu que desde o primeiro tempo a vantaxe fose para as visitantes. Porén, o equipo de Turonia mantivo o tipo nesta primeira parte, grazas aos goles conseguidos, chegando ao descanso cun resultado de 15-21. Porén, na segunda parte, o equipo das Herdeiras encheuse a meter puntos, ante unha defensa caótica do equipo local, que pouco puido facer para evitar a diferenza de 20 puntos coa que rematou o partido. Resultado final 21-42.

 

Pontevedra 3-10 (19) vs Dorna 2-09 (15) [Masc.]

O Pontevedra acada a súa primeira victoriana súa volta á competición, ao imporse por catro puntos ao colista da clasificación, o Dorna da Illa de Arousa. Esta victoria permite aos do Lerez auparse ata a 7ª posición da Liga.

 

Estrela Vermelha 5-12 (27) vs Auriense 0-07 (7) [Masc.]

Estrela Vermelha 3-27 (36) vs Auriense 6-08 (26) [Fem.]

Dobre partido en Compostela o pasado domingo entre as equipas locais, Estrela Vermelha, e as visitantes, Auriense.

Ás 18.15 comezaba o encontro masculino cun primeiro tempo con xogo pouco fluido mais con ocasións en ambas porterías. Na segunda parte, o Estrela atopou a maneira de conseguir tantos con facilidade e xa se distanciou no marcador. Vitoria local que eleva os picheleiros ao alto da clasificación empatados con Keltoi e Irmandinhos. Resultado final 5-12 (27) 0-7 (7).

O partido feminino estivo marcado por fortes chuvascos que facían que o espectáculo fose realmente épico. Partido moi divertido, de toma e daca, entre dúas equipas que souberon en todo momento a que xogar. Ao descanso axustada vitoria local, ampliada nos primeiros compases da segunda metade. Compre destacar o atinadas que estiveron as xogadoras do Estrela no tiro a paus, 27 tantos que condicionaron absolutamente a dinámica de xogo. O resultado final foi de 3-27 (36) a 6-8 (27) a favor do equipo compostelán.

Non haberá gaélico na capital galega até dentro de dúas semanas, onde as equipas picheleiras se enfrontarán nun partido xa clásico cos equipos da Estrada.

 

Irmandinhas 0-10 (10) vs Fillas de Breogán 3-10 (19) [Fem.]

Irmandinhos 2-17 (23) vs Fillos de Breogán 1-13 (16) [Masc.]

Unha de cal e outra de area na noite do domingo no Manuel Regueiro.

As “Inhas” caían derrotadas contra as Fillas de Breogán por un resultado de 0-10(10)/3-10(19). O partido comezou cun intercambio de golpes, pero pronto as Fillas collerían unha pequena vantaxe que souberon xestionar durante todo o encontro. As da Estrada tentaron buscar un gol que igualase o encontro, pero a gran defensa de Fillas e tamén a mala sorte no tiro a paus lastrou o resultado.

Pola súa banda, os “Inhos” foron quenes de derrotar aos Fillos de Breogán por un resultado de 2-17(23)/1-13(16), o clásico do Gaélico Galego, que coma sempre foi intenso e igualado. Golpeou sempre primeiro Irmandinhos, pero cada golpe era respostado polos Fillos. Primeira parte trabada e con moitas imprecisións, pero moi competida, finalizaba cos dous puntos arriba para os locais. Na segunda metade, os da Estrada, a base de esforzo, foron quenes de ir aumentando pouco a pouco a vantaxe, e xestionar os últimos minutos; pero Fillos nunca se rendiu e mantivo a emoción ata o final.