A Selección Galega: campioas e subcampións de Europa

Dossier completo EuroGames 2018

As Seleccións Galegas de Fútbol Gaélico disputaron este fin de semana o primeiro Campionato Europeo de Seleccións, que tivo lugar no marco da programación do Festival Intercéltico de Lorient. O desempeño neste torneo consolida a Galicia como unha referencia internacional dentro deste deporte, demostrando o crecente nivel do fútbol gaélico galego no mundo.

A competición comezaba o sábado ás 10 da mañá no campo anexo ao Stade du Monsoir en Lorient, foco central das actividades do
Intercéltico.

A selección masculina era a primeira en debutar, no segundo partido do grupo, vencendo ao combinado de Gascuña. No segundo encontro tocaba medirse á temible Francia, gran favorita do torneo que xa vencera de forma contundente á galega nun amigable xogado na cidade de Ourense o 18 de marzo de 2017, que acabou caendo ante a Irmandiña tras un excepcional partido. Tras unha cómoda vitoria contra Alemaña, Galicia pechaba cun empate a fase de grupos contra os anfitrións, Bretaña, rematando invicta. A final enfrontaríaos de novo ao conxunto francés, segunda de grupo.

Por outro lado, a selección feminina, que debutaba pouco minutos despois de que fixeran o propio os rapaces, tiña un comezo máis complicado: no primeiro partido medíanse á selección francesa, tamén favorita no campionato feminino. As galegas saíron máis enchufadas e decantaron a vitoria para o lado irmandiño. No segundo partido acadarían unha contundente vitoria contra a selección teutoa e pecharían de forma impecable a fase de grupos cunha terceira vitoria contra Bretaña. Ao igual que no torneo masculino, Galicia acabaría primeira de grupo (con pleno de vitorias) e se mediría de novo na final a Francia.

As finais serían, polo tanto, un dobre enfrontamento Galicia-Francia, recordando o amigable xogado en Ourense o 18 de marzo de 2017. As finais, -a masculina daría comezo ás 13:00 e a feminina ás 15:00- foron unha completa exhibición por parte de todos os cominados e igualadas ata o final, na que a sorte sería dispar. Na final masculina ambos equipos chegaron empatados ao descanso,
pero o empurro francés nos últimos 15 minutos fixo que o título viaxara a Francia. Pola súa parte, a final feminina rematou en
empate. Tras disputarse unha prórroga de 20 minutos, na que as forzas xa escaseaban, as galegas foron quen de alzarse coa vitoria.

Remataba así a participación de Galicia neste primeiro Campionato Europeo de seleccións, acadando o subcampionato masculino e o campionato feminino, que supón o primeiro título internacional para a Irmandiña. Uxía Castro, xogadora do Estrela Vermelha, acadou o trofeo ao MVP.

As miradas están postas agora no vindeiro obxectivo: o mundial Dublín 2019.

Dossier completo EuroGames 2018

Galería de imaxes