Esta fin de semana tivo lugar nas instalación das RFGF en Compostela a primeira Asamblea Ordinaria de clubes, onde a recén electa directiva expuxo o estado actual de diferentes aspectos da Asociación. Tamén se trataron as liñas de traballo para a presente tempada e para o medio prazo. Entre elas se incluíu a aprobación do formato de Copa Galega deste ano e o impulso dun proxecto de base transversal en Galicia.
Convención Gaelic Games Europe
Un dos puntos tratados foi a Convención Anual da GGE que se celebra todos os anos en novembro, habitualmente no Leuven Institute for Ireland in Europe, Bélxica. Ata alí desprazouse unha ampla representación do fútbol gaélico galego para debater e intercambiar impresións con todos os equipos europeos e ver os novos camiños a tomar.
Dende a Asociación Galega de Fútbol Gaélico queremos darlle os parabéns ao novo presidente da GGE, Tony Bass (Maastrich Gaels), que substitúe a Brian Sheehy (Munich Colmcilles) tras 5 anos de mandato. Parabéns Tony e moito ánimo e éxitos nesta nova andaina, seguiremos traballando xuntos para mellorar o Gaélico Galego e por suposto, o gaélico Europeo tamén.
Na convención participaron varias personalidades do ente central do gaélico mundial, a Gaelic Athletic Association (GAA), como Jim Bolger, presidente do comité provincial de Leinster, ou Caoimhe Ní Neill, coordinadora de desenvolvemento.