Crónica dos partidos da xornada 23 (7-8-9 de abril).
Mecos FG – Dorna
O pasado Venres 7 de abril disputouse o partido correspondente á Segunda división da Liga Galega de Fútbol Gaélico masculina entre o Mecos F.G. Ogrobe e o Dorna F.G. da Illa de Arousa no campo municipal Monte da Vila.
Os primeiros compases do partido estiveron caracterizados por un xogo rápido do equipo local, rápidamente contrarrestado polo Dorna, que conseguiu bloquear a dinámica de xogo de Mecos. Así, as diferenzas no marcador eran pequenas xa que poucos foron os goles debido a ese xogo defensivo dos dous conxuntos na parte central do campo.
A primeira metade remata cunha vantaxe para Mecos de nove puntos fronte ao equipo isleño grazas á diferenza nos goles cun tanteo de 4 goles e 4 tantos (16 puntos) para os locais e 1 gol e 4 tantos (7 puntos) para os visitantes.
Na segunda parte os rapaces do Dorna saíron con máis forza, impedíndolle aos mecos xogar con comodidade, facendo que o xogo se desenvolvese principalmente no medio campo, momentos nos que aumentaron as ocasións de lanzamentos a paus.
Co resultado final de Mecos 4-09 (21) / 1-11 (14) Dorna , os do Grove acadaron a primeira posición na táboa ao empatar a puntos co Dorna cun partido menos e o gol average a favor.
Fill@s de Breogán – Pontevedra
Tanto o partido masculino como o feminino, marcados para a tarde do sábado, foron para o equipo local, xa que os equipos masculino e feminino do Pontevedra FG non se puideron presentar a disputar o encontro debido ao gran número de baixas en ambos planteis.
Debido a esta circunstancia, as Fillas de Breogán acadan matemáticamente o título de campioas da Liga Galega 2016-2017.
Máis info: fillosdebreogan.com
Ártabras – Mecas
Victoria Local na Coruña para as Ártabras de Oleiros que están facendo un gran fin de tempada.
As do Grove, con moitas dificutades no plantel, foron por diante na maior parte do encontro, pero a victoria acabaría quedando en casa, para as Ártabras de Oleiros. O resultado final de 2-14 (20) / 2-13 (19) foi moi axustado, decidíndose nos últimos minutos con un tanto a paus para as coruñesas.
Irmandinh@s – Estrela Vermelha
Encontro masculino
Esta fin de semana Irmandinhos A Estrada conquistou o título masculino ao imporse ao vixente campión, o Estrela Vermelha F.G. O título marcha por primeira vez de terras compostelás, dirección A Estrada.
Cuns primeiros minutos con moita intensidade e igualdade nas ocasións para ambos equipos, a primeira metade finalizaba cun resultado a favor do equipo local 3-6 (15) contra o 1-5 (8) do Estrela Vermelha. Un resultado ao que, os campións das tres últimas tempadas, non lle poderían dar a volta. Finalizaba cun resultado 3-11 (20) / 1-13 (16) para os Irmandinhos. Parabéns!
Encontro feminino
Máis igualado estivo o encontro entre as rapazas de Irmandinhas e Estrela Vermelha no que as Estradenses se alzarían coa victoria por un 4-11 (23) / 3-12 (21). Esta victoria permítelle ás Irmandinhas manterse na terceira posición do Grupo A da liga feminina.
Auriense – Braithreachas
O partido entre o Auriense F.G. e o Baithreachas foi para o equipo local, xa que os estradenses non se puderon presentar a disputar o encontro debido ao gran número de baixas no equipo.
Herdeiros de Dhais – Ártabros de Oleiros
O partido entre os Herdeiros e Ártabros xogado o domingo polo serán no estadio Manuel Anxo Cortizo saldouse cunha victoria máis en casa para os de Lalín, mantendo un xogo de alta intensidade durante todo o encontro que os Ártabros non souberon contrarrestar en ingún momento. O resultado final foi de Herdeiros de Dhais 4-12 (24) 3-06 (15) Ártabros.