Crónica xornada 22

Crónica dos partidos da xornada 22 (1-2 de abril).

Mec@s FG – Keltoi Vigo

O partido correspondente á segunda división da liga galega de fútbol gaélico disputado este pasado sábado 1 de abril no campo municipal Monte da Vila no Grove saldouse cunha clara vitoria do Mecos FG ante o Keltoi de Vigo.

Encontro feminino

As Mecas tamén se anotaron dous puntos máis na clasificación ao non acudir o equipo feminino vigués. Deste xeito, as do Grove collen folgos para visitar a semana que ven ás Ártabras de Oleiros, rivais directas.

Encontro masculino

O Keltoi buscaba a victoria no Grove para poder optar soa postos de ascenso, sen embargo, o bo xogo dos Mecos truncaron esta posibilidade.

A primeira metade do encontro estivo marcada pola rapidez de xogo dos vigueses e o acerto na media do campo, acerto que non tiveron ao chegar á portería rival e que os do Grove sí souberon aproveitar. No descanso, os xogadores abandonaban o terreo cun tanteo de 11 a 3 para os locais.

A segunda metade, domindo polo xogo bonito dos grovenses e o acerto a paos, deixaba sen opcións á victoria aos rapaces do Keltoi. O marcador no asubío final daba o triunfo aos Mecos por un 4-14 (26) a 0-06 (6).

 

Cambados Gaélico – Terras do Eume

Gran partido o disputado este sábado no Pombal entre o Cambados Gaélico e o Terras do Eume. O equipo visitante aspiraba a lograr a súa primeira victoria da tempada pero o conxunto local trincou o seu soño nesta xornada.

O partido comezou a favor do Terras, que se chegou a poñer por diante no marcador a base de propoñer un partido intenso e duro tanto táctica como tecnicamente. A pesar disto, o conxunto local conseguiu sobrepoñerse anotando tantos que contrarrestaron o ímpetu dos visitantes. Deste xeito o marcador no descanso rematou cun empate a 10.

Na segunda parte o partido colleu aínda máis intensidade para disfrute dos espectadores. A emoción reinou ata o último minuto pero finalmente os cambadeses impuxéronse no marcador  cun 3-12(21) – 3-9(18) apretando nas xogadas clave.

 

 

Dorna – Braithreachas

As circustancias que rodearon o fin de semana propiciaron que este partido se xogara o martes 4 de abril contra a noitiña no Campo da Bouza, da Illa de Arousa. O resultado final foi de 6-13 (31) / 1-11 (14).