Galicia-Francia: Entrevista aos capitáns e corpo técnico

Ata o de agora entrevistamos aos xogadores segundo á súa posición, pero que teñen que dicir os “xefes” do vestiario? Coñezamos as impresións do partido dos capitáns e corpo técnico!! Falan as capitanas Laura Paz (capitana feminina), Ánxela Estévez (subcapitana feminina), Marcos Gañete “Corba” (capitán masculino) e David de la Torre “Cebolo” (subcapitán masculino); así como Alexandre Sanmartín “Jano” (seleccionador masculino) e Pablo da Silva e Santi Rodríguez (seleccionadores femininos).

Laura e Corba na inauguración dos Xogos Mundiais de Dublín 2016.

 

Cales son as expectativas para o partido do sábado?

 

Corba: Pois sinceramente máximas, esperamos partidos moi igualados e competidos, moita xente no campo e esperamos que tamén moita máis seguíndonos pola TV! Por suposto, esperamos que as victorias queden na casa.

Laura: O primeiro obxectivo é competir e xogar ao noso máximo nivel, só así teremos opcións de gañar.

Ánxela: Sabemos que o partido vai ser complicado e vai estar reñido pero imos ca mentalidade de gañar. No mundial de Dublín foi posible gañra e para este partido penso que contamos cun equipo ainda máis capacitado ca experiencia das veteranas e a calidade que amosan as rapazas novas.

Cebolo: Con moitas gañas, xa levamos tempo adestrando para este partido. As ganas de revancha son moitas e os partidos da selección son moi motivantes para a xente.

Corba xoga o balón nos Xogos Mundiais de Abu Dhabi, 2015.

 

Que se sinte ao xogar coa Selección Galega e ser capitán?

 

Ánxela: Xogar ca selección é algo marabilloso. Cada partido, cada balón que pelexas, cada tanto… falo defendendo as cores da túa nación e iso é moi especial. E ser unha das capitanas… nin que decir… é todavía máis impresionante, aínda que tamén xera un certo nerviosismo xa que conleva unha gran responsabilidade.

Cebolo: Moito orgullo, poder defender o nome do teu país, a túa xente, a túa cultura, síntoo como un agasallo impagable.

Laura: Moito orgullo e responsabilidade ao mesmo tempo. Non hai nada máis bonito que representar á túa terra.

Corba: Pois orgullo e responsabilidade por igual, xogar coa nosa selección xa é un orgullo indescriptible e ser capitán dun grupo marabilloso coma este é unha responsabilidade, a satisfación pola miña parte é enorme.

Sangue e suor

 

Cal é o voso menú pre-partido? Algunha larpeirada?

 

Cebolo: Calquera comida lixeira, nada particular. O chocolate.

Laura: Normalmente pasta, aínda que non sempre. Dende logo non larpeiradas, non son moi axeitadas para un deporte tan esixente físicamente!

Corba: Pois a verdade que nada especial, comer un pouquiño sá antes do partido! Larpeirada… pois alguha barriña enerxética!

Ánxela: Non temos nada específico, iso sí, tentar comer algo que aporte enerxía para ir con forzas para o partido, como a pasta por exemplo. E un pouquiño de chocolate tampouco ven mal (risas).

Laura Paz fronte una xogadora de Sudáfrica no Mundial de Abu Dhabi 2015.

 

Galicia e Francia son dúas das mellores seleccións do mundo, co cal a rivalidade está asegurada. Levádesvos ben?

 

Ánxela: Por suposto! A relación é boísima. Unha das características máis apreciables do gaélico é que a rivalidade sempre queda no campo e calquer encontronazo que se poida ter se soluciona tomando unhas cañas (risas).

Corba: A verdade é que si nos levamos ben! Moitos de nos xa é a terceira ou cuarta vez que xogamos en contra, entre europeos de clubes, mundiais e partidos internacionais no festival de Lorient, o roce fai o cariño (risas).

Laura: Penso que sí hai boa relación, a rivalidade queda no campo entre bos deportistas.

Xogadoras galegas e francesas tras enfrontarse en Dublín 2016.

 

Cal é o próximo gran obxectivo da selección?

 

Corba: Pois o obxetivo máis cercano é seguir xogando partidos internacionais, na casa e fóra das nosas fronteiras! Xa a longo prazo a preparación do mundial 2019 e o posible europeo do ano que ven, esto non para!

Laura: Prepararse para o próximo mundial. Un evento de tal importancia precisa dunha longa preparación, sobre todo para acostumarse a xogar de 9 en campo grande, o cal é o gran handicap da selección feminina.

Cebolo: Polo de pronto gañar a fin de semana, e despóis facer un bo grupo e ir a polo próximo mundial.

Ánxela: O próximo gran obxetivo da selección penso que é desempeñar un papel ainda mellor no seguinte mundial. Estes dous anteriores serviunos para ver cómo era o nivel e penso que a nosa selección ten a capacidade suficiente para chegar aos postos altos. Xa o conseguiron os rapaces e nós penso que chegaremos ahí en pouco tempo.

A selección feminina acadou o campionato Shield en Dublín.

 

Como vedes o futuro do fútbol gaélico europeo? Cales credes que son os seguintes pasos a dar?

 

Ánxela: O fútbol gaélico europeo está medrando cada vez máis e vai en bo camiño pero uns dos principais problema que sufre é a nivel económico. A necesidade de desprazamentos con custos elevados para os equipos en torneos como a Champions ou torneos ibéricos xera que estas competicións vexan mermadas a súa capacidade e que non se poida disfrutar e aprender de outros equipos de alto nivel. Por iso penso que é importante facilitar aos equipos a asistencia a estas competicions para que así poidamos ir mellorando e sendo mais competivos a nivel europeo e mundial.

Cebolo: Polo que se ve medrar, nos somos unha liga moi nova en comparación a outros países coma Francia e a cada paso imos a máis. Deberíanse consolidar competicións europeas tanto de equipos coma de seleccións, para incrementar o nivel “non irlandés” e poder competir de iguais con eles.

Laura: Este deporte crece de xeito vertixinoso en toda Europa. Os pasos a dar deberían achergarnos aos mellores, a Irlanda. Así, a nosa competición feminina debería xogarse en campo grande, buscar exemplo nos que teñen máis experiencia e calidade.

Corba: Pois eu vexo o futuro do futbol gaélico europeo sen teito, aquí somos o referente de crecemento, pero ao longo do continente, este deporte non para de medrar. Penso que se debe fortalecer as federacións dentro da GGE (Gaelic Games Europe), así como formar novas, a forma máis fácil de crecemento en Europa é a descentralización. Outro dos pasos a dar sería a organización dun europeo de seleccións.

Ánxela lucindo a camiseta da selección.

 

 

A selección masculina vai na liña do bloque que participou no pasado Mundial. Qué che levou a tomar esta decisión?

 

Jano: A equipa de Dublín foi tanto a nivel deportivo como humano excepcional. Merecían todos ter a oportunidade de poder estar nesa convocatoria final. Para este partido quería continuar con ese bloque de Dublin e contar tamén con caras novas. A idea, para este partido, é a de poder contar con xente experimentada e tamén con outra xente que ten menos pero que pode ter moito percorrido de cara o futuro. É interesante ir integrando, pouco a pouco, novos xogadores que nos poidan representar no futuro. Queda moito por traballar e niso estamos.

 

Pablo e Santi, vos levades apenas dous meses ao frente da selección. Como o levades?

 

Pablo: Para nós é un reto moi grande facernos cargo da selección, afrontámolo con moitas gañas e ilusión. Eu lévoo moi ben porque traballar con Santi é moi doado, dende o primeiro momento a sintonía foi moi boa facendo que todo este proceso sexa máis fluído.

Santi: Ambos somos novatos, aceptamos o reto de coller o mando da selección feminina e aquí estamos. Creo que temos un bo grupo e a sintonía entre nós é perfecta. Con moita ilusión, sabemos que non é fácil xestionar un grupo tan grande. Ademáis están os desprazamentos, todo sae do noso peto, ao igual que para as xogadoras. Aínda así este é un reto ao que non se lle podía decir que non, aprender e desfrutar ao mesmo tempo.

Santi e Pablo posan tras aceptar os cargos de seleccionadores.

 

 

Que expectativas tedes postas tras o último mundial?

 

Jano: As expectativas están postas en 2019, no vindeiro Mundial. A miña intención é ir creando dende xa un bloque que nos represente nese evento. É fundamental, na miña opinión, implantar unha idea/sistema de xogo que todos coñezan e que se xogue case de memoria. Para iso é tamén necesario contar con un conxunto de xogadores que se coñezan, que xoguen habitualmente xuntos. Este proxecto é a medio-longo prazo e claro, este tipo de partidos son fundamentais para chegar a ese obxectivo.

Santi: Eu personalmente acabo de chegar á selección, e incluso poderiamos decir que ao fútbol gaélico, pois procedo dun clube que comezou a competir na pasada tempada. Aínda así sempre seguín os pasos das nosas seleccións e os seus éxitos a nivel internacional. Tras o mundial de Dublín, ambas seleccións terán o reto de manter este gran nivel, ca aportación de novas caras en ambos equipos, xente chea de gañas de defender as cores das selección do noso país.

Pablo: Tendo en conta os resultados no último mundial as nosas expectativas son altas posto que contamos cunha selección feminina con moito potencial e marxe de mellora.

Jano e Corba na prensa irlandesa.

 

Todos sodes adestradores dos vosos respectivos clubes, como levades a dobre vida?

 

Jano: Entendo que todos estamos nisto porque nos xera ilusión, emocions e en definitiva nos gusta. Entón facer kilómetros, andar de aquí para alá, chegar ás tantas da noite lévase algo mellor.
Por outro lado, cando ves resultados no sentido de que a xente responde, o deporte medra e hai implicación importa un pouco menos o sacrificio. Ainda así, as veces e duro, sobre todo no inverno (risas).

Santi: Ao final todas e todos nos coñecemos neste mundillo do gaélico. O ambiente entre equipos é extraordinario, e eso hai que trasladalo a selección. Un día vémonos enfrontándonos entre equipos e outro estamos con rapazas desos mesmos equipos formando unha piña na selección. Dende o meu punto de vista unha experiencia fantástica.

Pablo: Pois realmente é unha soa vida dedicada ao gaélico, cambiando únicamente de escenarios: dous días á semana dedícalos á túa equipa e outro día para a Selección. O fin de semana que non xoga a túa equipa aproveitas para seguir ás posibles xogadoras que poden formar parte da selección a corto prazo. A nivel persoal é unha experiencia gratificante xa que ademais de coñecer xente tamén aprendes cousas novas e iso sempre é enriquecedor.

Adestramento da selección.

 

Algún “tema” predilecto antes dos partidos?

 

Jano: Sí, sí, non unha soa, moitas! Depende do momento, da época pero sí, a música é fundamental na miña vida, non podería vivir sen ela. Gústame, antes dos partidos, relaxarme escoitando música. Ainda que son amante da música rock e metal principalmente, últimamente hai unha canción que me persigue: “Make it Bum Dem” de Skrillex & Damian Marley.

Pablo: We are de Champions! (risas) Non, en realidade non me importa moito o tema musical no vestiario, pode axudarlles a soltar a tensión antes dun partido.

Santi: Aínda que son un gran melómano, a música a deixo para outras ocasións. Tan pronto as rapazas pisan o vestiario pido máxima concentración.

Santi cas Herdeiras de Dhais, no seu primeiro torneo en A Coruña en 2015.

 

Que opinas da evolución do fútbol gaélico en Galicia?

 

Pablo: A verdade é que é a hostia! (risas). Temos a única liga consolidada de fútbol gaélico dentro do estado español, afianzándose cada ano máis coa aparición de novos equipos tanto masculinos como femininos.

Santi: Meteórico pode que se quede corto, non? Somos potencia internacional e temos unha das ligas máis consolidadas a nivel europeo e creo que somos exemplo para o resto de países e incluso para o resto do estado español. O reto agora é que esto siga medrando exponencialmente.

Jano: Sensacional, non ten outra palabra. Cada ano máis e máis, cada ano novas persoas se suman e iso fai que non te poidas despistar. Iso require continua formación para non quedar atrás e iso é moi positivo. Fai que non te poidas durmir e á vez que todos medremos deportivamente. Tamén o feito de ir a eventos internacionais fai que todos aprendamos moito, aínda que ás veces non sexamos do todo conscientes. Eu penso que a selección é a gran “culpable” desta evolución en positivo.

Un dos primeiros adestramentos do novo corpo técnico da selección feminina.

 

Unha das imaxes máis virais foi a do presidente irlandés regalando unha camiseta da nosa selección a Mariano Rajoy, facendo que o deporte sexa máis mediático que nunca. Que opinión che merece? Que impacto tivo?

 

Santi: Pois tivo, como dis, un impacto mediático, pero isto logo se esquece. O importante é que as institucións galegas apoien este deporte e non nos deixen no esquencemento e nunha simple foto co presidente do Estado Español.

Pablo: Está claro que o impacto a nivel mediático foi brutal pero o que necesitamos é que as institucións non nos deixen no olvido e apoien este deporte xa que o día de hoxe estamos un pouco á marxe con respecto a outros deportes.

Jano: A pesar de que ainda imos facendo ruido (risas) somos un deporte minoritario. Iso implica que a visibilidade é fundamental se queremos medrar. O que non se ve, non existe. Todo tipo de iniciativas que vaian nese senso para min son positivas. Ao fin e ao cabo o que queremos e que a xente nos vexa, siga e fale de nós. Non entro a valorar o actor, valoro a rentabilidade que podemos sacar con todo isto.

Jano posando ca camiseta da selección.

 

Como prantexades os retos a partir deste ano?

 

Santi: Traballo e máis traballo. Para min é fundamental conseguir un grupo homoxéneo, e son consciente de que hai moitas mozas que poden ter opción a formar parte da selección, e iso sempre é unha garantía. O nivel do fútbol gaélico feminino na Galiza é incontestable.

Pablo: O reto principal sería medrar como equipa a través do traballo e do esforzo e facer ver a todas as rapazas que chegar á selección é posible. Queremos formar unha equipa forte e competitiva para intentar afrontar con maior confianza e seguridade os próximos partidos.

Seleccións nacionais en Dublín 2016.

 

Que lle dirías a alguén que estea a dubidar si asistir ou non ao partido?

 

Santi: Que se disipen esas dúbidas! (risas). Van ser dous grandes partidos entre seleccións dun nivel moi parexo. O espectáculo está servido, e o posterior ambiente nas rúas de Ourense seguro que será espectacular. Se non coñecen o deporte esta é unha ocasión inmellorable, e se o coñecen xa non teñen escuxa para non asistir, van ser dous partidazos.

Corba: Diríalle que dé o paso e se anime! Opartido do sábado, a parte de ser un partido internancional dunha selección galega, vai ser unha festa do deporte, dun deporte emerxente como é o fútbol gaélico! Que non cho conten!

Jano: Aparte de que vai ser un partido histórico, imos precisar do xogador número 12 para sacar adiante estos partidos. Pode ser algo moi bonito o feito de xogar na casa, reprensentando ao noso País contra unha selección como a francesa e contar co campo ateigado de xente pero para iso precisamos de todas e todos vos, precisamos do voso alento.

Laura: Penso que se hai un partido digno de ver de fútbol gaélico en Europa vai ser o deste fin de semana. Dende logo Galicia vai deixala alma no campo.

Cebo: Que por suposto asista! O bo ambiente e a oportunidade de ver un partido entre dous das tres primeiras selecciós do mundial é única, e animar á nosa selección, que sempre se agradece.

Pablo: Que temos cantina!! (risas). Vai ser un partido moi igualado xa que os resultados dos últimos enfrontamentos foi de unha victoria pola mínima para cada equipa. Para que non coñeza o fútbol gaélico é unha moi boa ocasión para desfrutar dun deporte dinámico e normalmente con altas puntuacións.

Ánxela: Para as persoas que estean a dúbidar en asistir só decirlles que se animen, que non se van a arrepentir. O partido vai estar igualado e seguro que será emocionante velo. Ademáis necesitamos do máximo apoio posible para gañar! Así que, non o dúbidedes, o sábado anímadevos e desfrutade de unha tarde de bo gaélico.