Cambados – Braithreachas
Emocionante partido o disputado este sábado 11 de marzo na capital do Albariño entre o Cambados e o Breaithreachas.
Trala victoria ante o lider a semana pasada, o conxunto cambadés quixo manter a súa boa racha de victorias ante o equipo da Estrada.
O partido comezou con moita intensidade por parte de ambos conxuntos, producíndose un intercambio de contragolpes constantes que o público ben agradeceu. Deste xeito o marcador ó descanso foi de 5-3.
Co inicio da segunda parte, o partido segueu na mesma liña, intenso pero limpo. A falta de dez minutos, o Cambados deu un arreón final marcando dous tantos decisivos que puxeron unha diferencia insalvable para os estradenses. O marcador final foi de 5-06 (21)/ 2-05 (11).
Máis info: facebook.com/cambadosgaelico
Fill@s de Breogán – Estrela Vermelha
Encontro masculino
Os Fillos de Breogán colleitaron unha dura derrota este sábado en Curtis fronte aos Estrela Vermelha que os aparta do liderado.
Os de Pedro Vilariño non tiveron o día desde os primeiros intres do encontro. Os Fillos estiveron descentrados no campo e a pesar da boa actuación da defensa e do porteiro, que non concederon ningún gol na primeira parte, o once compostelá estivo afortunado nos seus disparos a paus e punto a punto puxeron distancia no marcador para chegaren ao descanso cun 10-5 que, con todo, semellaba alcanzable para os breoganeiros.
O partido requiría intensidade e atención, unhas consignas que se escoitaron no descanso. Con todo, nada máis comezar, unha das primeiras xogadas serviu para que Estrela Vermelha puxese 3 puntos máis na súa conta. Con 8 arriba, Estrela dedicouse ao seu xogo: aproveitar a velocidade da súa dianteira, xogo á man e firmeza defensiva.
Os Fillos non lle perderon a cara ao partido e a falta de menos de 5 minutos, o marcador só amosaba unha diferenza de 5 puntos. Un penalti a favor de Estrela aumentou a diferenza facendo que os Fillos baixaran os brazos e recibiron dous goles máis en 2 minutos que supuxeron un duro castigo no marcador final: 1-13 (16) / 4-19 (31).
Encontro feminino
As Fillas de Breogán gañaron contra Estrela Vermelha cun resultado final de: 14-19 (59) / 2-06 (12).
Cuns primeiros tímidos achegamentos, con disparos certeiros a paus, as breoganeiras comezaron a pór distancia no marcador, até que entraron en xogo as dianteiras e buscaron a porta.
Coa distancia xa posta, as Fillas de Breogán amosaron un xogo preciso e rápido, as rapazas do Estrela ca súa poderosa defensa impedía a chegada á porta máis distintos desaxustes non poideron frear ás dianteiras coruñesas.
Na segunda parte, xa relaxadas, Estrela Vermelha comezou a achegarse ao marco breoganeiro pero a distancia acadada polas Fillas era suficiente e as compostelás non foron quen de revertir o marcador.
Máis info: fillosdebreogan.com
Irmandinh@s – Herdeir@s de Dhais
O sábado á noitiña tiña lugar na Estrada un deses duelos que sempre se presentan interesantes: o dobre derbi do Deza-Tabeirós. Por volta das 19:30 comezaba o encontro feminino entre Irmandinhas e Herdeiras de Dhais. O equipo lalinense, que comezou a tempada como un auténtico foguete, ve freada a súa racha nos derradeiros partidos, sumando a terceira derrota consecutiva ante unhas Irmandinhas que, xornada a xornada, melloran o seu xogo. O resultado final foi de 4-12 (24) / 1-10 (13).
Para pechar a xornada, tocáballe o turno aos equipos masculinos de ambos clubes. O estradenses sairon ao campo con múltiples baixas, polo que se antollaba un partido complicado ante un rival que xa sorprendeu derrotando recentemente a domicilio ao vixente campión, o Estrela Vermelha. Sen embargo, os Irmandinhos tiraron de oficio e lograron imporse por 0-19 (19) / 0-10 (10).
Pontevedra FG – Ártabros de Oleiros
O Pontevedra FG acadou no serán do domingo o segundo triunfo da tempada en categoría masculina ante os Ártabros de Oleiros, por un axustado 2-12 (18) / 3-08 (17). Logo de ir ao descanso perdendo por 7 puntos, o equipo soubo recompoñerse e chegar, xa no tempo engadido, a poñerse un punto por enriba, quedando os dous puntos na casa.