Galicia-Francia: Entrevista aos dianteiros

Que opina a nosa artillería das defensas francesas? Preguntámoslle aos nosos “forwards

Contamos o testimonio de Adriano Quiroga, Vanesa Calviño (Estrela Vermelha), Daniel Santalla, Laura Nercellas (Herdeir@s de Dhais), Lucía Cortizo, Pablo Durán “Durillas” (Irmandinh@s), Juan Fariñas, Victor Santos (Fillos de Breogán).

 

 

Como estades a levar a preparación do partido?

 

Laura: Con intensidade e constancia, tanto na parte física como na parte táctica. O obxectivo fixado ao comezo dos adestramentos era chegar ben fisicamente para este partido porque non estamos acostumadas a xogar nun campo de 105x68m. Non menos importante é traballar a parte táctica, xa que cun bo xogo poderemos alcanzar un mellor resultado. Por outra banda, xogamos un partido amigable contra as Fillas de Breogán (o pasado domingo), que nos serviu como unha primeira toma de contacto co xogo de 11 contra 11, do que se obtivo un resultado moi positivo.

Adriano: Con moita ilusión. O simple feito de poder defender as cores deste país en partidos oficiais é xa de por sí moi emocionante, e máis aínda contra unha selección tan potente como a francesa, que nos deixou ás portas da final do mundial. A sensación que teño é a de estar sendo partícipe do comezo de algo que vai medrar moito nos próximos anos, e aínda non somos de todo conscientes da importancia que pode ter para o noso país contar cunha selección que poida disputar competición internacionais. Ademáis, nos adestramentos sempre hai moi bo rollo e, a pesar de que haxa que desprazase, traballar duro sempre compensa.

Santalla: A verdade é que moi ben. É a primeira vez que entro nunha preconvocatoria coa selección e estou aprendendo e desfrutando moito tanto do ambiente que hai como dos adestramentos, que son moi completos e lévanse a cabo con moita intensidade e profesionalidade. Hai un gran nivel no combinado en todas as liñas e a preparación do partido está sendo axeitada para poder vencer os franceses o día 18.

Vane: Pois levamos dous meses adestrando coa selección, pero a iso hai que sumarlle que dende outubro non paramos coas nosas equipas. Este ano o nivel na feminina é incrible, son partidos moi reñidos e cada semana é unha loita contínua por mellorar, así que confío en que o 18 o esforzo e traballo de meses vai dar os seus froitos.

Durillas: Pois a preparación está sendo moi boa. Somos un grupo onde moitos xa nos coñecemos e xogamos xuntos anteriormente e iso facilita moito as cousas, pero a xente nova acoplouse moi ben á dinámica e axudou moito a subir o nivel do equipo.

Víctor: A verdade é que ben, a pesar da dificultade que é desprazarse centos de quilómetros para ir adestrar. Moita xente está facendo un verdadeiro esforzo para preparar este partido, o cal demostra a motivación que produce xogar contra Francia.

Fariñas: Moi ilusionado por estar preseleccionado e nervioso por querer dar o mellor do que sei facer para ir ao partido, como intento en cada partido, querendo mellorar o solo que se me resiste.

 

Algunha “arma segreda” para tumbar a defensa francesa?

 

Lucía: Estou segura de que o bloque defensivo vai a ser a principal característica do equipo francés no seu xogo. Unha arma? A motivación necesaria que o noso equipo debe ter para poder derribala.

Fariñas: Básicamente aproveitar os espazos do xogo, cun ataque moi directo e rápido á espalda da defensa e nunca dar un balón por perdido.

Vane: Pois a nosa mellor “arma” en ataque creo vai a ser o xogo rápido e o acerto no tiro. Temos xogadoras incríbles, cun físico moi potente e unha gran efectividade á hora de anotar. Non sei se arma segreda ou non, pero dende logo as defensas francesas van a ter que suar con nós.

Adriano: Temos xente bastante rápida arriba, penso que se estamos sólidos atrás e saímos rápido á contra buscando as costas da defensa francesa podemos facer bastante dano.

 

Algunha “manía” ou rito antes do partido?

 

Durillas: Eu a verdade é q non teño ningunha manía, o único tratar de comer ben antes do partido e escoitar música. E bueno, como o amigo Cebolo, “o pis do medo” nunca falta tampouco (risas).

Lucía: Os nervios poderíanse considerar un rito se non nacesen xa dun mesmo antes de cada partido (risas). Pero en especial non teño ningún rito ou manía.

Vane: Ritual… unhas risas e uns bailes antes de saltar ao campo (risas). A nós ás veces axúdanos moito para motivarnos, olvídaste por un momento dos nervios do partido e saes a tope!

Fariñas: Sempre escoito Marea de camiño o partido, que me motiva moito.

Laura: Cando xogamos en Lalín pídolle a miña nai que leve ao meu can aos partidos. Gañamos sempre que estivo el.

Adri: Uno cunha vendaxe por riba da luva os dedos maimiño e anular de ambas mans, pero máis por obriga polas lesións que por manía.

Víctor: Realmente non teño ningunha, simplemente trato de relaxarme falando cos compañeiros e escoitando o que nos di o adestrador.

Santalla: Non teño ningunha manía nin realizo rito algún antes dun partido. Simplemente intento estar concentrado e chegar a cada encontro na mellor forma posible e coas ideas claras como calquera outro deportista, pero non me considero supersticioso, polo que non actúo dun xeito concreto antes de xogar.

 

Recomendariades a asistencia ao partido? Porque?

 

Santalla: Por suposto. É unha ocasión inmellorable para desfrutar dun partidazo e para poder animar á selección da nosa terra, pero sobre todo para coñecer un deporte tan apaixoante como é o fútbol gaélico. Hai xusto un ano que debutei neste deporte cos Herdeiros de Dhais e, aínda que xa tiña amigos no equipo, non dei o paso de empezar a xogar ata que vin o intensos, dinámicos e emocionantes que eran os partidos. Por iso animo a todo o mundo a acudir ao amistoso, sobre todo aos que non coñecen o fútbol gaélico porque de seguro lles vai enganchar e o van pasar moi ben. Estes encontros tamén son unha forma de seguir consolidando e expandindo o noso deporte, ao que lle auguro moito futuro en Galicia.

Lucía: Por suposto! Creo que é un deses partidos hiperemocionantes que non pode perder calquer persoa fan do gaélico ou calquera que o queira coñecer, pois segundo a nosa experiencia en Irlanda, é un equipo moi duro, que loita moito e non da nada por perdido. No que de seguro acabemos agotadas pero coa sensación de telo disfrutado e xogado ao máximo.

Durillas: Claro que o recomendo, vai ser un partido moi bonito de xogar e de ver. Coñecemos á selección francesa e sabemos que teñen un gran nivel e que van a vir a por todas. Ademáis hai un pequeno “pique” con eles dende o mundial de Dublín, onde nos venceron no partido decisivo para o pase á final, así que hai fame de revancha.

Víctor: Por suposto, este é un deporte moi entretido de ver e moi dinámico, non creo que ninguén que veña quede decepcionado.

Laura: Si, por suposto. É preciso que a xente coñeza este deporte, que vai medrando pouco a pouco en Galicia, a ver se desta maneira xorde a creación de novos equipos.