Galicia-Francia: Entrevista aos centrocampistas

Nova sesión de impresións pre-partido, co protagonismo centrado nos centrocampistas, defensivos e ofensivos, o que viría sendo o equivalente aos chamados “midfielder” e “half-forward“.

Contamos o testimonio de Alba Rodríguez (Auriense), Beatriz Tilve, Candela Vilas, David Fuentes “Kanario”, Marcos Gañete “Corba” (Irmandinh@s),Carme Reboreda, María Crespo (Pontevedra), Diego Diéguez (Estrela Vermelha), Juan Mejuto, Laura Paz (Fill@s de Breogán), Laura Veiga (Keltoi Vigo), Lorena Varela (Herdeiras de Dhais), Mario Iglesias (Mecos FG) e Verónica Vázquez-Penas (Ártabras de Oleiros).

Mario Iglesias durante o encontro de exhibición no estadio de Riazor, Coruña 2016.

 

Que expectativas tedes postas neste partido? Védelo como unha revancha tras o enfrontamento no último mundial?

 

Lorena: As miñas expectativas son moi altas, temos moi boas xogadoras. Ao ser a primeira vez que algunhas debutamos este ano, tamén quizáis cuns poucos nervios e incerteza posto que a selección galega é un gran equipo que se enfrenta a outro tan grande e igual de bo, pero con moitas ganas. Por outra parte este partido véxoo moi interesante para aprender e sobre todo para disfrutar. Nunca pensei que neste deporte chegaría a estar aquí, unha pre-selección! Xa soa grande só ao dicilo e a verdade moi orgullosa. Como unha revancha tampouco o vexo. Persoalmente gústame moito gañar e por suposto, en cada partido, no campo, xa saio a dalo todo; pero pasalo ben é o importante, creo que iso é o que máis me distingue. Se xogamos ben, con ganas e disfrutamos,  xa é un partido gañado para min.

Alba: O partido contra Francia vai ser moi complicado. Xa vimos que no mundial eramos dous equipos moi parellos e estou segura de que así segue sendo. Neste caso cambia a dinámica, xa que será 11 contra 11 e nos contamos con novas e importantes incorporacións que seguro darannos un plus. Revancha, no caso das rapazas, será máis para as francesas xa que nós o que queremos é manter o resultado do mundial! Está claro que sairemos a por todas!

María: Eu teño grandes espectativas en gañalo pois creo que somos un equipo bastante completo e de boa calidade, onde todas aportamos cousas que poden ser moi perxudiciales para os outros equipos. Ademáis considero que este ano hai rapazas novas que son moi fortes e que todas nos entendemos ben nos adestramentos. Para min en parte sí que vexo este partido como unha revancha tras o enfrontamento no mundial pois creo que poderiamos terlles gañado e esto é unha oportunidade para demostralo.

Mario: Persoalmente as expectativas son altas, voltamos xogar contra unha selección de gran nivel e sobre todo, na casa, o que sempre é un punto máis de motivación á hora de afrontar o partido. Sempre que se perde contra un equipo no seguinte enfrontamento queres devolverlla e máis neste caso, cando te deixa coa mel nos beizos: a nada de xogar a final do mundial e, ainda por riba, en Croke Park.

Carme: As expectativas son altas. Hai moitas xogadoras de gran calidade. Queda un pouco máis de traballo en equipo, pero estou segura de que pode chegar a formarse algo moi bonito. Con respecto a este encontro, ven con moitas ganas e creo que vai ser moi intenso.

Bea: Teño altas expectativas a pesar de que a nosa actuación en Dublín foi, ao meu parecer, incrible. A cohesión do equipo, a forza coa que afrontamos cada partido, espero que se repita desta volta e lograr mellores resultados.

Kanario: Sempre que perdes un encontro buscas revancha. Agora vai ser nun amigable pero iso non quita as ganas. Poder medirte contra Francia, desta volta na casa, creo que vai facer deste encontro un partido atractivo visualmente e moi competido.

Laura P.: Expectativa de gañar pero loitando a tope e co máximo compromiso de todo o grupo porque Francia é un equipo moi compacto. Para nada o considero unha revancha porque lles gañamos o partido clave no mundial, máis ben serán elas as que virán con ese ánimo. O partido será máis que recomendable porque será moi igualado e competido, e xa en si o deporte é moi divertido de ver. Se o partido é de bo nivel, como é o caso, moito mellor.

Mejuto: O partido contra Francia no último mundial de Dublín, supuxo unha experiencia “amarga” pola nosa parte, privándonos dun logro que poucas persoas que xogan a este deporte poden experimentar, como é xogar en Croke Park… e eso é motivo de revancha. Pero mais aló, supón un enfrontamento entre dúas potencias do gaélico europeo e que resulta atractivo de poder vivir e xogar a nivel internacional. E, por suposto, amosar o nivel que temos diante dos nosos para darlle o ultimo enpurrón a este deporte.

María: Expectativas todas as de gañar pero sobretodo pasalo xenial nun día grande para o fútbol gaélico en Galicia! O ano pasado non tiven o praces de xogar a este deporte, pero entendo que sempre queda a “espinita” dunha revancha limpa e divertida.

 

Alba Rodríguez, de negro, loitando por un balón no estadio de Riazor, A Coruña 2016.

 

“Que é iso do ‘fútbol galáctico’”. Seguro que volo preguntaron algunha vez. Que lle dirías a alguén que non coñece o deporte?

 

María: Non é galáctico, é gaélico! É un deporte que se xoga principalmente en Irlanda, unha mestura entre fútbol, rugby, baloncesto e voley. O balón é como o de voley pero máis pesado. Xógase cas mans e pes, nun campo de fútbol con porterias que teñen paus verticais como os de rugby, valendo os “goles” por arriba 1 punto (pódense meter ca man ou pé) e por debaixo valen 3 puntos (métense co pé, ca man só se é un remate dun pase). O balón pódese levar na man, tendo 4 segundos ou 4 pasos para botar o facer un auto-pase ao pé (denominado “solo”). Os pases danse ca man (con golpeo) ou pé. As normas cambian un pouco de masculino a femenino. Na Liga Galega as rapazas xogamos en equipos de 7 e os rapaces de 11, pero o partido da selección xogarase ambos de 11! Animaría a todo o mundo a ir a ver un partido e incluso un adestramento porque é un deporte para nós descoñecido, super-divertido e diferente!

Corba: A verdade é que teño escoitado tamén fútbol Galego ou Galaico! A alguén que non coñece o fútbol gaélico sempre lle falo da mestura de deportes que hai nel, dende voleibol, baloncesto, balonmán, rugby e por suposto fútbol. Sempre o comparo co fútbol tradicional; no gaélico non vas atopar eses 0-0 aburridos que abundan no chamado “deporte rei”. Sempre acabo cun, “porque que non ves ver un partido ou probar un adestramento?”

Mejuto: O primeiro que lle digo á xente é que mire en Internet vídeos do noso deporte, e unha vez quedan “enganchados”, o seguinte é que veñan a ver algún partido en directo e a probar nalgún dos nosos adestramentos. Unha vez se proba, a xente repite seguro.

Candela: Cando me din fútbol galáctico, simplemente corrixo o nome e dígolle que se animen a probalo!

Laura V.: É un deporte de contacto, moi físico e súper divertido no que non hai balóns nin botas de ouro, pero sí moito compañeirismo. Á xente que non coñece o deporte recoméndolles que vaian ver os partidos (masculino e feminino) contra Francia e se acheguen polo terceiro tempo, seguro que saen con ganas de ir probar ao equipo da súa cidade.

Diéguez: Eu acostumo dicir que se non coñeces as regras pode parecer que vale todo. Iso faino atractivo ao espectador.

Vero: Un deporte irlandés moi completo que combina outros tantos deportes. Moi recomendable, case todo o mundo que proba repite.

Laura P.: Galáctico non pero galaico dixéronmo moitas veces. Diría que é un deporte moi dinámico e divertido, fácil para comezar a xogar. Combina habilidades de mans e pés, polo que se ves de fútbol ou baloncesto tes moito camiño andado, e conleva unha gran esixencia física.

Beatriz Tilve durante un adestramento da selección galega feminina previo ao Mundial de Dublín.

 

Que se sinte ao xogar coa Selección Galega?

 

Mejuto: Representar ao noso país, sexa no ambito que sexa, sempre é especial… pero facelo no deporte que practicas cada día despóis dunha dedicación de tempo, esforzo e ilusión máxima supón unha recompensa e unha responsabilidade ao 50%.

Alba: Defender as cores da selección non ten prezo! Saír ao campo vestindo esta camiseta é motivo de moito orgullo e unha experiencia que non se esquece na vida. E é aínda máis especial nun deporte coma o gaélico, que se caracteriza por ter uns valores moi especiais.

Bea: Poder representar a Galiza de forma internacional, acadar ese recoñecemento tan grande sempre é un orgullo, e máis aínda cando acabamos de comezar nisto, coma quen di.

Mario: Se tivera que describilo con só unha palabra, sería “orgullo”. É unha sensación indescriptible poñer a camiseta da Selección Galega e poder representala en cada partido. Poder defender ese escudo e esas cores fai que salte ao campo extra motivado e con ganas de deixar todo no campo por ela. Sabemos que temos moita xente detrás animándonos e apoiándonos, que cada vez son máis, e hai que facer que se sintan orgullosos de que esta camiseta os siga representando como merecen polo mundo adiante.

María: Xogar na selección galega para min é representar a todos os equipos gaélicos de aquí e representar a nosa forma de xogar aquí. Síntome afortunada de poder formar parte desto e poder vivir experiencias únicas e ver como é o gaelico noutros sitios.

Dieguez: Moito orgullo pero sobre todo responsabilidade. Polo que representa a camiseta e por todos os xogadores que lles gustarìa estar no teu lugar.

Juan Mejuto ensinando a medalla recibida logo de quedar terceiro ca selección galega masculina no Mundial de Dublín 2016

 

Que é o que nunca esqueces levar a un partido?

 

Diéguez: A miña capacidade de despiste chega a límites insospeitados. Teño ido xogar ata sen as botas (risas).

Lorena: Sinceramente podo esquecerme de calquer cousa: toalla, luvas… Pero sí, hai algo que me acompaña en todos os partidos e que é o primeiro que me poño para calentar, un regalo un tanto especial: unha sudadeira de Merc. Dame motivación e confianza.

Carme: Cando preparo a mochila, nunca me esquezo de meter o bucal. Ao ser unha ex-xogadora de rugby, paréceme un elemento fundamental do que nunca prescindo.

Laura P.: Nunca diría nunca porque son bastante despistada, pero cústame xogar sen luvas.

Kanario: Esa pregunta non vai conmigo, sempre esquezo algo (risas).

Corba: Creo que fun capaz de esquecerme, polo menos unha vez, de cousas básicas para xogar, dende as botas, as luvas, camisola, toalla… Penso que do que nunca me esquezo é da cinta do pelo (risas).

Laura V.: A cabeza e as ganas sempre as levo comigo… E o protector bucal, a seguridade en primeiro lugar! As demáis cousas é cuestión de tempo que as acabe esquecendo.

Mario: Persoalmente non teño ningún obxeto ou prenda especial para afrontar un partido, non son unha persoa moi supersticiosa nese sentido.

Candela: Os guantes da sorte e os calcetíns brancos.

Vero: Os tacos.

Verónica Vázquez loitando una bóla durante una xogada no partido contra Madrid en 2015.