Galicia-Francia: Entrevista aos defensas

Continuamos a nosa rolda de entrevistas aos protagonistas do próximo 18 de marzo. Desta vez, tócalle o turno aos nosos defensas!! Entrevistamos a Alba Fontán “Albilla”, Alberto Méndez, Olalla García, Patricia García, Aro Oliveira (Fill@s de Breogán), Andrea Piñeiro, Daniel Castro “Yupe” (Irmandinh@s), Cristina Margariños, Nuria Tilve (Pontevedra), Iago Couso, Pablo Bermejo, Lucía Mella (Estrela Vermelha), Julio Brandido e Lorena Pereiro (Herdeir@s de Dhais).

 

Como está sendo a preparación do partido? Similar ou diferente á do Mundial?

 

Lorena: Ata o de agora levamos 4 adestramentos e a preparación estase centrando na aprendizaxe de xogar 11 contra 11, xa que sempre xogamos 7 contra 7 e nun campo máis pequeno. Por exemplo, no último adestramento estivemos traballando o pase longo co pé, para aprender a aproveitar ben todo o campo. Estamos acostumadas a realizar a maior parte dos pases ca man e a ter ás nosas compañeiras máis preto pero nesta ocasión, ao xogar nun campo máis grande, temos que adaptarnos e cambiar un pouco o noso estilo de xogo.

Albilla: Eu estou lesionada e apenas puiden participar nos entrenos activamente. Pero estuven animando ás compañeiras, que considero están a facer un gran traballo. Estase a notar unha melloría no campo e en cada adestramento, xa que pode observase máis compenetración entre nós.

Aro: O evento non é o mesmo, non se pode comparar a emoción de prepararse para xogar un mundial ca de adestrar para un amistoso. Aínda así, estámonos preparando ca mesma intensidade, tanto os que queremos demostrar que podemos seguir representando a Galiza como as caras novas que veñen ca ilusión de merecerse un oco na selección. Isto, acompañado das ganas de gañarlle á selección que nos deixou fora da final de Croke Park, fai que todos nos tomemos os adestramentos moi en serio.

Yupe: A preparación é similar á do mundial! Ca diferencia de que neste partido a convocatoria será máis ampla ca no mundial e iso fai que se abra a máis xogadores!

Patri:  Por unha parte penso que complicada, pois supón desprazamentos entre semana tanto para xogadoras como adestradores para os adestramentos, pero esa dificultade ao mesmo tempo reflicte o compromiso e ilusión de todos eles.

Alberto: Pois a preparación para este partido está a ser similar á do mundial en canto a ganas, interese e sacrifizo dos xogadores por ir adestrar logo das xornadas se traballo e desprazándose en ocasións a centos de kilómetros. A actitude nos adestramentos tamen é moi boa. O único diferente á preparación do mundial é a dispoñibilidade de campos para adestrar. Aínda estamos por detrás do fútbol e iso fai que apenas dispoñamos dunha hora semanal para adestrar.

Oli: A preparación está sendo moi amena, e estanse a aprender cousas novas, que implican rapidez e axilidade. Todas temos que prepararnos ben xa que non é o mesmo xogar nun campo curto que nun longo [as rapazas en liga xogan 7×7, pero este día xogarán 11×11], no que defender faise máis complicado. Con tanto espazo os erros poden pagarse caros.

Couso: Sobre a preparación, é difícil que sexa igual á do mundial porque agora estamos entre xornadas e compaxinamos os adestramentos da selección cos dos nosos equipos, pasamos de adestrar 3 días á semana en verán a 1 día á semana agora.

Aro Oliveira e Juan Mejuto durante un adestramento da selección galega masculina.

 

Galicia e Francia xa cruzaron camiños no Mundial. Que equipo cres que vos vades atopar diante?

 

Oli: Xa no mundial Francia amosou que é un equipo que está formado por xente moi rápida e forte. Creo que van a facer moito uso da súa velocidade para ofrecer un xogo moi hábil no pase de man con moitas desmarcacións, buscando sempre a superioridade no ataque e aproveitando as subidas polas bandas.

Lorena: Penso que nos imos atopar un equipo con un nivel moi parello ao noso, xa que, polo que puiden ver, no pasado mundial os resultados entre ámbolos dous equipos estiveron moi, moi axustados. Creo que vai ser un partido igualado, no que teremos a oportunidade de aprender moito e sobre todo de divertirnos.

Alberto: Pois non cabe duda de que Francia é un equipo potente, ten moi bos xogadores. Este ano demostraron o nivel que teñen chegando á final do mundial pero tamén quedou demostrado que nos xogamos de ti a ti o partido contra eles. Moitos irlandeses que estiveron vendo o partido remataron dicindo que fora o mellor partido do mundial, e acabouse decidindo por pequenos detalles. Este partido será de máis duración e creo que o físico será importante e ahí podemos ser superiores. Teremos un rival moi difícil dunha calidade similar á nosa e aseguro un encontro moi intenso e que creará afección.

Couso: Eu supoño que será similar ao de Dublín. Aínda que eu non puiden xogar por lesión, vin que estaban a moi bo nivel. Penso que nos imos atopar un equipo cun nivel moi parello ó noso xa que, polo que puiden ver, no pasado mundial os resultados entre ámbolos dous equipos estiveron moi, moi axustados. Creo que vai ser un partido igualado, no que teremos a oportunidade de aprender moito e sobre todo divertirnos. Será interesante a revancha.

Patri: Sen dúbida será un equipo duro e potente, e posiblemente con máis experiencia como equipo que a nosa. Aínda así, non creo que sexa un equipo imbatible, confío no traballo feito ata o de agora e o que está por vir.

Julio: Supoño que un equipo moi competitivo e con cualidades técnicas, tácticas e físicas moi destacables. Se gañaron á seleccion galega xa unha vez, é porque saben de qué vai este deporte.

Albilla: Contra Francia xogamos dous partidos e os dous tiveron un resultado axustadisimo, polo que espero unha selección similar á nosa e un partido moi disputado, pero confio que gañaremos xa que hai novas incorporacións que fan unha aportación moi positiva ao equipo.

Aro: Non sei como estarán de efectivos para vir a xogar a Galiza pero, se teñen o equipo que se presentou ao mundial, de seguro que nos van por as cousas moi difíciles unha vez máis. Teremos que dalo todo para lograr a nosa pequena revancha.

Pablo: A verdade é que non teño nin idea porque non os vin xogar nunca, pero se chegaron á final do mundial e nos gañaron na segunda fase quere dicir que son un equipazo.

Alba Fontán “Albilla” e Laura Paz, capitanas da selección galega feminina, co trofeo acadado no Mundial de Dublín 2016.

 

O fútbol gaélico galego está vivindo posiblemente o seu momento máis mediático. Como levades os nervios?


Albilla:
 Nervios sempre hai de cara a todos os partidos, creo que é algo bo porque faiche estar en tensión.

Oli: Os nervios lévanse ben, xa que son algo momentáneo. No momento en que chegue o partido e se estea xogando desaparecen, xa que tes todos os sentidos no que estás a facer. Así que desexando que cheque o partido e pór en práctica todo o aprendido nesta tempada de preparación.

Alberto: Os nervios de momento levámolos ben. Ainda quedan uns días e de momento sustituimos eses nervios por traballo e esforzo. Somos conscientes de que hoxe máis ca nunca os ollos dos galegos e das galegas estarán enriba de nós, pero para nós non é unha presión, se non un orguio e un motivo para realizar un esforzo maior. Queremos demostrar na casa o nivel que demostramos en Abu Dhabi e en Dublín.

Lorena: Por agora os nervios lévanse ben, aínda que supoño que irán en aumento segundo se aproxime o día do partido. Cando comecei a xogar cas Herdeiras, nos primeiros encontros tendía a estar nerviosa. Sen embargo, unha vez estaba no terreo de xogo os nervios desaparecían. Así que confío en que ocorra o mesmo nesta ocasión.

Yupe: Os nervios non existen!

Daniel Castro “Yupe”, nun lanzamento durante o Mundial de Abu Dhabi 2015.

 

Que opinades da evolución do fútbol gaélico en Galicia?

 

Andrea: Paréceme un logro de cada un e unha que tentou atraer a alguén a este mundo tolo do gaélico. É moi importante dar mantido o bo nivel e que continúen todos os equipos que hai na actualidade, para poder seguir atraendo xente e animando á creación de novos clubes por toda Galicia.

Lucía: É evidente que a evolución en canto a coñecemento e participación está sendo vertixinosa nos últimos anos. Pódese comprobar tanto a nivel social (en cada partido aumenta o número de siareiros que acude a disfrutar dos vibrantes encontros) como polo maior número de equipos e xogadores que se rexistran e aumentan ano tras ano. Isto é unha nova inmellorable xa que indica que este deporte é cada vez máis coñecido e podemos comprobar como se vai asentando definitivamente en todas as provincias.

Yupe: A evolucion é positiva! Hai moito que mellorar, obviamente, pero esperemos que entrando na Federación Galega de Fútbol se faga algo máis profesional para evitar problemas e mellorar e potenciar o noso deporte! O avance cada ano é maior así que hai que seguir avanzando todos xuntos!

Cris: Cada vez vexo que se menciona máis este deporte, case non teño que explicar o que é cando digo que o practico (risas). Creo que aínda queda moito para que evolucione ben como ten que ser, pero creo que imos polo bo camiño.

Pablo: Brutal. A progresión tanto en número de equipos como o nivel d@s xogador@s medrou moitísimo. Botei fóra un ano e medio e estou flipando co nivel da xente!

Nuria: A evolución do fútbol gaelico en Galiza pódese decir que é casi exponencial. Nun prazo moi curto de tempo impúxose como outra alternativa de deporte, ainda que queda moito por facer xa que non existen equipos en todo o territorio galego. Pero coido que co tempo Galiza será gaelica!

Patri: Síntome afortunada de ter vivido os inicios do gaélico en Galicia, en concreto na miña cidade, A Coruña. Era impensable daquela crer na posibilidade dun crecemento como o que tivo ata o de agora e a cantidade de amantes deste deporte que andaban perdidos por Galicia adiante sen eles mesmos sabelo. Confío en que este é o comezo de algo moi grande, rememos e pelexemos xuntos cara o trunfo do gaélico na nosa terra.

Nuria tilve e Ana Ibáñez disputando un balón nun encontro da Liga Galega 2016-2017

 

Sobre o partido xa falamos moio, quen cres que vai gañar o terceiro tempo?

 

Couso: A dúbida ofende, no campo non sei quen gañara, pero nós temos máis fígado seguro (risas).

Nuria: O terceiro tempo, co perdón das francesas, gañará o equipo local xa que as galegas somos as raíñas nisto.

Aro: No terceiro tempo sei que os franceses tamén van vir con gañas de demostrar do que son capaces, pero sería un hipócrita se dixera que penso que teñen algunha posibilidade.

Andrea: Creo que o terceiro tempo sempre ten unhas claras gañadoras e sempre son as integrantes da nosa selección. Sen dúbida algunha, o terceiro tempo será noso.

Lucía: Como xa quedou demostrado no último terceiro tempo de Lalín… está claro que nós! (risas)

Cris: Creo q o terceiro tempo o imos a gañar nós (risas). Niso xa temos moita práctica e aguante. Aparte, levámonos ben entre todos, somos coma unha familia.

Iago Couso e Alberto Méndez fronte un dos muráis máis caracterísitcos da zona, no camiño de Croke Park no Mundial de Dublin 2016.

 

Recomendariades a asistencia ao partido? Porque?

 

Lucía: Por suposto que sí, porque disfrutaremos de dous encontros igualados e con moita emoción, con novas caras e roles no combinado femenino e gran continuidade no masculino; pero con gran calidade en ambos conxuntos que de seguro loitarán durante todo o partido facéndoo vibrante e emocionante polo que ninguén se arrepentirá de presencialo.

Cris: Recomendo que se veña ver, por suposto, porque aparte de coñecelo mellor poderán pasalo xenial e darémoslles unha boa acollida ás nosas contrincantes.

Nuria: Recomendo a todos vir a pasar un bo rato animando na grada nun partido que coido que será moi entretido, ademáis da festa que se espera no terceiro tempo. En resumo, unha xornada gaélica que podes rematar dándote un chapuzón nas termas: un día perfecto.

Julio: É un deporte apaixoante para o espectador e todo o que ven velo, despois quere practicalo. Engancha.