Galicia-Francia

O vindeiro ​ sábado 18 de marzo de 2017 ​ terá lugar en Ourense un dobre entontro amigábel (masculino e feminino), o primeiro que disputa a nosa selección dende a súa participación nos II GAA World Games o pasado agosto. Os encontros celebraranse no ​ Campo de Rugby da Universidade de Ourense​ na tarde do sábado, nun horario aínda por confirmar.

O contrincante da nosa selección será a selección francesa, un rival de primeiro nivel mundial como xa demostrou nos pasados Xogos Mundiais. A selección masculina proclamouse subcampiona do mundo, clasificándose para a final tras gañar a Galicia por 7-9 no derradeiro partido da segunda fase, que acadaría un excelente terceiro posto. As seleccións femininas tamén son vellas coñecidas: logo de caer eliminadas por pouco na primeira fase do Mundial, ambas accederían ao denominado campionato Shield, que decidiría o 5o posto do Mundial. Tanto Galicia como Francia lograron abrise camiño ata a final, onde as nosas se impuxeron por un axustado 12-11.

Estes feitos farán que os partidos non estean exentos de morbo e certas ganas de revancha. Será a primeira ocasión na que a nosa selección disputa un partido na cidade das Burgas, así como a primeira vez que Francia visita terras galegas.

Será a primeira participación do novo cadro técnico feminino, no que Pablo da Silva e Santi Rodríguez estrearanse na banda dirixindo á selección. Pola súa banda, Alexandre Sanmartín “Jano” continúa como seleccionador masculino tras dirixir ao equipo no pasado mundial.

A entrada será de balde para favorecer o desfrute deste deporte por parte das galegas e galegos que queiran achegarse o próximo sábado a Compostela. A Asociación Galega de Fútbol Gaélico invita e anima a todas e todos a acudir e amosar deste xeito o seu apoio ás osas seleccións.

Iremos actualizando a información na nosa web con entrevistas, análises, etc.: