Crónica da xornada 10

IRMANDINH@S – ÁRTABR@S DE OLEIROS

No encontro feminino, as Irmandinhas da Estrada acadan na casa os seus primeiros puntos, tras dúas derrotas, nun comezo de Liga ao que nos teñen pouco acostumados. Os 3 goles de Ánxela de Ártabras non foron capaces de contrarrestar o maior acerto anotador das visitantes, especialmente Candela, con 2 goles e 6 tantos. Resultado final: Irmandinhas A Estrada 4-15 (27) / 3-06 (15) Ártabras de Oleiros.

No encontro masculino, os da Estrada dominaron por completo o xogo, deixando poucas opcións ao conxunto ártabro, acadando a victoria con un contundent 16-22 (70) / 0-01 (1).

Máis info: irmandinhos.com

 

TERRAS DO EUME – BRAITHREACHAS

Victoria a domicilio dos Braithreachas de A Estrada, que acadan a súa segunda victoria consecutiva na Liga e lle permiten igualar a 4 puntos a outros equipos da categoría, fronte un cada vez máis rodado Terras do Eume. Resultado final: Terras do Eume FG 3-02 (11) / 4-14 (26) Braithreachas.

Máis info: facebook.com/terrasdoeumefg

 

FILL@S DE BREOGÁN – HERDEIR@S DE DHAIS

A visita das e dos Herdeiros de Dhais este domingo á Cidade Deportiva da Torre saldouse con dúas vitorias para as e os Fillos de Breogán, que se afianzan na cabeza das táboas clasificatorias.

Encontro feminino

As primeiras en saíren ao campo foron as Fillas. Desde un comezo xa se sabía que a visita das lalinenses non ía ser doada, pois contaban os seus partidos por vitorias.

Na primeira parte do encontro, as Fillas saíron enchufadas e conseguiron unha diferenza ao descanso de 9 puntos para as coruñesas, o que semellaba augurar unha segunda parte plácida.

Mais non foi así. As lalinenses saíron na segunda parte dispostas a non dar por perdido o partido e conseguiron darlle a volta ao marcador. Foi nese momento canto as Fillas de Breogán reaccionaron e grazas a un sprint final vertixinoso puideron sacudirse a presión e xogar como saben para pór no marcador final un 7-18 (39) 5-10 (25) ao seu favor que non amosa a realidade do partido.

Encontro masculino

Non moito máis doado foi o encontro dos Fillos de Breogán que souberon facerse cun partido incómodo contra os lalinenses que non lle perderon en ningún momento a cara ao partido.

De feito comezaron poñéndose diante do marcador nos primeiros intres xa que saíron con moita forza. Con todo, os Fillos de Breogán comezaron a dominar o medio do campo e a aproveitar a velocidade e rapidez dos seus dianteiros, especialmente dun inspirado Fariñas.

Na segunda parte fíxose máis evidente a superioridade dos Fillos de Breogán rematando o encontro cun marcador final de 5-08 (23) 1-08 (11) para os coruñeses.

Máis info: fillosdebreogan.com

 

KELTOI VIGO – AURIENSE FG

Comezaba o partido cun dominio claro do equipo ourensán, o conxunto vigués intentaba achegarse no tanteo con tiros dende media distancia que procuraban paos, sen demasiado acerto. Unha gran xogada dos vigueses fixo que se puxeran por diante, ao rematar un rexeite dun penalti. O gol espoleou aos ourensáns que mantiveron o ritmo e o acerto por paos chegando ao descanso cun resultado de 5-10.

Na segunda metade os de Keltoi sairon con máis ganas e aproveitaron uns minutos de desconcerto do equipo ourensán para achegarse no marcador. Todos os intentos de remontada local se trastocaron cando chegou o gol ourensán que poñía o 12-16 final e daba por rematado o partido.

Máis info: facebook.com/keltoivigo

 

PONTEVEDRA FG – ESTRELA VERMELHA

Encontro feminino

Na categoría feminina o Estrela enfrontouse ao Pontevedra nun partido que prometía ser axustado ata o final, e así foi. Partido disputado e con opcións de vitoria para ambos equipos. Finalmente a maior puntería das locais nos derradeiros intres do partido desequilibrou o marcador e os dous puntos quedaron na casa cun resultado final de Pontevedra 7-10 (31) / 3-16 (25) Estrela Vermelha.

Encontro masculino

No partido masculino, o Estrela presentouse con varias baixas, que foron contrarrestadas con unha gran actuación de todo o conxunto compostelá. Destacando, con 6 goles e 1 tanto, o dianteiro Carlos Quiroga “Charly”. O conxunto compostelá dominou o partido dende o inicio e non deixou opcións aos xogadores da cidade do Lérez educando un marcador de Pontevedra 1-07 (10) / 10-12 (42) Estrela Vermelha.

Máis info: facebook.com/gaelicopontevedra