Nova crónica correspondente á novena xornada (atendendo á numeración orixinal) da Liga Galega de Fútol Gaélico 2016/17.
Ártabras de Oleiros – Keltoi Vigo
As Ártabras de Oleiros acadaron a súa primeira vitoria cun marcador de 4-09 (21) fronte a 2-09 (15) das Keltoi nun desputadísismo encontro que tivo lugar a mañá do domingo 11 de decembro no Campo da Torre.
A pesar de que a primeira parte se xogou en campo vigués, o partido chegou con empate a 1-04 (7) ao tempo de descanso, debido á gran capacidade das viguesas para capitalizar en cada ocasión. Xa no segundo tempo, Keltoi comezou con ventaxa, pero as oleirenses souberon loitar e remontar para gañar un partido que non se resolveu ata os últimos minutos.
Máis Info: fillosdebreogan.com
Irmandinhos – Pontevedra
A xornada II da Liga Galega de Fútbol Gaélico disputaba un dos seus encontros adiados o pasado día 10 de decembro. Medía aos Irmandinhos e ao Pontevedra F.G. en A Estrada ás 17 horas.
O partido comezaba frío para os locais, que verían como o Pontevedra entraría con máis ritmo nos primeiros minutos. Pronto, os estradenses aumentaron a presión entre as liñas e comezaron a amosar o seu xogo de combinación rápida, que permitía chegar ao descanso con un claro 20 a 2 para os locais.
Na segunda metade a gran defensa estradense de homes coma Yupe e Félix encargábase de que os intentos pontevedreses se quedaran en ocasións.
Os goles de Chovi, Jerry, Javi, Rey e Pablo Durán, ademais do acerto a paus, deixaba ao Irmandinhos líder da primeira división logo da vitoria por 6-18 (36) / 0-05 (5).
Máis Info: Irmandinhos.com
Cambados – Keltoi Vigo
O pasado sábado 10 disputouse no campo do Pombal o partido que enfrontaba ó Cambados FG co Keltoi GAC. O terreo de xogo estaba en perfectas condicións para xogar e o público foi maior do esperado, o que mostra a interese da xente polo fútbol gaélico.
En canto ao partido, o Keltoi púxose dende o inicio por diante, mostrando maior rodaxe que o conxunto local. Sen embargo, os contragolpes sucedéronse en ambos equipos, animando aos siareiros tanto locais como visitantes que confluían nas gradas. O Cambados reaccionou ben e non lle perdeu a cara ao partido, mantendo unha diferencia en torno aos 6 puntos durante a maior parte do encontro.
Ambos equipos fallaron varios tiros a paos claves que puideron cambiar o rumbo do partido. Nos últimos minutos, o Cambados apretou ao Keltoi cando ían 6 puntos por debaixo pero o longueiro impediu que o equipo local empatara o encontro. Cos do Salnés volcados no ataque, o Keltoi sentenciou o partido cun gol no derradeiro minuto.
A única nota negativa do partido foi a lesión no conxunto cambadés de Mougán. Polo demáis foi un partido duro fisicamente pero limpo. Un día de deporte e festa que culminou cun bo terceiro tempo.
Máis info: facebook.com/keltoivigo
Terras do Eume – Auriense F.G.
Victoria folgada a domicilio 2-02 (8) a 9-09 (36) para Auriense FG nas Somozas fronte a Terras do Eume. Os locais non foron quen de dar continuidade a un bo inicio de partido, no que chegaron a se poñer por diante no marcador.
O partido chegou ao descanso cun marcador bastante axustado 2-01 (7) a 3-03 (12), mais na segunda parte o dominio dos ourensáns foi inapelable e pronto puxeron terra de por medio acadando así unha ampla victoria cunha diferencia de 28 puntos.
Máis info: facebook.com/terrasdoeumefg
Mecas F.G. – Estrela Vermelha
O equipo feminino do Mecos F.G. Ogrobe caeu derrotado fronte ó Estrela Vermelha compostelán por unha diferenza de seis puntos no encontro desputado no campo de fútbol municipal Monte da Vila o pasado sábado 10 de decembro.
O inicio do partido estivo dominado polo conxunto local, destacando a anotación de tres tantos consecutivos, situando ás Mecas por diante no marcador. Porén, rapidamente respostou o equipo visitante recortando distancias. A primeira metade estivo caracterizada por esta dinámica de igualdade cunha pequena nota desequilibrante a favor das Mecas. De feito, ó remate do primeiro tempo mandaban no marcador con tres tantos de vantaxe.
A segunda parte foi totalmente distinta, especialmente a primeira metade impoñendo o seu xogo o Estrela Vermelha ó anotar dous goles de forma consecutiva que as colocaron por diante no marcador. A partir dese instante o xogo igualouse pero o cansazo e a pouca experiencia do conxunto local fixo meia no seu estilo de movemento rápido de balón. Isto foi utilizado polas composteláns para aguantar por riba no marcador nun final de partido que todo indicaba remataría en táboas pero que acabou por decantarse en favor das visitantes.
O final do partido o marcador foi de 4-10 (22) para as Mecas fronte a 4-16 (28) de Estrela Vermelha.
A nivel individual destacaron os tres goles e seis tantos da meca Andrea Campos, clara referencia no xogo local no partido do sábado. Con este resultado as rapazas do Estrela Vermelha alcanzan na clasificación ás mecas que, aínda así, continúan quintas na clasificación.
O vindeiro partido do conxunto feminino meco será xa no ano 2017 igual que para o conxunto masculino. As rapazas enfrontaranse o 14 de xaneiro contra as Irmandinhas da Estrada no Grove. Será un partido a ter en conta xa que as estradenses están necesitadas de vitorias. O conxunto masculino, pola contra, xogará ese mesmo día como visitante en Cambados.
Máis info: https://www.facebook.com/mecasfg