Como crear un clube

Queres que o fútbol gaélico teña presenza na túa comarca? Non o dubides, crear un clube de fútbol gaélico é a mar de sinxelo! Aquí resumímosche os pasos que debes facer. Calqueira dúbida, contacta con nós a través do correo gaelicogalego@gaelicogalego.gal.

1. Dar de alta o clube nas administracións

O primeiro paso para crear o clube será dalo de alta nos rexistros públicos. Principalmente consisten en dous: o Rexistro de Entidades Deportivas do concello ao que percence o clube e o Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia. A documentación a presentar e o proceso son moi similares en ambos casos.

A alta no rexistro do concello dependerá, evidentemente, do concello no que se quere rexistrar o clube. É recomentable achegarse ou chamar aos responsables de deportes para determinar que debemos presentar.

En cando ao rexistro galego, no seguinte enlace detállase a documentación a entregar, modelos de estatutos, etc. así como contactos en caso de dúbida.

A documentación a presentar constará mínimo do seguinte

  • Solicitude de inscrición
  • Acta fundacional
  • Relación dos nomes, DNIs e domicilios dos directivos
  • Acta de aprobación dos estatutos pola Asemblea Xeral.
  • Estatutos do club. Os dous exemplares de estatutos deben estar asinados en todas as follas por todos os fundadores con firmas orixinais (non fotocopias)
  • Xustificante de ter aboado as taxas
  • Certificación negativa de denominación. Este certificado solicitarase ao Servizo de Deportes da Xunta (pode ser necesario facer ata tres propostas de nome de clube).

http://deporte.xunta.gal/?idMenu=60

2. Solicitude do NIF

No prazo dun mes dende a fundación do noso clube, procederemos a solicitar o NIF (Número de Identificación Fiscal), xa que nos será necesario para realizar a práctica totalidade de trámites.

O NIF solicitarémolo no Ministerio de Hacienda, para o cal debemos aportar a seguinte documentación:

  • Estatutos selados polo rexistro (orixinal e fotocopia a compulsar)
  • Acta fundacional (orixinal e fotocopia)
  • Impreso de Declaración Censal (Modelo 036), firmada por un dos socios fundadores (xeralmente o presidente)

3. Conseguir campo

Unha vez temos creada o noso clube de cara á Administración, é hora de porse mans á obra! O primeiro que precisaremos, evidentemente, é un campo onde realizar os adestramentos, normalmente de fútbol ou de rugby.

O máis habitual é solicitar ao concello o uso dun campo municipal, o cal nos asignará unha serie de horas semanáis. Neste punto, podémonos atopar con problemas pola saturación e a habitual preferencia que reciben os clubes de fútbol.

Tamén existe a posibilidade de contactar con entidades privadas que dispoñan de instalacións deportivas, aínda que normalmente cobrarán un aluguer.

En caso de ter dificultades para a obtención dun campo, faínolo saber!

4. Conseguir xente e material e comezar a adestrar

Unha vez temos o campo, só nos quedará xuntar xente e comezar a adestrar!

Non precisaremos grandes cantidades de material para iniciar os adestramentos: unhas poucas bolas, conos, petos, etc.

Para os clubes de nova creación, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico poderá asignar unha persoa responsable de axudar ao clube nos diferentes problemas que poida ter, así como colaboración nos primeiros adestramentos dirixindo algunha sesión de adestramento, emprestando material, etc. Podería enviarse a persoal dalgún clube próximo.

O máis importante é xuntar xente que queira desfrutar deste magnífico deporte!

5. Inscrición na Asociación e inicio da competición

Xa temos o clube rexistrado na Administración, temos campo, xogadores e xa levamos unhas poucas sesións de adestramento… é hora de competir!

Para isto, ponte en contacto con nós para realizar a inscrición do equipo na Asociación, así como no resto de entidades necesarias (GGE, GAA…). Non te preocupes, guiarémosche ao longo deste proceso, aínda que é sinxelo!

Enlaces de interese