Crónica xornada 19: O Estrela Vermelha masculino acada o liderato nunha xornada de infarto

Partido de infarto vivido na Estrada na tarde do domingo, no que o líder da competición (Irmandinhos) se enfrontaba ao seu inmediato perseguidor (Estrela Vermelha), no que a victoria suporía o terceiro título consecutivo dos estradenses. Unha victoria pola mínima, nun final de infarto, aupa aos composteláns ao primeiro posto a falta dunha xornada. No outro partido do grupo Sénior, Auriense imponse a Fillos de Breogán, acabando coas escasas chanzas do equipo coruñés de competir polo título. Todo se decidirá este fin de semana na derradeira xornada do grupo.

No grupo Plate, Herdeiros de Dhais imponse a domicilio a un sólido Keltoi, que cedeu a victoria nos derradeiros intres de partido logo de ir gañando case todo o partido, ao encaixar tres goles que certificaban a remontada dezana. No Grove, Mecos vence con autoridade no derbi do Salnés ante un Cambados mermado polas baixas.

Na competición feminina, Herdeiras de Dhais e Estrela Vermelha seguen a súa estela de victorias ao imporse ambas a domicilio, fronde a Keltoi e Irmandinhas respectivamente. Tras un inicio algo dubitativo, as de Lalín aseguraron o partido xa na primeira parte, cunha mellora das viguesas na segunda parte, pero insuficiente para acadar a victoria. As compostelanas sen embargo resolveron o seu encontro no segundo tempo tras unha igualada primeira parte na Estrada. Pechando a xornada, Fillas imponse tamén a domicilio a Auriense, nun partido emocionante e que se resolveu só cunha diferenza de dous puntos.

Cun partido menos, Estrela Vermelha debe gañar a Fillas de Breogán para xogarse o título na derradeira xornada fronte a Herdeiras de Dhais, que parte con vantaxe ao ter gañado o encontro da ida por dous puntos.

O título Sénior masculino pasa pola Coruña, no que o Estrela Vermelha debe gañar a Fillos de Breogán se quere gañar o seu cuarto título; en caso de empate ou derrota, o título viaxaría á Estrada salvo derrota dos Irmandinhos fronte Auriense, que está firmando unha excelente segunda volta a que non coñece a derrota.

No grupo Plate, Herdeiros de Dhais xa é campión matemático a falta dunha xornada. En canto ao grupo Shield, as opcións están máis abertas xa que matemáticamente ningún dos catro equipos (Braithreachas -9pts-, Dorna -7pts-, Estrela Gaels e Turonia -6pts-) está descartado para alzarse campión faltando dúas xornadas.

RESULTADOS

Feminino

  • Irmandinhas 1-12 (15) VS Estrela Vermelha 4-16 (28)
  • Keltoi 2-19 (25) VS Herdeiras de Dhais 4-22 (34)
  • Auriense 4-10 (22) VS Fillas de Breogán 3-15 (24)

Masculino

  • Irmandinhos 3-12 (21) VS Estrela Vermelha 3-13 (22)
  • Auriense 5-14 (29) VS Fillos de Breogán 2-14 (20)
  • Keltoi 2-15 (21) VS Herdeiros de Dhais 4-16 (28)
  • Cambados 0-07 (7) VS Mecos 8-10 (34)

PRÓXIMA XORNADA (6-7 abril)

Feminino

  • Auriense VS Irmandinhas
  • Fillas de Breogán VS Estrela Vermelha
  • Turonia VS Keltoi

Masculino

  • Auriense VS Irmandinhos
  • Fillos de Breogán VS Estrela Vermelha
  • Cambados VS Keltoi
  • Mecos VS Herdeiros de Dhais
  • Turonia VS Dorna
  • Braithreachas VS Estrela Gaels

Clasificación

Feminina

  1. Herdeiras de Dhais 22 ptos (+93)
  2. Estrela Vermelha 20 ptos (+159)
  3. Fillas de Breogán 12 ptos (+12)
  4. Keltoi 8 ptos (-64)
  5. Irmandinhas 6 pts (-34)
  6. Auriense 4 ptos (-51)
  7. Turonia 2 ptos (-115)

Masculina (Sénior)

  1. Estrela Vermelha 27 ptos (+256)
  2. Irmandinhos 26 pts (+272)
  3. Fillos de Breogán 24 ptos (+155)
  4. Auriense 21 ptos (+82)

Masculina (Plate)

  1. Herdeiros de Dhais 21 ptos (+152)
  2. Keltoi 16 ptos (+98)
  3. Mecos 15 ptos (-19)
  4. Cambados 8 ptos (-230)

Masculina (Shield)

  1. Braithreachas 9* ptos (-87)
  2. Dorna 7 ptos (-133)
  3. Estrela Gaels 6 ptos (-86)
  4. Turonia 6 ptos (-147)

(*) Penalizado por ter partidos non presentado

Crónicas

Keltoi 2-15 (21) VS Herdeiros de Dhais 4-16 (28) [Masc.]
Keltoi 2-19 (25) VS Herdeiras de Dhais 4-22 (34) [Fem.]

A xornada abríase no campo da ETEA en Vigo cun emocionante Keltoi – Herdeir@s de Dhais. No partido masculino, o título Plate en xogo, mentres que no feminino as de Lalín buscaban unha victoria que lles permitira afrontar a última xornada coas máximas garantías.

Ás 10:30 daba comezo o encontro masculino, no que os vigueses sairon enchufados, demostrando as gañas de levarse o partido. Pola súa parte, Herdeiros nunca acabou de atoparse cómodo e non atacaba con fluidez, mais soubo sufrir. Chegouse ao descanso cunha vantaxe de catro puntos a favor dos locáis. O comezo da segunda parte discurriu por similares derroteros, con Herdeiros reducindo a diferenza a só dous puntos. No minuto 20, un erro defensivo da zaga local fai conceder un gol ao equipo rival, que dende entón se fixo dono do partido. Un novo gol un minuto despóis, e outro máis a 5 minutos do final pechaban o partido e condenaban a Keltoi. Ao final, victoria lalinense por 21-28.

Acto seguido da comezo o partido feminino, no que Herdeiras de Dhais partía como clara favorita e con gañas de manter a súa racha invicta desta tempada. Nos primeiros intres do partido Keltoi aguantou as embestidas das do Deza, que dominaban lixeiramente pero non acababan de carburar. Sen embargo, ao redor do minuto 10, o xogo das visitantes fíxose máis fluido e non perdoaron a unnervioso Keltoi, deixando, salvo milagre, o partido sentenciado ao descanso. Na segunda parte as de Vigo sairon máis sereas e con menos presión, o cal se traduxo nunha mellora considerable do seu xogo, mellorando en defansa e finalizando a punto moitas das xogadas. Herdeiras aguantou o pulso e xestionou ben o partido. Aínda que Keltoi recortou distancias na segunda parte, a vantaxe acadada daba tranquilidade ás do Deza para afrontar o final do partido con tranquilidade. O luminoso amosaba ao final un 25-34 para as de Lalín.

Cambados 0-07 (7) VS Mecos 8-10 (34) [Masc.]

Esta fin de semana tivo lugar o derbi do Salnés entre o Cambados e os Mecos. Ambos conxuntos non se xogaban xa practicamente nada, xa que a clasificación está case decidida no grupo 2.

No primeiro tempo o Cambados, que apenas contaba con efectivos para afrontar o partido, intentou sacar algo de orgullo para resistir as embestidas dos Mecos, pero tras a lesión de Álex, viñéronse abaixo e non tiveron maneira de suplir a súa baixa. Tras esto, os do Grove aproveitaron a situación e non tiveron grandes dificultades para ir collendo vantaxe no marcador.

A segunda parte seguiu a mesma tónica, os xogadores cambadeses non tiveron o día acertado, e apenas conseguiron coller portería. Pola súa banda, os mecos segueron apretando, e consegueron poñer no marcador final un 7-34.

Auriense 5-14 (29) VS Fillos de Breogán 2-14 (20) [Masc.]
Auriense 4-10 (22) VS Fillas de Breogán 3-15 (24) [Fem.]

Unha semana máis as 16:30 abriuse a xornada no Campo de Rugbi, desta vez os rapaces comezaron primeiro. Nun partido frenético, marcado polo acerto a paos, os locais marcharon ao descanso cunha vantaxe de 4 puntos. Na reanudación, o maior acerto de cara a porta do Auriense mantivo a vantaxe local, rematando cun resultado de Auriense 05-14 (29), Fillos 02-14 (20).

A continuación no partido feminino continuou marcado polos continuos contragolpes de ambos equipos. Nos derradeiros momentos, o marcador chegou ao empate a 22 puntos tras unha serie de excelentes xogadas, mais o mellor acerto das herculinas rematou por darlle a vitoria as visitantes por so dous puntos. Auriense (22) Fillas (24).

Irmandinhas 1-12 (15) VS Estrela Vermelha 4-16 (28) [Fem.]
Irmandinhos 3-12 (21) VS Estrela Vermelha 3-13 (22)[Masc.]

Todos os ollos da xornada estaban postos no duelo entre dous dos clásicos da Liga Galega, Irmandinhos e Estrela Vermelha, co título de liga en xogo. Os duelos, tanto o masculino como o feminino, foron para o equipo compostelán.

Comezaron a tarde as rapazas, cun Estrela Vermelha feminino que, de xeito similar ao masculino, se xogaba manterse na loita polo título. Un bo comezo deu unha pequena vantaxe ao conxunto local, aproveitando os nervos iniciais das compostelás. Segundo foi avanzando o partido, as estreleiras fóronse atopando máis cómodas e fixéronse co control do partido, dándolle a volta ao marcado, aínda que sen conseguir romper o partido. Ao descanso, as visitantes lideraban cunha vantaxe de 5 puntos. Na segunda metade, o Estrela apretou máis, demostrando a necesidade de obter a victoria para manterse na loita polo título, pero cunhas Irmandinhas que en ningún momento lle perderon a cara ao partido. Victoria final para as vermellas por 15 a 28.

Pasadas as 20h daba comezo o plato forte do día, cunha “finalísima” na que estaba en xogo directo o título de liga, xa que unha victoria estradense daríalles de xeito matemático a súa terceira liga consecutiva.

Comezaron ben os “Inhos”, anotando tres puntos e entrando no partido mellor que o seu rival. Sen embargo, aos dez minutos de xogo atoparon unha dura resposta do Estrela con dous goles envelenados de sendos tiros a paus, que fixeron dano no conxunto local. Nos minutos seguintes, os estreleiros lograron sacar unha vantaxe de ata cinco puntos. Irmandinhos metíase de novo no partido cun gol nos derradeiros intres da primeira parte e mandaba a ambos conxuntos aos vestiarios cun empate a 12. Poucos imaxinaban que isto só era un preludio do que ía ocurrir.

Tras a reanudación, os estradenses entran máis enchufados e logran dous puntos, instalando o nerviosismo nas filas estreleiras. Sen embargo, cando mellor xogaba Inhos, un erro defensivo permitía a Estrela golpear cun gol e porse por diante no marcador (14-15). Aproveitándose dos nervos que se apoderaron dos locáis, os composteláns comezaron a abrir brecha no marcador a base de tiros a paus, mentres os estradenses acusaban a falta de puntería nas ocasións das que dispuñan. O Estrela dominaba e o partido parecía visto para sentenza cando a vantaxe a falta de 5 minutos era de 7 puntos (15-22), pero faltaba un ingrediente: a épica irmandinha. A falta dun minuto, axudado por un algún erro de bulto dos visitantes, Irmandinhos anota dous goles seguidos e ponse a tan só un punto, meténdose de cheo no partido. O nerviosismo se palpaba no campo e na grada. De repente, nun minuto, todo era posible, con esa emoción que só deportes como o fútbol gaélico son capaces de xerar, sabendo que unha xogada o pode cambiar todo. E tívoa Irmandinhos, co derradeiro tiro do partido que se escorou por escasos centímetros. O Estrela celebraba unha victoria clave, que pode valer unha Liga a falta do que fagan ambos equipos na derradeira xornada de Liga, que promete ser igual de emocionante.