Galicia demostra que segue en estado de gracia no Torneo Internacional de Madrid

As Seleccións Galegas de Fútbol Gaélico regresaron esta fin de semana á competición. Os combinados masculino e feminino desprazáronse a Madrid para participar nun prestixioso torneo internacional que cada ano por estas datas organiza o club de fútbol gaélico da capital do Estado: Madrid Harps GAA. Trátase dun torneo de carácter amistoso pero cun gran nivel competitivo posto que nel xogan en cada edición clubs chegados dende diferentes puntos de Europa formados por xogadoras e xogadores moi experimentados, moitos deles irlandeses e con moitos anos de fútbol gaélico ás costas. Foi, precisamente, a elevada e contrastada calidade dos equipos que participan na copa dos “Harps” o que motivou aos preparadores galegos a inscribirse, porque o obxectivo principal das nosas Seleccións en Madrid non é outro que o de coller minutos, experiencia e bagaxe competitiva no camiño preparatorio dos GAA World Games, que se celebran na localidade irlandesa de Waterford do 28 de xullo ao 1 de agosto e nos que Galicia aspira a realizar un bo papel.

En total competiron no torneo -que se celebrou no campo de rugby da Hortaleza- 10 equipos incluíndo as Seleccións Galegas. No apartado feminino Galicia encadrouse nun grupo único de 4 escadras xunto con Shamrocks (Madrid), Leprechauns (Madrid) e St. Judes GAA (Bournemouth, Inglaterra). Tras un pleno de victorias, as galegas enfrontáronse na final ás segundas clasificadas, Leprechauns, obtendo unha contundente victoria por 22-5, demostrando que o noso combinado feminino segue en estado de gracia.

No eido masculino participaron 6 conxuntos divididos en 2 grupos de 3 equipos, nos que os dous primeiros de cada grupo clasificaríanse para as semifináis. A Selección Galega quedou enmarcada no grupo B xunto con Madrid Harps GAA “B” e Wandsworth, club procedente de Londres. O grupo contaba con Madrid Harps GAA “A”, Zurich e St Judes GAA. A final enfrontaría ao combinado galego cos anfitrións, Madrid Harps “A”, que acabaron retendo o trofeo na casa por un axustado 5-3.

Ao remate do torneo, as Seleccións Galegas iniciaron a viaxe de volta a Galicia no mesmo bus que os trasladou o venres, fletado pola Federación Galega de Fútbol, a quen a Asociación Galega de Fútbol Gaélico agradece a súa colaboración.

Fotos da xornada