Gran presencia galega na Convención Anual europea de xogos gaélicos

A pasada fin de semana os equipos galegos descansaron de xornada de Liga, aínda que a actualidade do fútbol gaélico non para. A acción desprazouse ata Leuven, Bélixa, onde se celebrou a 19ª Convencion Anual de Gaelic Games Europe, e que contou, como ven sendo habitual, cunha ampla representación do gaélico galego.

Unha das noticias máis importantes foi que o máximo mandatario deste organismo, Tony Bass, foi reelexido e repetirá no seu cargo durante o vindeiro ano, así como a elección dos galegos Alexandre Sanmartín “Jano” como Men’s Football Officer e de Athenia Álvarez como Ladies Football Officer. Eles serán os encargados de supervisar o estado de saúde dos equipos europeos de fútbol gaélico masculino e feminino, respectivamente.

Esta Convención ten como obxectivo dar voz a todos os organismos europeos continentais, que poden presentar propostas e mocións. En clave galega, as propostas levadas polos nosos representantes tiveron un éxito case unánime, destacando:

  • Un paquete de cambios que pretenden igualar as normas de xogo masculinas e femininas, que na normativa actual presentan certas desviacións. Cun apoio maioritario dos clubes europeos, estas propostas se debatirán no seo da Official GAA, co obxectivo de avanzar cara unha sociedade e deporte totalmente igualitario.
  • Provisión para potenciar as competicións masculinas a 9vs9 a nivel europeo de clubs. Este formato implementouse esta tempada de forma pioneira en Galicia, e busca expandir a súa populariade en Europa, aportando máis dinamismo ao xogo.

A convencióm rotará por primeira vez en cinco anos, pasando a celebrarse na zona do centro-sur de Europa, coincidindo co seu 20º aniversario.