Éxito dos equipos galegos no Campionato Europeo de Maastricht

As expedicións de Estrela Vermelha e Irmandinhos xa están de volta do campionato europeo de clubs celebrado o pasado sábado en Maastrich (Países Baixos). Ambos conxuntos fan un balance moi positivo desta viaxe tanto polos excelentes resultados deportivos como pola propia experiencia de competir contra algúns dos mellores equipos do fútbol gaélico europeo.

O torneo dividíase en tres fases: Sénior, Intermediate e Junior. A ubicación dos equipos participantes en cada fase decidiuse segundo os resultados deportivos acadados durante o ano en curso (as tempadas en Europa están deseñadas en torno ao ano natural, por contra de como é en Galicia, que vai de xullo a xuño). No caso dos galegos, tivéronse en conta os méritos acadados ao final da tempada 2017/18. Desta forma, tanto o Estrela Vermelha masculino como feminino quedaban encadrados no grupo A Sénior, as Irmandinhas no Grupo B Sénior e Irmandinhos no Grupo B Intermediate.

Estrela Vermelha arribou a Galicia con moi boas sensacións. As rapazas foron terceiras de Europa na fase Sénior (a máis alta), sendo capaces de vencer a grandes rivais como Holland Ladies GAA (Amsterdam) e Paris Gaels GAA, así como de plantarlle cara ás 11 veces campionas de Europa, Belgium GAA (Bruselas), ademáis de ás actuais campionas, Cumann Warszawa GAA (Varsovia). Precisamente estes dous equipos veríanse as caras na final, onde as polacas romperon a impresionante racha de 10 títulos consecutivos das belgas.

Pola súa banda, o equipo masculino volve coa satisfacción de ter pelexado todos os partidos na máxima categoría (Sénior) do campionato contra rivais de tanta entidade coma Belgium GAA ou Earls of Leuven (Lovaina), así como competir contra os á postre subcampións, Cumann Warszawa GAA, e campións do torneo, Amsterdam GAC.

Irmandinhos tamén volve cun sorriso na boca tanto pola experiencia como polos resultados dun club que participaba por cuarto ano consecutivo no European Championship de Gaelic Games Europe.

As “Iñas” competiron a un gran nivel na fase Sénior, e trataron “de ti a ti” a grandes equipos como Madrid Harps GAA, Paris Gaels GAA e Rennes GAA, ademáis de verse as caras contra as espectaculares campionas, Cumman Warzasava GAA, rematando sétimas da categoría.

Os homes realizaron un magnífico torneo na fáse Intermediate e acabaron terceiros da fase tras caer en semifinais contra Frankfurt Sarsfields GAA por só un tanto nun partido moi competido no que botaron ao longueiro a derradeira xogada do xogo. Na fase de grupos os estradenses non coñeceron a derrota, con pelexadas vitorias contra Rennes Gaa e Clearmont e un empate ante Eindhoven Shamrocks GFC.

Parabéns a todos os equipos galegos por esta excelente participación! Un orgullo para o Gaélico Galego!

Os vencedores de cada unha das categorías foron:

  • Senior feminino
    • Campión: Cumann Warszawa GAA (Varsovia, Polonia)
    • Subcampión: Belgium GAA (Bruselas, Bélica)
  • Intermediate feminino
    • Campión: Zurich Inneoin GAA (Zúrich, Suíza)
    • Subcampión: Frankfurt GAA (Frankfurt, Alemaña)
  • Sénior masculino
    • Campión: Amsterdam GAC (Amsterdam, Países Baixos)
    • Subcampión: Cumann Warszawa GAA (Varsovia, Polonia)
  • Intermediate masculino
    • Campión: Frankfurt GAA (Frankfurt, Alemaña)
    • Subcampión: Den Haag (A Haia, Países Baixos)
  • Junior masculino
    • Campión: Lorient GAC (Lorient, Bretaña)
    • Subcampión: Munich Colmcilles GAA (Múnich, Alemaña)